Mercadona anuncia subidas nos prezos do leite dos seus liñais

Mercadona anuncia subidas nos prezos do leite dos seus liñais

Mercadona comunicou no día de onte subidas nos prezos dos leites dos seus liñais. A partir do pasado 17 de agosto xa se está facendo efectiva a subida nos leites non dependentes deles mesmos. Están a incrementar o prezo nestes produtos de 2 a 9 céntimos para que as correspondentes industrias repercutan a subida aos gandeiros. En relación aos leites da súa propia marca Hacendado subirán o seu prezo, a partir do día 3 do vindeiro mes, 3 céntimos nos leites básicos, 2 céntimos nos leites con calcio e sen lactosa e 5 céntimos nos minibricks.

Asegura que quere prezos nos liñais por encima dos 60 céntimos. O seu leite enteiro quedará en 0,62 €; o semidesnatado, en 0,61 €, e o desnatado, en 0,60 €.

Con esta medida, espera que o resto de cadeas tamén suban os prezos.  De non ser así, se os consumidores non responden e se perden vendas, terán que volver reducilos.

Desde a Organización de Produtores de Leite (OPL) cualifican a medida como positiva, aínda que insuficiente, e desexan que "este anuncio arrastre ás demais cadeas da distribución e da industria para lograr un prezo xusto para todos, que se solucione a grave situación que pasamos os gandeiros de leite e que por fin se cumpra a Lei da cadea alimentaria. Oxalá que este sexa o principio dunha subida dos prezos en orixe, que repercuta aos gandeiros. Non podemos esquecer que o último estudo publicado polo Ministerio reflicte que, para cubrir a subida dos custos de produción, os leites non deberían estar por baixo dos 70 céntimos".