Un total de 223 colexios participan este curso no programa da Xunta de Galicia, dotado dun orzamento de 1,2 millóns de euros, para incentivar entre os máis pequenos o consumo de leite e froita. A través del, 49.854 rapaces teñen acceso nos centros escolares a froitas frescas e castañas e outros 46.092 consumen leite líquido, co conseguinte beneficio tanto para os nenos como para os respectivos produtores que isto supón.
Os obxectivos xerais da iniciativa, á que se acollen directamente os centros e os provedores dos produtos, son potenciar o consumo e a demanda destes produtos. Así mesmo, perséguese cumprir cos obxectivos de Saúde Pública para mellorar os hábitos alimentarios e reducir a obesidade da poboación infantil, dirixindo a iniciativa aos alumnos de preescolar, educación primaria, educación secundaria e educación especial e poñendo especial atención aos nenos de 6 a 10 anos.
No programa, que se potencia mediante concursos, obradoiros de cociña e visitas a explotacións agrarias e exposicións, entre outras actividades, teñen preferencia os produtos de tempada con orixe en Galicia e procedentes de sistemas sustentables e respectuosos co medio ambiente.