A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, definiu o queixo de Galicia como “un libro saboroso da nosa historia”. Foi durante a súa intervención na entrega de premios da XXVII Cata dos Queixos de Galicia, que tivo lugar onte en Santiago de Compostela e que organiza a Xunta en colaboración cos consellos reguladores.
A conselleira, que estivo acompañada por altos cargos do seu departamento, gabou a historia e a tradición no consumo destes produtos senlleiros da despensa galega. Así, afirmou que “de queixo en queixo poderíase facer o Camiño de Santiago, que servía aos peregrinos como produto enerxético”. Ademais, lembrou que “somos queixeiros desde os celtas co San Simón da Costa”, que “os Reis Católicos comían queixo do Cebreiro” ou que “a orixe do QueixoTetilla e o Arzúa-Ulloa pérdese na noite dos tempos”.
Nesta liña, María José Gómez felicitou tamén aos participantes nestes certames e especialmente aos galardoados, asegurando que “ano tras ano se superan coa calidade dos seus produtos e llo poñen cada vez máis complicado ao xurado”. Asemade, agradeceu os compoñentes do panel de cata a súa contribución ao éxito destes concursos.
PREMIADOS
Na categoría de Artesanía Alimentaria, foron premiados os queixos Néboa, da Gandería Quintián, que levou o ouro; Savel, de Airas Moniz, coa prata, e Tenzo, de A Meixoeira, co bronce. O ouro da DOP San Simón da Costa foise para Fontelas; da DOP Arzúa-Ulloa, para Queinaga, e da DOP Queixo de Tetilla, para Terra de Melide.
En relación coa excelencia destas producións, a conselleira sinalou que “temos os mellores queixos do mundo”, como se pon de manifesto cos recoñecementos que reciben nos diferentes certames internacionais do sector.
Sobre o peso do sector alimentario en xeral, e do queixo en particular, Gómez salientou que o pasado ano se produciron en Galicia preto de 6,5 millóns de quilos de queixo, cunha facturación de máis de 52,5 millóns de euros. Polo tanto, concluíu, estas producións “son unha parte moi importante da economía de Galicia”, pero ademais representan “un eixo vertebrador da cultura, da gastronomía, da tradición e, en resumo, de todo o que conforma a idiosincrasia de Galicia”.
Se queres coñecer máis a fondo a Gandería Quintián ou Airas Moniz, aquí che deixamos as ligazóns ás dúas reportaxes que Vaca Pinta lles fixo a estas dúas ganderías e queixerías.