A encargada da posta en marcha e da dirección técnica do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, a sarriana Marisa Barreal, retírase despois de trinta anos á fronte desta asociación clave para o desenvolvemento do sector. Na súa última semana aos mandos do Ligal reuniuse connosco paras facer un repaso, publicado en Vaca Pinta 25, pola que, sen dúbida, foi unha sobresaínte carreira profesional.
Comezaches a traballar no sector moi nova. Como foron os teus inicios?
Ao acabar a carreira, con 23 anos, a miña ilusión era poñerme a traballar, aínda que os meus pais querían que preparase oposicións, como ían facer todas as miñas amigas. Solicitei unha entrevista persoal con don Jesús Lence Ferreiro, que nese momento estaba comezando, en concreto coa posta en marcha dun centro de frío en Baralla, para o cal me contratou, para facer o control da calidade do leite. O certo é que alí fixen de todo, ata poñer o prezo do leite aos gandeiros. Despois, non tardamos en poñer en marcha a fábrica de Leite Río, e logo a de Solán e a de envasado de auga.
Eras a única responsable técnica de todos os procesos da fábrica. Tivo que ser un desafío importante, sobre todo sendo tan nova...
A posta en marcha foi un reto especialmente importante para min, sen dúbida. Era o ano 1983, era moi nova, unha muller no medio do resto do persoal, que era máis maior, todos homes e que dependían de min... Pero teño que dicir que en todo momento me respectaron e apreciaron. Estiven durante bastante tempo levando soa toda a parte técnica, desde que se recibían as cisternas do leite ata que saían os envases para o consumidor. Tamén tiña que analizar as mostras dos gandeiros, xa que non existía o Laboratorio Interprofesional, que se creou a finais de 1989.
Debeu de ser unha escola de aprendizaxe intensiva, verdade?
Eu sabía a hora á que entraba, pero non a hora á que saía... Pero estou moi satisfeita de ter traballado dez anos co señor Lence. Foi unha gran escola, envioume a facer moitos cursos e permitiume adquirir un gran espírito de constancia, esixencia, responsabilidade e superación no traballo, que considero que foi moi importante para a miña evolución profesional no Ligal, onde tamén me tocou poñer todo en marcha xunto con Javier González-Palencia.
No Ligal entraches a traballar en xaneiro de 1990, case ao mesmo tempo que se fundou o laboratorio. Cal era o propósito da súa creación?
O Ligal é unha sociedade sen ánimo de lucro na que están representadas as industrias, os gandeiros e tamén a Consellería de Agricultura, e creouse co propósito de que existise un laboratorio neutral onde se analizasen as mostras dos gandeiros para o pago por calidades. Digamos que pasou a ser o “xuíz” da calidade do leite que analiza e envía os resultados tanto ás industrias como aos gandeiros. Isto fixo que se avanzase moito en canto a calidade, xa que a única maneira de mellorala é sabendo en que se falla para poder tratar de corrixirse.
Que lembras dos primeiros meses traballando no laboratorio?
O edificio cedeuno a Consellería de Agricultura o 4 de outubro de 1989 (tras a posta en marcha do proxecto por parte de Sineiro). Eu fun a primeira persoa en ser nomeada: en xaneiro de 1990 contratáronme a min como directora técnica e en maio a Javier como xerente. Polo tanto, os primeiros catro meses estiven eu aquí soa cos electricistas, fontaneiros etc., cun proxecto de obra que non se adecuaba ás instalacións e aos equipos que iamos poñer, polo que tiven que convencer ao director de obra, o señor Ángel Ligero, para poder modificar case todo, cousa que lle agradezo. En xuño contratamos á secretaria e a mediados de agosto ao resto dos traballadores, de maneira que a finais de ano xa eramos 23 empregados.

Como reaccionaron as industrias lácteas á súa creación?
En principio houbo certas reticencias, pero pronto se deron de alta case todas. Só houbo unha que tardou algo máis, un par de anos. En xeral, podo dicir que o sector enseguida comezou a apoiar ao Ligal. Nos comezos quizais había certas dúbidas, porque era o primeiro laboratorio interprofesional que se poñía en marcha en España (había outro en Pamplona, pero só daba servizo a unha industria láctea), aínda que en Europa xa existían varios. Neses primeiros momentos tivemos que facer un gran labor de concienciación, tanto con algunhas industrias como cos gandeiros. Foron tempos bastante intensos, sen dúbida.
Cales eran as reticencias por parte dos produtores?
Os gandeiros desconfiaban de que nos puidesen manipular as industrias, pero grazas aos seus representantes no Ligal, e a nós mesmos, foron vendo que era o mellor para eles. Organizamos moitas visitas ás nosas instalacións para que visen como traballabamos, para que comprobasen que eramos neutrais, que as mostras non se manipulaban, que todo se analizaba de xeito totalmente automático e que os resultados se gravaban no ordenador sen intervencións externas. Iso axudou moito a que confiasen no noso labor.
