NA GRANXA | EL PINÓS NOU (BARCELONA)

Modernizarse para non quedar atrás

Jordi, Sebastià e Gerard Juanola ábrennos as portas de El Pinós Nou, a gandería de leite que fundou o seu pai e avó hai máis de 45 anos, para amosarnos os cambios que incorporaron nos últimos anos, como a robotización do seu muxido ou o xenotipado dos seus animais. Ademais, contáronnos como venden o seu leite ao mellor ofertante.

Localización:  Rupit i Pruit (Barcelona)
Propietarios: Sebastià, Jordi e Gerard Juanola
N.º total de animais: 460
Vacas en muxidura: 180
Media de produción: 41 litros/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,98 %
Porcentaxe de proteína: 3,45 %
RCS: 180.000-250.000 cél./ml
Venda do leite: ao mellor ofertante

Viaxamos á provincia de Barcelona, dirixímonos cara ao noroeste da comarca de Osona, tocando xa coa provincia de Xirona, e chegamos a unha aldeíña pequena, de pedra, no que a agricultura e a gandería parecen os seus motores principais.
Recíbenos na porta da súa granxa Jordi Juanola, xunto a seu pai Sebastià; o seu irmán, tamén Sebastià, e o seu sobriño, Gerard, e enseguida observamos o cartel que preside a entrada da súa gandería, El Pinós Nou.
“Aquí a xente vive maioritariamente da gandería e tamén da hostalería e o turismo. Somos 240 habitantes e temos unha decena de restaurantes. Estamos a 1.000 metros de altitude e, sobre todo as fins de semana, veñen moitos turistas á montaña, de excursións e de máis”, explícanos Jordi.
Os seus pais, Mercè Codina e Sebastià Juanola, mercaron a finca actual en 1976 e comezaron a muxir unhas 60 vacas, compradas en Santander. A gandería continuou o seu curso normal ata o ano 1982, no que un saneamento resultou co 80 % das vacas tuberculosas. “Tivemos que sacrificar o 100 % dos animais, daquela, entre recría e todo, uns 200, e empezamos de novo cunha ampliación, na que incorporamos unha sala de muxido 2x8 e unhas 120 frisonas próximas ao parto, de orixe alemá, que foi un pouco de tolos, porque pariron todas aos tres meses”.

El Pinós Nou medrou paulatinamente e na actualidade está formado por un total de 460 cabezas, das cales 180 son vacas produtoras

Desde entón, o rabaño de El Pinós Nou foi crecendo paulatinamente e na actualidade está formado por un total de 460 cabezas, unhas 180 vacas, sobre 35 secas e o resto é recría.

BENESTAR ANIMAL A 1.000 METROS
En canto a instalacións atópase todo bastante centralizado. Na nave principal están todas as vacas, con diferentes departamentos; ás secas mantéñenas noutra próxima e a recría está noutra granxa situada a uns 7 ou 8 quilómetros.
“A construción é bastante pechada, porque aquí neva unhas catro ou cinco veces ao ano e o teito conta cunha inclinación dun 35 %. É habitual chegar aos 30 ou 40 cm de neve e os últimos anos houbo mesmo 1 metro”, detalla o gandeiro. Para o verán, instalaron xanelas que se abren e se pechan para airear, e tamén un sistema de ventiladores.
Juanola lembra que “os ventiladores se combinaron nun primeiro momento con aspersores de auga, pero nós aquí atopámonos con moitos problemas de pulmonías e decidimos quedar só coa ventilación, que se autorregula en función da intensidade da calor”. 
Outro detalle que destaca Jordi en canto ao benestar animal é o sistema que decidiron poñer nos chans, porque “como as naves son xa vellas, unha do ano 1976 e outra de 1982, os chans escorregaban moito”. Indica que os raiaban constantemente para evitar problemas, pero “non había forma” e tomaron a decisión xa hai uns 15 anos de apostar polas gomas. “A verdade é que son unha marabilla. Perdiamos catro ou cinco animais ao ano por este tema e así melloramos moito. É caro, pero sae a contas”, recoñece.
As vacas tamén teñen rascadores repartidos por toda a nave e das camas apunta que “tentamos que os cubículos estean correctos ao máximo”.
Realizan separación de sólidos e líquidos do xurro e a parte sólida, cun 35 % de humidade, destínana, mesturada con palla picada, ás camas das frisonas. Frésanas día si e día non. 

