O Sindicato Labrego Galego celebrou hoxe o seu Congreso do Leite no Pazo de Liñares (Lalín), un evento que se encadra no décimo proceso congresual da organización agraria. Desta vez, a afiliación escolleu un gandeiro de Quintillán (Forcarei, Pontevedra), Manuel Villaverde Salgueiro, como novo responsable para os vindeiros catro anos. Xunto a el, será vicerresponsábel Ana Rodríguez, de Sabadelle (Chantada, Lugo), e terán o apoio dunha renovada Dirección do Leite cuxos membros saíron elixidos das diversas asembleas comarcais que se celebraron na Galiza nos meses previos.
O SLG abordou este congreso coa conciencia da crise crónica que sofre este sector, cun peche permanente de granxas por falla de relevo xeracional e expectativas. Segundo os últimos datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), correspondentes a febreiro de 2021, Galiza conta con 6.694 granxas de leite, que representan o 55% do total das existentes no Estado (12.008) e son responsábeis do 31% da produción láctea estatal.
No relatorio do Congreso do Leite, debatido e aprobado, tamén se falou doutras problemáticas e desafíos que foron dende a Lei da Cadea Alimentaria ou o proceso xudicial iniciado contra o Cártel do Leite, ata os danos da fauna salvaxe, as relacións coa industria e os contratos, ou o decreto para a nutrición sostible do solo agrario, por citar algunhas das cuestións tratadas máis relevantes.