Medio Rural avanza unha segunda poxa de exemplares de Rubia Galega no CIAM tras os bos resultados da celebrada en xullo

Medio Rural avanza unha segunda poxa de exemplares de Rubia Galega no CIAM tras os bos resultados da celebrada en xullo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta mañá o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), situado na localidade coruñesa de Abegondo. Alí, puxo en valor os resultados da poxa de gando organizada por este centro o pasado mes de xullo e anunciou que, tendo en conta a boa acollida que tivo, prevese convocar unha nova edición a finais de ano, sempre e cando se cumpran as condicións hixiénico-sanitarias necesarias.

No marco desta visita, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, a titular de Medio Rural explicou que na primeira poxa alleáronse máis de medio centenar de exemplares de vacas de raza Rubia Galega destinadas a reprodución. Neste sentido, adxudicáronse a totalidade dos animais a 13 explotacións, divididos en 42 lotes con xovencas nadas entre 2021 e 2022, con ou sen cría.

Ademais, salientou os bos resultados deste evento, que chegou a superar nun 18 % o seu prezo de saída, acadando algo máis de 94.000 euros, que se empregarán para seguir afondando na investigación e mellora desta raza autóctona. Os concursos deste tipo permítenlle a gandeiros e gandeiras ampliar ou diversificar as súas producións, ao mesmo tempo que se preservan e potencian as razas autóctonas características da nosa comunidade e se promove a súa mellora xenética.