SEPARACIÓN DO XURRO EN SÓLIDO-LÍQUIDO
“Para a xestión dos xurros tiñamos moitos problemas. Sabemos que a parte máis espesa sobe na fosa cara arriba e para mesturalo todo ocasionábanos moitos inconvenientes. Chegaba a acumularse na parte de arriba ata un metro e, aínda que meu irmán pasaba co tractor e o mesturador a miúdo, custaba moito”, explica Jordi.

“O separador permítenos ser máis flexibles e cumprir coa lexislación vixente”

Deste xeito, o líquido nunca lles fai capa, evitan ter que estar a mesturar o depósito de cada certo tempo e obteñen a parte espesa separada. “O sistema permítenos ser máis flexibles e cumprir coa lexislación vixente”, asegura.
Utilizan a parte sólida, ademais de para as camas, para os campos. O depósito pode chegar a acumular uns catro millóns e medio de litros de xurro e unificaron todas as arrobadeiras das naves con canles a este mesmo depósito, con sensor de altura. “Unha vez que o sensor identifica a marca que nós lle indicamos, comeza a traballar o mesturador e separador. De aquí diríxese o líquido a outro depósito específico e a parte sólida ímola acumulando en montóns, que imos xestionando”, detalla o gandeiro. 

MUXIDO CON ROBOTS
Realizaron o muxido ata novembro de 2021 nunha sala de 16 puntos, oito de cada lado, de espiña de peixe. 
“Os problemas que tiñamos para atopar traballadores eran moi importantes”, apunta. Estar un pouco separados das localidades máis próximas, a media hora practicamente, era un hándicap que se engadía a esta dificultade coa que se atopan a maioría das granxas actualmente.
Jordi asegura que lles chegaron a pagar “2.000 euros a persoas autónomas ou 1.600 euros a empregados por catro horas e media diarias de tarde, con fins de semana alternas libres e nin así atopamos xente”.

“Os problemas que tiñamos para atopar traballadores eran moi importantes”

Por iso, optaron polo muxido robotizado, porque así non dependerían de traballadores e o muxido levaríase a cabo sempre da mesma maneira. Ademais, “esperabamos tamén –di– un aumento na produción e mellor benestar para as nosas vacas”.
O cambio lémbrao coma un proceso moi duro, porque, dos tres robots que instalaron, quixeron colocar dous deles xusto no mesmo lugar onde tiñan anteriormente a sala. 
O primeiro dos robots colocárono para un lote de 60 vacas e, mentres, continuaron muxindo o resto do rabaño na sala. Para este primeiro cambio, afixeron as vacas a entrar só con penso e logo arrincaron aos poucos días coa muxidora.
Cando chegou o momento de montar os outros dous, tiveron que comezar cun deles e muxir todas as produtoras en só un lado da sala; logo, o último paso de tirar o que quedaba de sala e montar o terceiro robot tivo que facerse en dous días. “Foi estresante para nós e para as vacas, pero fixémolo de golpe, sen acostumalas con penso nin nada, e eu creo que foi mellor. Da outra forma son dúas aprendizaxes e así vai todo dunha vez”. 
Tras máis dun ano con robots, Juanola asegura que notaron un cambio á hora de traballar, “porque é moi diferente”, aumentaron a produción en 7 litros de media por vaca e día e chegaron aos 3,25 muxidos ao día.
Ademais, notan as vacas moito máis relaxadas, porque “fan o que queren e non van nunca todas xuntas ao mesmo. Nas granxas sempre hai unha xerarquía entre elas, diferenciamos entre as máis poderosas e as máis tímidas, e así elimínase bastante iso, porque mentres unhas comen, outras están deitadas, e outras se están a muxir. Non están tan pendentes entre si e evítanse esas rivalidades”.

CONTROL DE DATOS
“Elas cren que fan o que queren, pero en realidade están totalmente controladas”, bromea Jordi. Con isto refírese á monitorización dos seus animais cos colares de identificación.
Traballaran xa anteriormente con algún tipo de colar que medía a inxestión de penso, pero con esta nova incorporación acceden a máis datos, de actividade, celos, ruminación… “A detección de celos antes era toda visual e agora a verdade é que melloramos en preñeces, porque sabemos a hora exacta para a inseminación”, aclara.
Dos datos de ruminación cambiou a súa percepción con feitos, pois ao principio non lle prestaba demasiada atención. Con todo o cambio, Jordi estaba máis centrado en chegar aos seus obxectivos de produción que noutros asuntos e recoñece que non deu a importancia que lle dá agora: “Un colega sempre me dicía: ‘Jordi, mira a ruminación, que así tes a granxa controlada’, e eu nada, estaba a outras cousas. Un día observei que baixara moito a ruminación dunha vaca que estaba a dar 67 litros ao día e pasei do dato. Ao día seguinte, collérao todo: mastite, pulmonía… É verdade que revisando a ruminación te anticipas e colles antes o problema que haxa”. 

