P. Cardoso: "As visitas ás ganderías danlles aos estudantes a oportunidade de ter unha visión real deste sector"

O profesor asociado da Universidade de Illinois (Estados Unidos) Phil Cardoso foi un dos expertos convidados a participar na última edición do Congreso Anembe. Fíxoo por partida dobre, abordando os efectos da nutrición no rendemento das vacas. Sobre iso fala a continuación. Máis, en Vaca Pinta 43.

Puxo o foco no efecto da alteración do balance enerxético no rendemento das vacas secas. Que nos pode destacar respecto diso?
Moitas veces temos a concepción de que, independentemente de como alimentemos as vacas, elas teñen a capacidade de controlar o seu consumo de enerxía. Na charla demostrei que isto non é verdade e que se, por exemplo, lles achegamos ás secas unha dieta con ensilado de millo, o que faremos será que coman de máis. Por iso aposto por unha estratexia baseada no control da enerxía, para o que temos que achegar unha fibra de baixa calidade para que o consumo de enerxía preparto estea controlado. A fibra dada nesta dieta fará que a vaca teña un límite físico do consumo, entón non inxerirá nin de máis nin de menos, senón o que necesite. 

A súa segunda intervención centrouse nas estratexias nutricionais durante o período de transición. Como impacta isto no éxito reprodutivo do animal?
O noso obxectivo neste sentido sempre será preparar a vaca para o éxito reprodutivo, para que quede preñada canto antes tras o parto e que manteña a preñez. Para iso, é importante incluír determinados nutrientes na dieta. Isto empeza antes do parto, entón a dieta preparto ten un impacto na lactación da vaca, así como no útero, no folículo e no propio embrión. 
Centreime moito na función dos aminoácidos. Hai máis de vinte anos que sabemos que en vacún de leite os dous aminoácidos esenciais, metionina e lisina, son os máis limitantes, e por iso estamos a traballar para tratar de determinar cal é a mellor formulación. Non é como no caso doutros nutrientes, dos que damos unha cantidade fixa por vaca e día. Con estes aminoácidos necesitamos formular a dieta, ver os ingredientes e decidir canto máis de aminoácido protexido necesitamos achegarlles ás nosas vacas. Así pois, o tema da charla é unha parte central de cal é o impacto de achegar eses aminoácidos que compoñen as proteínas e como de importante é isto para a vaca e para o seu éxito reprodutivo.


 “O nivel técnico é moi parecido aquí e noutras zonas do planeta. [...] O que si cambia é a aplicación de conceptos; mesmamente pode ser distinto entre o norte e o sur de España”

Detecta diferenzas en canto ao nivel de coñecemento respecto da nutrición en vacún entre distintas rexións? 
Creo que o nivel técnico é moi parecido aquí e noutras zonas do planeta. A cuestión sempre é canto podemos potenciar as vacas e cantas posibilidades temos de usar tecnoloxías como poden ser os aminoácidos protexidos. Normalmente úsanse máis en granxas máis potentes, nas que buscan obter máis das súas vacas. Neste sentido, creo que o intercambio de opinións sempre é positivo porque o concepto da bioloxía, o que a vaca necesita, é igual en todo o mundo. O que si cambia é a aplicación de conceptos; mesmamente pode ser distinto entre o norte e o sur de España. Nos Estados Unidos tamén ocorre isto, polo é moi enriquecedor conversar cos técnicos para buscar solucións e para adaptarse á situación local. 

Vostede aposta especialmente por poñer en conexión a ciencia co labor práctico, a pé de granxa. Estase a traballar correctamente neste sentido?
Nos Estados Unidos temos unha parte do ensino que chamamos “extension”, que forma parte do meu traballo. Algo que fixemos nesta liña, nun experimento recente con Kemin, foi o fomento de preguntas técnico-científicas que saían directamente das ganderías. A cuestión proposta trataba a relación real entre a enerxía e a formulación de aminoácidos, tendo en conta que xa sabemos que a maneira en que formulamos os aminoácidos impacta na enerxía.
Xerouse esta pregunta desde o campo, expúxoselle á parte científica, fíxose o estudo e agora estamos no punto de realizar as interaccións entre os distintos axentes. Creo que o éxito deste tipo de iniciativas radica en xerar preguntas que sexan relevantes para as granxas e para os técnicos, así como dar resposta baseándonos nos nosos coñecementos científicos. 

En 2012 puxo en marcha o proxecto Dairy Focus Team. Foi a antesala do que está a desenvolver agora?
En parte si. Cando traballaba no Brasil, tiña o meu propio negocio de veterinaria e isto dábame a oportunidade de visitar moitas granxas. Pensando en como darlles esa posibilidade que eu tiña aos meus alumnos, xurdiu o Dairy Focus Team. A idea deste equipo, que está composto por estudantes, é visitar ganderías, recoller datos e, posteriormente, presentarlles aos gandeiros información sobre como están en relación con outras granxas da zona. 
O obxectivo é que os estudantes teñan a oportunidade de incentivar a través do seu traballo a mellora das ganderías. Creo que unha das mellores formas de logralo é poder compararse cos que te rodean, aínda que os participantes eran anónimos, simplemente estaban identificados con números. Concretamente traballamos cunha vintena de granxas de Illinois e, grazas a esta iniciativa, puidemos xerar novas vías de investigación relacionadas con problemas reais que poden ser comúns a moitos negocios gandeiros.

Un dos problemas que enfronta aquí o gremio buiatra é a falta de remuda. Ocorre o mesmo nos Estados Unidos?
Si, alí pasa algo similar. Temos incentivos por parte do Goberno neste sentido. Por exemplo, en Illinois, se vas traballar con grandes animais, fináncianche parte dos estudos. É unha maneira de tratar de atraer novos profesionais para que tomen a remuda xeracional e creo que pode ser particularmente efectivo no ámbito do gando leiteiro, que está moi tecnificado e xa non é un traballo tan fisicamente demandante.

Sería a aposta por unha maior formación práctica nas facultades de Veterinaria unha maneira de atraer máis estudantes?
A formación práctica sempre é necesaria, sen dúbida. Actualmente, moitos dos estudantes de Veterinaria veñen de áreas urbanas, polo que son máis tendentes a preferir pequenos animais e, cando teñen a oportunidade de ter contacto cunha vaca de leite, vena coma se fose un can grande. As visitas ás ganderías danlles aos estudantes a oportunidade de ter unha visión real deste sector, da industria leiteira e da gandería.
Ademais, penso que as cuestións que eu lle poida facer a un gandeiro parten dunha perspectiva moi distinta á que poida ter un estudante, así que diría que tamén é algo positivo para os gandeiros. É unha interacción moi proveitosa para todos.