En agosto dese ano comezaron a traballar os primeiros técnicos. Que tipo de formación tiñan?
Desde o mes de agosto e ata novembro estiven a formalos. Eran case todos moi novos, acababan de rematar os estudos e non tiñan ningunha experiencia no traballo, nin moito menos no manexo deste tipo de equipos nin nas diferentes técnicas de análise. O que si tiñan era moitas ganas de aprender, polo que moi pronto conseguimos ter a un bo equipo, ben formado e sen malos hábitos de traballo. Todo evolucionou moi favorablemente e puidemos empezar a facer análises das mostras pronto.
Cando comezastes coas primeiras analíticas?
As primeiras análises fixéronse en decembro de 1990. Comezamos coa análise da composición do leite e co reconto celular aos gandeiros que tiñamos na base de datos. En xaneiro de 1991 empezamos a analizar a calidade bacteriolóxica e a presenza de inhibidores, o que aumentou a base de datos de forma importante, de maneira que poucos meses despois de empezar xa tiñamos a 16.000 gandeiros dados de alta no Ligal. Por suposto, para poder dar os resultados de bacterioloxía e de crioscopía antes tivemos que facer, entre outubro e decembro de 1990, as táboas do Bactoscam e de crioscopía, o que supuxo un esforzo notable, xa que entón en España non había ningunha elaborada. De feito, as nosas táboas foron as que despois usaron os demais laboratorios interprofesionais do país.
AS DATAS CLAVE DO LIGAL
-
1993. Comézanse a analizar as mostras de control leiteiro. Anteriormente estábanse analizando no Laboratorio de Sanidade Animal de Lugo, pero non dispoñían de suficientes equipos de análise, polo que as mostras tardaban en analizarse e acababan por estragarse.
-
1994. Posta en marcha do servizo de control e prevención de mamites mediante a identificación dos microorganismos causantes da mamite e a realización do antibiograma correspondente para valorar cal era o antibiótico máis axeitado.
-
1995. Empézanse a analizar os silos de herba e millo. Grazas á colaboración co CIAM, no Ligal puideron calibrar o NIR con ecuacións feitas con dixestibilidade in vivo (moito máis representativa e fiable). Foron o primeiro e único centro de España que dispoñía deste parámetro nutricional que, ademais, permite predicir outros valores nutricionais importantes para a alimentación animal.
-
1997. Convértense no primeiro laboratorio interprofesional de España en obter o certificado de acreditación de ENAC.
-
1998. Posta en marcha das primeiras análises dos queixos dos diferentes consellos reguladores de Galicia.
-
2004. Comézanse a facer as análises de urea.
-
2011. Inicio da análise do perfil de ácidos graxos.
-
2013. Empezan coas análises de cetose e aflatoxinas.
Outro fito destacable foi a creación da guía terapéutica en 2011, posto que vos adiantastes á tendencia cara á redución do uso de antibióticos da que tanto se fala agora. Como xurdiu o proxecto?
Publicouse en 2011, pero comezamos a traballar nela xa no ano 2008, coa colaboración do Lasapaga, da Facultade de Veterinaria de Lugo e de dous veterinarios que estaban a traballar no campo en mellora de calidade do leite. A iniciativa xurdiu porque en España xa existían guías terapéuticas para os médicos e pensamos que era necesario facer unha para os veterinarios. Naquel entón non existía ningunha, en Internet non había tanta información e pareceunos boa idea que puidesen dispoñer de material ao que acudir para conseguir un uso máis axeitado e eficiente dos antibióticos e tentar así, na medida do posible, frear as tan temidas resistencias microbianas.
Como vedes desde a perspectiva do Ligal a evolución da calidade do leite en Galicia?
A posta en marcha do Ligal supuxo unha gran mellora, sobre todo na calidade hixiénica, xa que, a medida que os gandeiros recibían información respecto diso, ía mellorando tamén a calidade do leite. O cambio foi espectacular e, actualmente, traballamos cuns 7.000 gandeiros, dos cales o 95 % cumpre perfectamente cos requisitos de calidade hixiénico-sanitaria esixida na lexislación vixente.
Que importancia lle dades a garantir a fiabilidade das análises?
No Ligal sempre apostamos por ter a máxima garantía de calidade. Eu, como directora técnica, teño que dar as gracias ás diferentes xuntas directivas e aos xerentes que tivemos, porque sempre deron todas as facilidades para poder cumprilas, conscientes de que, a pesar do gasto que iso supón, tamén implica unha garantía nos resultados.
Que tipo de controis realizades para asegurar este alicerce básico?
Desde os inicios ata hoxe elaboramos patróns por método oficial cos que calibramos e verificamos os equipos. Intercalámolos cada 100 mostras de gandeiros, o que permite ter un control dos equipos en tempo real e con moita frecuencia. No momento en que un patrón dá erro, párase o equipo e repítense noutro as mostras analizadas, desde o anterior patrón a este.
