ENTREVISTA | MANUEL MORALES (OCEVA SC)

“Espérase que posibles reinfeccións da EHE sexan máis suaves”

O responsable da sección de vacún do equipo veterinario de Oceva SC, Manuel Morales, interveu na última edición da Xornada Africor Lugo-Vaca Pinta tratando as perspectivas relativas á enfermidade hemorráxica epizóotica (EHE), unha doenza que está a centrar as preocupacións de gandeiros e veterinarios en España durante os últimos meses. Ver máis en Vaca Pinta 46.

Como foi o proceso de documentación e estudo da enfermidade hemorráxica epizóotica?

O certo é que esta afección nos pillou de forma inesperada no mes de agosto do ano 2023. Oiramos falar dela, pero non contabamos con que ía ter tanto impacto sanitario e económico nas nosas explotacións.

Por mor do ocorrido, á Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), pareceunos conveniente facer unhas xornadas en Talavera de la Reina, que se desenvolveron en outubro co obxectivo de poñer en común todas as experiencias que tiveramos os veterinarios que nos dedicamos ao vacún en España.

Nestas reunións chegamos á conclusión de que o problema era máis grave do que pensabamos. Ademais, criamos que as administracións non estaban valorando o suficiente a situación e alí xurdiu un documento de consenso, que é un pouco do que falamos no relatorio.

Definías na túa intervención ás vacas como “infinitamente tristes” á hora de falar das características a enfermidade. Como afecta a EHE aos animais?

Todos os que nos dedicamos ao vacún de leite sabemos identificar unha vaca enferma porque ten uns síntomas moi característicos (baixada do consumo, apártase do rabaño etc.). Neste caso, e posto que é unha enfermidade vírica que produce moita febre e mesmo fallos multiorgánicos, as vacas están moi deprimidas e deixan de comer e de beber porque teñen moita dor. Ás veces, tamén están moito tempo deitadas porque lles custa moito camiñar, por iso as defino como “vacas infinitamente tristes”, xa que é o que realmente sentes cando as miras.

Afecta da mesma maneira a todas as vacas?

Non. Non se sabe exactamente por que, pero parece ser que é pola resposta innata que teñen os organismos fronte a este virus e que está mediada polo interferón. Esta é unha substancia de defensa e de inmunidade innata, que se atopa nalgunhas especies, razas ou mesmo en individuos. Sabemos que o virus ten a capacidade de saltar esta barreira dunha forma máis fácil que noutras razas ou exemplares máis maiores. Isto é o que define a gran variabilidade que hai entre uns animais e outros.

Podemos falar xa de datos en canto ao impacto económico e sanitario que vai ter esta enfermidade?

Cuantificala é moi complicado porque, entre outras cousas, depende da maneira de proceder de cada Administración. En xeral, o que se fixo foi que nas unidades territoriais e nas unidades veterinarias, unha vez que saíu un caso positivo, a Administración determinou que todos os sospeitosos ían contabilizar como tal. Entón, eu creo que os datos oficiais que temos non son reais, pero non me atrevo a dicir se tivemos máis incidencia da que realmente se declarou.

Estáselle dando a importancia que ten dende a Administración?

Dende que apareceu, en novembro de 2022, as administracións definírona como “unha enfermidade banal e limitadora”, que pasa en dúas semanas. Na nosa opinión, dende logo, non é así.

Como comentaba na charla, dende o punto de vista da medicina da produción é unha enfermidade grave porque produce altas perdas económicas e, de forma individual, nalgunhas granxas tamén produciu alta mortalidade. Polo tanto, eu creo que a Administración ten moitas cousas que facer, deberíase tomar un pouco máis en serio e, sobre todo, informar e formar máis ao sector sobre unha enfermidade que, como dicía, nos colleu a todos de imprevisto.

A que se debe que Zamora fose unha zona especialmente afectada?

Débese aos casos clínicos que tivemos e tamén aos datos oficiais que se publicaron. Isto non quere dicir que sexa a provincia máis afectada realmente, pero si é verdade que, segundo os datos que manexamos e a experiencia do noso equipo de veterinarios, é unha enfermidade que nos sorprendeu a todos pola súa virulencia.


“Dende o punto de vista da medicina da produción, a EHE é unha enfermidade grave porque produce altas perdas económicas”

Como de graves son as secuelas no que se refire a baixadas de fertilidade?

Cando falamos de EHE, non debemos dicir que sexa unha enfermidade que pase en dúas semanas. Hai que avaliala cando pasaron meses. De feito, nós nas granxas nas que a EHE apareceu en agosto e setembro aínda seguimos tendo bastantes secuelas en marzo. Estas están, sobre todo, asociadas a mortalidade neonatal, abortos, reabsorcións e baixadas de fertilidade, principalmente nos machos.

Ademais, como é unha enfermidade que afecta a moitos órganos, hai algunhas vacas que non se lograron recuperar dende o punto de vista dixestivo, pulmonar etc.

Como se pode previr o contaxio?

A prevención é complexa, porque o que podemos facer no que respecta á granxa e ao sector sería sobre todo insistir no manexo, porque o virus non ten tratamento, como acontece con outras enfermidades víricas.

Temos que tentar tratar a vaca, que empece a comer e a beber o máis rápido posible, pero, mentres non teñamos unha vacina, loitar contra o virus é moi difícil. A través do vento e do voo, o mosquito transmisor está colonizando a nosa granxa, co cal o único que podemos facer é tratar de limitarlles as picaduras aos nosos animais.

A hixiene, a orde na explotación, as medidas de bioseguridade e a presenza do lazareto onde poidamos illar as enfermas son medidas adecuadas e interesantes para a prevención da EHE.

Que mensaxe de tranquilidade lles podemos transmitir aos consumidores en referencia á EHE?

Aos consumidores hai que dicirlles que é unha enfermidade que non se transmite ao ser humano en absoluto nin tampouco a través dos produtos que producen as vacas, tanto a carne como o leite.

Outra mensaxe de tranquilidade é para os gandeiros, porque nas zonas endémicas onde apareceu a enfermidade se detectou que produce inmunidade. Non sabemos canto dura a longo prazo, pero si que é certo que, pola experiencia que se ten no norte dos Estados Unidos, no Xapón ou en Israel, parece ser que, en posibles reinfeccións de anos vindeiros, a agresividade e as patoloxías que aparezan  se estima que poden ser un pouco máis suaves.