Seragro SCG pecha as súas XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite o xoves e venres da presente semana. Como nos anteriores módulos, ambas citas darán comezo ás 15:30 horas e poderán seguirse a través de www.xornadasseragro.com.
O cuarto módulo, que se celebrará mañá, xoves 18, dividirase en dous relatorios e centrarase na saúde dende o primeiro día. O encargado de abrir a cita será Ángel Abuelo Sebio, veterinario e profesor de Sanidade e Benestar do Gando na Universidade Estatal de Michigan (EE. UU.). Falará sobre o primeiro día da xata, que se considera o máis importante. Pechará esta sesión Juan José Sánchez López, do servizo de Podoloxía de Seragro SCG, coa saúde podal desde o primeiro día.
O quinto módulo será o venres 19 e abordará o medio ambiente e a sostibilidade da produción láctea. Fernando Estellés Barber, profesor de Ciencia Animal e Tecnoloxía (UPV), comeza a cita coas emisións nas ganderías de produción de leite e magnitude real do problema. Seguirá David Yáñez Ruíz, investigador científico do CSIC, estación experimental de Zaidín (Granada), que falará sobre a redución de emisións e responderá a que se pode facer na granxa. Logo será a quenda da redución das emisións e que se pode facer no campo. Disto charlará Fernando Vicente Marinar, investigador do Serida. Para pechar esta sesión, estará J. M. Mulet, catedrático de Biotecnoloxía da UPV e divulgador científico. Exporá os mitos sobre a saúde e a sostibilidade asociados ao consumo de leite.
Como é habitual, para poñer punto e final a estas citas farase o tradicional brinde do leite. Desde a organización non quixeron deixar de celebrar este acto que reunía a todos os participantes no escenario. Nesta ocasión, como as xornadas se celebraron de maneira virtual, desde Seragro pediron a todas as persoas interesadas que enviasen un vídeo ou unha imaxe brindando cun vaso de leite. Para clausurar a maioría de idade das Xornadas Técnicas, emitirase un vídeo recompilatorio con todas as persoas participantes nesta iniciativa.