Ademais, compramos material de referencia a diferentes laboratorios de Europa e participamos en moitos ensaios de intercomparación. Doutra banda, estamos acreditados pola ENAC desde o ano 1997 na elaboración de patróns (o que nos converte no primeiro laboratorio interprofesional de España en conseguilo), os cales hoxe vendemos a moitos laboratorios de España e mesmo a algún do exterior. A maiores, xa no ano 1998 se ampliou a acreditación aos ensaios instrumentais, onde se analizan as mostras dos gandeiros, e actualmente estamos acreditados en case todos os ensaios.
Outra preocupación é a inviolabilidade das mostras e a súa trazabilidade desde que se toman na granxa ata que chegan ao Ligal. Como asegurades este proceso?
Unha vez que o tomador de mostra a saca, o primeiro que fai é poñer a etiqueta de código de barras que identifica todos os datos do gandeiro, así como a industria á que lle entrega o leite. Esa é a etiqueta que logo se le no laboratorio mediante un escáner, tanto no momento da recepción como no da análise. Os resultados gárdanse de forma automática no ordenador central ata o envío destes, tanto á industria como ao gandeiro, é dicir, que a trazabilidade está totalmente garantida.
Que opinas sobre a alternativa dunha mostra precintada ou dunha dobre mostra?
Eu considero que o precinto non vai achegar ningunha mellora neste sentido e, ademais, vai supoñer un investimento importante no automatismo do Ligal, xa que habería que adaptarse aos novos botes precintados.
A detección de antibióticos en leite é unha das actividades clave que desenvolve o Ligal. Cal é o protocolo que se segue na súa detección?
O protocolo de inhibidores foi pactado entre a xunta directiva do Ligal e a Consellería do Medio Rural. O obxectivo principal é detectar o problema canto antes para que non pase ao consumidor, polo que se lles dá prioridade a esas análises para ter os resultados canto antes. Ante a presenza de inhibidores, acode inmediatamente á explotación un inspector do Ligal a facer outra analítica in situ. Se lle dá negativo, permítese a entrega do leite e, se volve dar positivo, bloquéase a entrega ata que ao día seguinte acode persoal do servizo veterinario da Consellería a recoller unha mostra, que envía a analizar ao Ligal e, en caso de dar positiva, identifícase e cuantifícase o antibiótico detectado. E, por suposto, ata que non volva dar negativo, non se lle permite a entrega do leite.
Cales son as últimas novidades que incorporou o Ligal?
Incorporamos uns novos equipos Fossomatic que permiten dar a porcentaxe de neutrófilos que hai en cada reconto celular, un parámetro que vai axudar moito á hora de saber se hai infección da glándula mamaria (xa que non sempre un reconto celular alto é indicativo disto, como se cría antes). En febreiro deste ano empezamos a informalo en todas as mostras de mamite, ademais de engadir tamén, no informe de antibiogramas, o punto de corte da CMI (concentración mínima inhibitoria) para cada antibiótico que figure no antibiograma de cada un dos microorganismos identificados causantes da mamite. Isto tamén vai ser unha axuda máis para avanzar no uso correcto dos antibióticos.
E falando a futuro, cal crees que vai ser a tecnoloxía que vai dar un cambio destacado na forma de traballar do Ligal ou nos servizos que presta?
O certo é que neste momento xa somos un referente en España e podemos dicir que estamos ao nivel de moitos laboratorios de Europa. No entanto, penso que será importante que sexamos conscientes de que cada vez vai haber máis demanda doutros servizos por mor da maior diversificación de produtos que se está facendo nas industrias lácteas.
Marisa, durante toda a entrevista faláchesnos en presente e en primeira persoa do plural: “temos”, “estamos”, “pensamos”... Así pois, estás preparada para pechar este capítulo?
A ver... Deixa que comece dicindo que, se o Ligal é hoxe un referente, éo grazas ás diferentes xuntas directivas que sempre estiveron aí, apostando por unha garantía nos resultados; grazas a Javier, que durante moitos anos foi director xerente; a Roberto, que é o actual xerente, e ao gran equipo de traballadores do laboratorio, que sempre se implicaron totalmente e foron moi responsables no seu traballo. Iso vai por diante porque, despois de trinta e un anos aquí, somos unha gran familia. Por outra banda, quédame a tranquilidade de que o Ligal queda en boas mans e sabendo que a miña substituta, Paula Prado, que xa leva seis meses preparándose comigo, vai ser unha excelente profesional e unha gran directora técnica.
É un momento de sentimentos enfrontados, non?
Claro. Alégrame pensar en todo o tempo que vou ter para dedicarlle a cousas que tiven que deixar de facer, pero tamén é certo que para min o Ligal é como o neno ao que criei e cústame deixalo agora que se fixo maior. Non sei que pesa máis agora mesmo, pero, sen dúbida, si me marcho moi satisfeita co conseguido. Gustoume sempre moito o meu traballo, impliqueime, apostei polo Ligal, por que saíse adiante, e lográmolo. E seguirá adiante. Seguro.