No marco da V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandaría, Abanca Cimag Gandagro, esta mañá celebrouse a “Xornada formativa e informativa para a incorporación de mozos e novos agricultores ao rural”, inaugurada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Durante o evento, promovido pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Balseiros destacou as axudas concedidas para fomentar o relevo xeracional no sector agrogandeiro. Na convocatoria de 2024, destináronse 45,9 millóns de euros a este fin, dos cales preto de 17 millóns foron para a incorporación de mozos e novos agricultores. Esta iniciativa, subliñou o directo xeral, beneficiou a 320 personas menores de 40 anos e 133 agricultores de entre 41 e 55 anos.
Tamén en materia de remuda xeracional, a Xunta puxo en marcha o Banco de Explotacións para facilitar a sucesión extra-familiar de granxas sen relevo dentro da unidade familiar. Complementariamente, está prevista unha axuda de 2,1 millóns de euros ata 2029 para favorecer a cooperación na sucesión de explotacións.
Por outra banda, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria está presente na celebración desta edición da Feira Cimag Gandagro a través dunha aula de “Experiencias de Calidade”, na que se desenvolverán catro actividades diarias de cociña en directo con degustación de produtos a cargo do chef Marcos Aruje.