VETERINARIA E COORDINADORA DA ADSG XUNDEVA

Gloria Martínez: “O ideal sería conseguir que todas as granxas pertencesen a unha ADSG para o control das enfermidades”

Gloria Martínez, veterinaria e coordinadora da ADSG Xundeva, que celebra o seu vixésimo aniversario, participou como relatora nas xornadas Africor Lugo-Vaca Pinta 2024, celebradas na Facultade de Veterinaria de Lugo a finais de febreiro. Con motivo do encontro, puidemos conversar con ela sobre o papel que exerceron e exercen as ADSG ao longo dos anos e de como conseguiron mellorar a calidade sanitaria de moitas explotacións inscritas no programa. Máis en Vaca Pinta 45.

Que importancia ten traballar en aspectos relacionados coa prevención nas explotacións?

É tremendamente gratificante, porque, se non previmos, é moi difícil despois curar. Eu creo que somos o primeiro elo; intentamos evitar que entren os problemas na explotación coa colaboración do gandeiro, porque, se non, é imposible, e no ámbito sanitario obsérvase que as granxas que están en ADS están moitísimo mellor que as outras.

Viuse unha evolución e un avance no traballo de prevención durante estes últimos anos? En que enfermidades se avanzou máis e en cales existen maiores dificultades?

Hai enfermidades que tratamos nós no programa sanitario obrigatorio nas que si se observa un avance moi grande, sobre todo no IBR, xa que é máis fácil de controlar e temos máis medios para iso. Con respecto á Neospora, somos sobresalientes en España cos índices tan baixos que temos en Galicia, e co IBR, igual; de feito, levamos dous anos intentando incluír no programa nacional de forma voluntaria as explotacións da ADSG Xundeva. Agora mesmo, das 905 que temos, xa conseguimos incorporar 634 explotacións no máximo nivel no programa voluntario nacional de IBR.

Así mesmo, con respecto á BVD, na miña presentación obsérvase claramente como fomos mellorando, pero do 2014 ao 2023, que son os datos que temos, estancámonos absolutamente. En canto á paratuberculose, como é unha enfermidade crónica, cústanos, pero ímolo conseguindo.


“Intentamos evitar que entren os problemas na explotación coa colaboración do gandeiro”

Que papel desempeñan as ADSG no sector gandeiro galego?

Fundamentalmente, o control das enfermidades. Nós destacamos en moitas, é dicir, no seu control. Somos un referente a nivel nacional, non só polo labor dos veterinarios ou da Administración, senón tamén pola concienciación dos gandeiros que pertencen á ADS. A formación que se lles dá continuamente failles ser profesionais.

A  ADSG Xundeva celebra o seu vixésimo aniversario. Como foi a súa evolución desde os inicios ata agora? En que se mellorou?

Eu considero que a evolución foi á vez coa gandería en Galicia. É certo que antes tiñamos máis explotacións, agora menos, pero as UGM mantéñense. A tendencia é granxas máis grandes, con persoas máis cualificadas e un equipo veterinario totalmente implicado para poñernos a un nivel adecuado.

Que quedaría por facer? Continuamos pola mesma liña?

Un pouco de loita coa Administración. Eu sei que non é posible e eles non o razoan, pero o ideal sería conseguir que todas as granxas pertencesen a unha ADS para o control das enfermidades.

Cales son os elementos fundamentais nun programa sanitario?

Os elementos fundamentais son o programa sanitario que marca a Consellería; un equipo de veterinarios totalmente vinculado cos gandeiros, con confianza e que abarquen todos os problemas da explotación, e formación das granxas e dos gandeiros. Basicamente iso e traballar conxuntamente todos.

Para que os programas teñan éxito é necesaria unha comunicación e colaboración entre todas as partes. Conséguese de todo a día de hoxe ou faría falta mellorar en algo?

Totalmente. Eu creo que no caso de Xundeva, con 20 anos de traxectoria, cada un temos asignados case sempre os mesmos gandeiros, xa es como da casa; entón, saben cando estás enfadado e mesmo cando fixeron algo mal, e explícancho. Contamos con ese ti a ti.

Que importancia ten o compromiso e a formación dos profesionais no éxito dos programas? Consideras que hai que estar a mellorar e aprendendo de maneira constante?

Continuamente; de feito, creo que nós investimos moito na formación dos veterinarios; tamén dos gandeiros, pero na dos veterinarios, continuamente.

Ante a recente aparición da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), que papel exerceron as ADSG?

Fundamentalmente, o de comunicárllelo aos servizos veterinarios oficiais: eles eran os que se encargaban da toma de mostras. Tamén lles demos o noso apoio aos gandeiros, porque realmente tiveron perdas importantes e sufrírono. Como Xundeva é tan grande, houbo zonas onde se viu que a EHE afectaba máis, sobre todo nas de pastoreo e nas máis temperadas.