RACIÓN CON BASE EN SILO DE HERBA E SORGO 
A base da alimentación das vacas de El Pinós Nou é o silo de sorgo e de herba, feito con cultivos de mesturas, porque “na primavera conseguimos moita cantidade e calidade, e porque nesta zona o millo é un cultivo insalvable, por culpa do xabaril e porque non hai nada de regadío”. Estes últimos anos pasaron ao sorgo, unha variedade mexicana que se dá ben na zona.

 “Nesta zona o millo é un cultivo insalvable, por culpa do xabaril e porque non hai nada de regadío”

Diferencian entre as produtoras dous grupos: as vacas de alta produción e as de baixa. Preparan eles mesmos as racións e repártenas dúas veces ao día, “menos no verán, que cando vai moita calor, podemos facer tres veces ao día, para que garde máis apetencia e exista máis consumo ao día”, remarca.
A ración de alta produción leva 18 kg de silo de sorgo, 15 kg de silo de herba, 12 kg de pataca, 8,8 kg de mestura de fariña de soia e millo, e 1,7 kg de polpa de remolacha. Para as vacas de baixa produción dilúen esta mesma fórmula con máis quilos de silo de herba.

CAMBIO TECNOLÓXICO TAMÉN NA RECRÍA 
A recría permanece nas instalacións principais da granxa ata os cinco ou seis meses, momento en que é trasladada a outra granxa alugada. 
Ata os 12 meses están no interior e, a partir de aí, saen ao pasto. “Completamos a súa alimentación con penso, que repartimos á mañá”, indica Jordi. “Con este sistema están a respondernos moi ben ao primeiro parto e véñennos moi reforzadas de patas e de saúde”, engade.
Os recentemente nados instálanse nuns boxes individuais. Os machos véndense aos 6 ou 7 días e as xatas con eses mesmos días vanse a uns patios comunitarios onde instalaron unha amamantadora. “Foi un cambio tecnolóxico bastante considerable. Estamos moi contentos”, valora o gandeiro.
Chegan a tomar uns 11 litros de leite cada día e “medran moitísimo máis do que medraban antes. Ademais, non temos ningunha diarrea, practicamente desapareceron”, confirma. Cre que un dos motivos desta redución é que realizan as tomas máis repartidas ao longo do día, non coma antes, que se alimentaban dúas veces ao día, pola mañá e pola tarde. 
Outro beneficio que destaca da amamantadora é que “a desteta se fai máis fácil e non supón tanto tensión para elas, porque se autoconvencen de que non hai máis leite”.
O sistema reduciulles o traballo, porque se despreocupan totalmente das xatas desde que teñen seis días. “Repasamos cada día –sinala– que fosen todas a tomar e punto”.

SELECCIÓN CON XENOTIPO
Juanola, xuíz nacional de Conafe, admite o seu gran gusto polo tipo das vacas frisonas e, á vez, o gran cambio que supuxo na súa selección o xenotipado do seu rabaño.
Empezaron coas pequenas e foron realizándolles o xenotipo a todas as súas vacas. “Ao principio, non me podía crer algúns resultados. Por exemplo, dunha xovenca de morfoloxía aparentemente moi boa, con nai, avoas e tías moi boas e o xenotipo daba resultados malos”, afirma. “Algunha vez deixeino pasar e comprobei que o xenotipado non falla”.

 

 “Ao principio, non me podía crer algúns resultados, pero comprobei que o xenotipado non falla”


Tanto é así que agora leva a cabo toda a súa selección xenética con base a este novo sistema. “Cando o xenotipo das xatas sae con niveis baixos, vendémolas para engorde. Non nos queda outra, porque non podemos criar animais que cheguen logo a produción e teñan que ser descartados por mala morfoloxía, baixa produción ou ubre feo. É perda económica”, resume.
Utilizan seme sexado frisón nun 40 % das inseminacións, para aquelas mellores vacas en canto a xenotipo, e azul belga nun 60 %, para o resto. “Deste xeito, son moi poucas xa as xatas que temos que descartar con 10 ou 15 días”, afirma.

