As explotacións galegas de vacún de leite máis sustentables teñen maior grao de dixitalización

As explotacións galegas de vacún de leite máis sustentables teñen maior grao de dixitalización

As explotacións galegas de vacún de leite máis sustentables teñen implantada a tramitación en liña dos distintos procesos burocráticos e presentan un maior grao de dixitalización, segundo recolle a investigadora de Sarria Alba Vázquez López na súa tese de doutoramento "Metodoloxía para a avaliación Mid-term das oficinas agrarias virtuais: propostas para unha nova xeración".

Este traballo, coordinado polos profesores e integrantes do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC Martín Barrasa Rioja e Manuel Marey Pérez, abre un camiño moi relevante tanto no ámbito das TIC's como das explotacións agrícolas ou gandeiras, neste caso máis concretamente nas ganderías de leite.

A investigación para determinar en que medida as explotacións empregan no seu traballo diario as novas tecnoloxías de información permite pór o foco nas relacións de comunicación que teñen os propios produtores coas administracións públicas por medio das oficinas agrarias virtuais (OAVs). Así mesmo, a investigadora lembra o deber das administracións públicas de dotarse de instrumentos de comunicación virtual coa cidadanía, á vez que tamén se fai eco da enorme carga burocrática que soportan os agricultores e, especialmente, as persoas que rexentan explotacións gandeiras para tramitar permisos, axudas, incorporacións, saídas de animais, nacementos ou baixas.

Vázquez López acometeu un estudo exhaustivo de campo a fin de coñecer en detalle as dificultades advertidas no sector para logo propor medidas de mellora. A investigación conclúe que: aquelas explotacións que poderiamos considerar máis sustentables son as que xa teñen instaurados os trámites burocráticos online nos seus procesos produtivos como un apartado máis do traballo, pero existe tamén un relevante número de explotacións que non fai uso deste tipo de opcións de comunicación, nin tan sequera considérao prioritario mentres estean dispoñibles outras alternativas.