Con motivo da celebración do Ciclo de Conferencias en AgroRobótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), este mércores 19 de xullo terá lugar tamén unha demostración de dous robots nos campos de prácticas do centro en Lugo. A asistencia ao ciclo de conferencias e ás demostracións é gratuíta ata completar aforo. Os interesados poden realizar inscrición previa nesta web.
Os dous robots da demostración son fabricados pola casa comercial francesa Naio e poderanse ver traballando por primeira vez en Galicia. Naio é unha empresa creada no ano 2011 que na actualidade conta con máis de 300 robots agrícolas traballando en explotacións reais, o que a converte nunha das compañías que lideran a robotización agrícola a nivel mundial a día de hoxe.
O OZ foi o primeiro modelo de robot agrícola fabricado pola empresa: empezouse a desenvolver en 2014. Este robot multitarea está destinado principalmente a explotacións hortícolas e viveiros, nas que se poden realizar traballos de plantación, sementeira, laboreo e control mecánico de malas herbas. O robot pesa ao redor de 180 kg e vai accionado eléctricamente cunha batería que proporciona unha autonomía de ata oito horas. Poderase ver traballando nunha plantación de leitugas no predio de prácticas de San Fiz da EPSE.
O outro modelo de robot que se poderá observar na demostración traballando sobre as plantacións de viñedo dos campos de prácticas da EPSE é o TED: un robot especializado en viñedos, para o que posúe un bastidor universal sobre o cal se poden montar as distintas ferramentas de traballo. O robot realiza o control mecánico de malas herbas de forma efectiva e precisa sen herbicidas, respectando o chan e o cultivo. Ten accionamiento eléctrico e pode traballar ata 10 horas ao día de forma totalmente autónoma.