Os parámetros que máis valoran son patas e grupa, á parte da morfoloxía en xeral. “Agora cos robots, tamén me fixo en touros que transmitan tetos non moi curtos e ubres con ligamento non tan forte”, puntualiza.
Con todo, conseguen unha media de inseminacións por preñez de 2,7, en vacas, e de 1,6, en xovencas. O intervalo entre partos aproxímase aos 396 días e os animais paren unhas 3,2 veces, de media. A primeira inseminación realízana aos 16 meses, “un pouco tarde porque a partir dos 12 meses van ao pasto e só os axudamos con herba seca e penso cada mañá”, especifica. 
A última cualificación morfolóxica foi de 82,6 puntos.

 

VENDA DO LEITE A QUEN MÁIS PAGUE
El Pinós Nou é socio da cooperativa Vaquers d´Osona, unha entidade sen ánimo de lucro a través da que varios gandeiros da zona lles venden o seu leite a diversas industrias, ao mellor ofertante. “lévao quen máis paga –sentencia Jordi–, temos un grupo de transportistas contratados e os camións cargan e distribúen a quen toque”.
Segundo di o gandeiro catalán, “deste xeito, nunca nos atamos a ningún comprador”, e os contratos están a pechalos a tres meses vista como moito. “Antes podiamos facer contratos anuais, pero agora non queremos nin falalo, hai falta de leite e estamos a atravesar por unha época na que as industrias están a buscar produtores á desesperada”. 

 

 “Nótase que a produción non é suficiente e falta leite; por iso creo que isto vai seguir subindo”

Juanola bota a vista atrás e di que hai sete anos en Cataluña había máis de 4.800 ganderías de leite de vaca frisona e agora quedan 397. “Aínda que algunhas ganderías ampliasen e demais, nótase que a produción non é suficiente e falta leite; por iso creo que isto vai seguir subindo”. 
En canto a prezos, afirma que non se está a contratar nada por baixo dos 60 céntimos, “cando hai moi pouco seguiamos cobrando o leite a 30 céntimos e así levabamos case trinta anos”.
A situación cambiou radicalmente no último ano e mesmo conta que o seu irmán, Sebastià Juanola, presidente de Vaquers d´Osona, viaxou a Italia xunto ao presidente da Cooperativa Plana de Vic para tratar leite cunha industria e “o día que chegaron xa os chamaron oito empresas de aquí para saber que facían e puxéronse inmediatamente as pilas”.
Recoñece que o que chegaron a pagar en Italia por ese leite “aproximábase aos 70 céntimos e coa viaxe paga e todo”.

 

ESTABLES DE CARA AO FUTURO
Asentados nunha granxa con 180 vacas produtoras e tres robots, os seus alicerces seguen a ser a boa selección xenética, que revolucionaron co xenotipado, a alimentación e o coidado dos animais. 
Jordi Juanola asegura que a súa idea de futuro é manterse así e abrir as súas portas a visitantes, atraídos xa por un lugar de montaña turístico coma é o seu. “Xa nos veñen visitar colexios e turistas, e estou a aproveitar para vender leite e algún queixo que maduro eu aquí dunha queixería próxima, por afección”.  

 

O SEU OUTRO ROL: XUÍZ DE FRISONAS


Como comezou a túa historia como xuíz?
Tiña tan só 15 ou 16 anos, pero xa estaba moi involucrado na gandería e un día, a través do vendedor de seme, apunteime a unha viaxe que se organizou ao estranxeiro para coñecer granxas con vacas incribles en canto a morfoloxía. Tiven nese momento un frechazo con este mundo e acabei indo a 14 escolas de xuíces, unha cada ano. Finalmente, entrei como xuíz nacional de Conafe.
Agora xa non estou tan metido nisto, pero a verdade é que me gusta moito ver vacas con boas morfoloxías, boas estruturas leiteiras e, sobre todo, bos ubres.

 

Que valor lles dás hoxe en día aos concursos?
Ata hai relativamente pouco dáballes moito valor, porque mostrar este tipo de animais era practicamente a base para mellorar a xenética de calquera gandería.
O xenotipado veu para cambiar isto e para quedar, e creo que empeza a reducirse o aprecio por estes eventos neste sentido.
Á fin e ao cabo, seguen gustando porque son tamén unha festa onde se atopan os gandeiros, falan dos problemas e das posibles solucións… Son un punto de unión e de encontro de gandeiros.
Vexo que no norte aínda segue habendo moita afección, pero aquí en Cataluña realmente é moi pouca. Quizais aquí cambiamos un pouco e perdemos un pouco o espírito de pagesos, como dicimos en catalán, de gandeiros, para ser máis empresarios.
Ademais, todo iso leva moitísimo traballo e custa moito diñeiro.