O queixo tamén é para o verán. Así o defende a Organización Interprofesional Láctea (Inlac) que, como parte da súa campaña Quesea de divulgación dos queixos de orixe nacional, presentou unha lista de posibilidades para gozar deste alimento tamén durante os meses máis cálidos do ano, argumentando que existen queixos que soportan ben o transporte e a súa conservación para levar á praia, montaña ou piscina.
TRES PROPOSTAS PARA GOZAR DO QUEIXO NO VERÁN
- Para engadir ás ensaladas, propoñen queixos frescos de textura branda, como os de Burgos. Tamén os queixos semicurados combinados con froita e, para aqueles os que lles gusten os sabores intensos, convidan a empregar queixo de cabra nunha ensalada con figos.
- Os manchegos curados son perfectos para a pasta. Tamén o son os queixos azuis, que se derreten ben e danlles un toque diferente ás pizzas. Ademais, mesturados con manteiga ou nata crean unha saborosa salsa para acompañar carnes, pasta ou pratos de verdura.
- Unha boa selección de verduras crúas cortadas en bastoncillos, como cenorias, cagombriños ou apio e acompañadas dun queixo untable ou fresco é a terceira proposta da interprofesional.
O QUEIXO, UN ALIMENTO CUN ALTO VALOR NUTRICIONAL
Ademais, desde a Inlac poñen o foco no feito de que o queixo conteña proteínas de alto valor biolóxico; é máis: a cantidade de proteínas que achega o queixo é superior ás da súa materia prima, o leite.
Trátase dun dos alimentos con maior concentración de calcio que existen, o cal axuda a formar e manter os dentes e os ósos sans e tamén é esencial para o funcionamento do sistema nervioso e muscular. Unha porción de 100 gramos de queixo equivale ao requirimento diario dunha persoa adulta, unha razón máis que suficiente para defender que o queixo deba estar presente na dieta desde a infancia ata a terceira idade.
É, ademais, un alimento rico en vitaminas A e D e en vitaminas do grupo B, entre as que destaca a vitamina B12, a B9 (ácido fólico), a B1 (tiamina) e a B2 (riboflavina).