As industrias lácteas e a Xunta instan ao Goberno a garantir a subministración e a saída de produtos para asegurar a recollida de leite

As industrias lácteas e a Xunta instan ao Goberno a garantir a subministración e a saída de produtos para asegurar a recollida de leite

Representantes das industrias lácteas mantiveron esta tarde un encontro co conselleiro do Medio Rural, José González, e co director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, para abordar a súa situación ante o paro do transporte. Ambas partes demandáronlle ao Goberno central que identifique corredores seguros para garantir a chegada de subministración ás fábricas e a saída dos produtos lácteos acumulados durante estes días co fin de asegurar a recollida do leite nas granxas.

A maiores, fíxose un novo chamamento para asegurar que as industrias de pensos conten cos cereais necesarios para producir e que estes pensos cheguen ás explotacións, así como para demandar que os produtos cárnicos poidan saír dos matadoiros. Nese senso, José González insistiu en que se está a falar de produtos perecedoiros e da supervivencia e benestar dos animais, nun sector en risco de parálise. “A situación pode tornarse insostible nun prazo de dous ou tres días diante da imposibilidade da recollida de todo o leite das explotacións galegas”, advertiu o conselleiro. 

No encontro, José González lembrou que os efectos do paro do transporte se veñen sumar á suba das materias primas rexistrada en 2021, situación que se agravou ademais tras a invasión rusa de Ucraína. Por iso, o titular de Medio Rural urxe ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación a que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e esixe que se faga efectiva a prohibición de venda a perdas. Así mesmo, o conselleiro instou, unha vez máis, ao Ministerio a que se reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandería para, canto antes, acordar unha suba do prezo dos produtos que están percibindo os gandeiros.

Canto ao Ministerio de Transportes, o titular de Medio Rural demandou que se reúna canto antes coa plataforma que convocou o paro para desbloquear esta situación que -segundo dixo- pode levar a cadea agroalimentaria galega ao colapso.

Ao tempo, insistiron na necesidade de levar a cabo outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e outros insumos claves para o sector primario.