Xa está dispoñible o libro do concurso e a poxa da Moexmu 2025

O recinto feiral Manuel Vila de Muimenta (Cospeito, Lugo) acolle esta fin de semana a XLI edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu).

No marco deste evento, o sábado terá lugar o XXXIX Concurso de Gando Frisón, a partir das 10:00 horas. Pola mañá xulgaranse as seccións de xatas e xovencas e, a partir das 15:30 horas, será a quenda das vacas en lactación.

O xuíz do concurso é Francisco Javier Freije Freije, de Conafe. En total, participan 18 ganderías das provincias galegas de Lugo, A Coruña e Pontevedra, ademais de Gorrello, granxa asturiana situada no municipio de Castropol.

A maiores, ás 12:30 horas, terá lugar a poxa de gando frisón. Poñeranse á venda once lotes procedentes de dez ganderías.

Anteriormente, na xornada do venres, desenvolverase o concurso de Novos Preparadores de Gando (17:00 h), organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia. A continuación, ás 19:00 h levarase a cabo a inauguración do evento con Ricardo Durán como pregoeiro.

Para o domingo está fixada a celebración do XXIV Concurso de Novos Manexadores, organizado tamén polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia.

Xa tendes á vosa disposición a edición dixital do libro.

O Concurso de Gando Frisón poderase seguir en directo na nosa web.