A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da sociedade pública Xenética Fontao, proporcionará máis de 200.000 doses de seme bovino ás ganderías galegas en control leiteiro no 2025. Esta cantidade supón ao redor do 45-50 % do material de reprodución que precisan as granxas.
Nesta campaña anual, que se desenvolve entre xaneiro e febreiro, póñense á disposición dos negocios gandeiros tomas de seme convencional e sexado para atender a reprodución duns 192.000 animais coa mellor calidade e o mellor prezo posible. Ademais, facilitaranse 80.000 doses de seme convencional sen custo.
En total, distribuiranse tomas de 26 touros para seme convencional e 22 para seme sexado. Este programa de subministración, que se realiza en colaboración coas Aficores, facilita a adquisición de material reproductivo con desconto, entre o 40-50 % do prezo final de venda ao público, no caso das doses con custo.
A campaña de seme XF-Africores 2025 xunta aos mellores touros do panorama nacional polos trazos máis importantes empregados na selección xenética da raza frisona: produtivo (kg de leite, graxa e proteína), morfolóxico (de tipo xeral, con especial atención ás ubres e ás patas) e funcional ou de saúde (reconto de células somáticas, facilidade de parto, fertilidade da vaca e velocidade de muxido).
O mellor dos exemplares é Milord, que encabeza a lista Gico española. Este touro destaca nos trazos produtivos que transmite, ademais de ser o mellor por kg de graxa. Tamén aparecen no rexistro outros animais de referencia como Strofa, Feitizo, Gabeiras, Millennial, Rhythm, Ripley, Gabrielle, Shein Red, Roman ou Powermate.