Mouriscade, elixido laboratorio de referencia polo MAPA para analizar mostras de millos forraxeiros en fase de estudo

Mouriscade, elixido laboratorio de referencia polo MAPA para analizar mostras de millos forraxeiros en fase de estudo

Mouriscade acaba de ser elixido como laboratorio de referencia para analizar mostras de millos forraxeiros por parte da Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícola e Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV), pertencente á Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Así, o centro analizará as mostras que actualmente se atopan en fase de estudo no Rexistro de Variedades Comerciais.

Os datos que se obteñan en Mouriscade contribuirán ao avance técnico das variedades de millos forraxeiros, utilizados para alimentación gandeira, e darán visibilidade a un traballo esencial. A valoración da calidade dos millos forraxeiros é de especial significación, xa que estas variedades estarán a disposición dos agricultores nos próximos anos. Neste senso, os estudos desenvolvidos pola Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícola e a Oficina Española de Variedades Vexetais fortalecen a cadea de rexistro de variedades, proporcionandolle aos agricultores acceso a produtos de alta calidade, apoiados agora polos servizos de análise de Mouriscade.

A OEVV lidera a regulación integral das variedades vexetais en España. Este organismo abarca a obtención, avaliación e o rexistro de variedades, asegurando dereitos de propiedade, comercio e harmonización entre produtores e consumidores. Ademais, supervisa a produción e comercialización de sementes e plantas de viveiro, así como a conservación sostible de recursos fitoxenéticos. Este enfoque completo garante un ciclo eficiente que abarca a obtención, rexistro, comercio, conservación e nova obtención de variedades, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e a innovación na agricultura.