Os custos de produción dos gandeiros de leite en Galicia soben 4 céntimos por litro en 2021

Os custos de produción dos gandeiros de leite en Galicia soben 4 céntimos por litro en 2021

Representantes de Unións Agrarias, do Sindicato Labrego Galego, da Federación Rural Galega, da Asociación Agraria de Galicia e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias reuníronse esta mañá no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), co conselleiro do Medio Rural, José González, quen lles presentou un estudo que constata un impacto do incremento dos custos de produción nas ganderías de leite galegas de 4 céntimos por litro no 2021 en comparativa co ano 2020.

O informe, elaborado en colaboración coa Fundación Juana de Vega a partir dunha mostra representativa de explotacións, avalía a evolución tanto dos prezos do leite como dos seus ingresos e custos entre 2020 e 2021. Así, en relación cos primeiros, confírmase que aumentaron un 3,16 %. Pola súa banda, os ingresos medraron un 2,71 %, mentres que os custos se incrementaron en preto do 12 %. Isto supón, tal como explicou o conselleiro, que se está a rexistrar no sector unha situación de venda a perdas xeneralizada, algo que vai en contra da Lei nacional da cadea alimentaria.

Os custos das materias primas e insumos avaliados neste estudo refírense aos alimentos para o gando, á electricidade, ao gas e ao gasoil, fundamentalmente. No caso da enerxía rexistráronse subas de ata o 55 %. No que atinxe á cebada, o custo medrou en máis dun 31 %; no penso, preto do 17 %, e, no carro mesturador externo que leva a ración ás explotacións, de case o 12 %.

Con estes datos, José González indicou que se está a vivir un importante deterioro das contas de resultados das explotacións, situándose a marxe neta de ingresos no -2,3 %, cando no 2020 este indicador era positivo e acadaba case o 6 %.

Como conclusión, constátase que o impacto estimado da suba de materias primas nos custos de produción nas explotacións foi de 4 céntimos, pasando dos 0,36 céntimos por litro aos 0,40.

DEMANDAS AO MINISTERIO

Tendo en conta estas consideracións, e para buscar unha regulación desta situación de crise, a Xunta e as organizacións profesionais agrarias asinarán un acordo que recollerá diversas medidas e que será remitido ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA).

Entre elas, demandarán ao Ministerio que propicie un gran acordo entre a distribución, a industria e os produtores a nivel nacional que faga que se habiliten mecanismos para incrementar o prezo actual dos contratos de venda do leite cunha prima de emerxencia que garanta a viabilidade económica do sector. Pedirán ademais que habilite de inmediato mecanismos específicos de control que garantan o cumprimento da prohibición da venda a perdas e, nesta mesma liña, solicitarán que se teña en conta a aplicación informática Conta Láctea, creada pola Xunta para permitirlle aos gandeiros calcular os seus custos de produción e, consecuentemente, o prezo ao que deberían vender o leite para obter rendibilidade.