Marta López, distinguida co premio de Saúde Animal España na categoría de Seguridade Alimentaria

Marta López, distinguida co premio de Saúde Animal España na categoría de Seguridade Alimentaria

A catedrática do Departamento de Patoloxía Animal da USC na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, Marta López, vén de obter na segunda edición dos Premios de Saúde Animal en España, un certame promovido por Animal's Health co obxectivo de recoñecer os profesionais máis importantes do sector baixo o enfoque One Health, o galardón na categoría de Seguridade Alimentaria.

O comité responsable da concesión dos II Premios Animal's Health xustifica a súa decisión no feito de que "Marta López é un grande exemplo do importante papel da veterinaria na seguridade alimentaria e na saúde pública". Esta docente e investigadora da USC, engade a resolución, "centrou a súa carreira científica na alimentación dos animais de produción e de compañía, un campo que repercute directamente na saúde dos animais e tamén das persoas".

Marta López salientou na súa intervención na cerimonia de entrega de premios celebrada en Madrid que este galardón supón "un gran orgullo", ao tempo que tivo palabras de agradecemento para os membros do grupo de Investigación en Medicina Animal da USC, polo seu traballo e porque "un investigador non é ninguén sen equipo".