A INDUSTRIA, BAIXO O FOCO

Naturleite, unha planta galega con ADN andaluz e esencia cooperativa

Hai algo máis de catro anos que a planta de produción láctea de Meira (Lugo) opera baixo a marca Naturleite. Sobre a evolución desta industria, así como sobre a situación actual do sector, conversamos en Vaca Pinta 39 con Antonio Larrea, exdirector xeral da fábrica e actual responsable de compras de leite da Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches (Covap).

Naturleite é unha empresa dedicada á fabricación e comercialización de produtos lácteos desde xaneiro de 2019, ano no que se fixo efectiva a compra da planta de produción que anteriormente posuía Leche Celta en Meira (Lugo). Pertence ao grupo andaluz da Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches (Covap), a cooperativa de primeiro grao máis importante de España na actualidade.

O cen por cen dos gandeiros aos que lles compran o leite son galegos, así como tamén o son os máis de 120 millóns de litros que están recollendo e transformando.

“Industrialmente apostamos pola ampliación de referencias lácteas, o que implicou un forte programa de investimento, superior aos 17 millóns de euros, para actualizar a tecnoloxía e mellorar o día a día dos nosos traballadores”, expoñen os portavoces da empresa. “Así mesmo, adaptamos as nosas capacidades ás oportunidades que o mercado e o noso cliente Mercadona nos brindan e, entre as nosas grandes apostas, destaca a liña de leite fresco, que está operativa en todas as tendas Mercadona da península, así como nas illas”, engaden.

Afirman que o seu compromiso é “facer de conexión responsable entre os dous elos da cadea alimentaria cos que nos atopamos, os nosos gandeiros e a distribución, para facela sustentable e coherente” e, para afondar nestes aspectos, nas liñas que seguen conversamos con Antonio Larrea, exdirector xeral de Naturleite e actual responsable de compras de leite da Covap.


 Distribúen leite en todo o país; especialmente nas zonas de Galicia, Castela e León e Madrid

O EQUIPO HUMANO, A BASE DO ÉXITO 
Á pregunta de como definiría a filosofía de Naturleite, Larrea asegura que, ao tratarse dunha filial da Covap, é inevitable que comparta a mesma realidade e esencia cooperativista que a súa matriz, cuxa acta fundacional data do 1959. Así pois, Naturleite quixo seguir coa filosofía de traballo que se implantou xa nos inicios na cooperativa cordobesa: “Para nós, en todo momento foron parte primordial as persoas... Que é importante entón para Naturleite? O mesmo, as persoas”.

Neste sentido, indica Larrea que en Naturleite sempre foron conscientes da transcendencia do apartado humano da compañía, e por iso dirixiron todas as súas accións dando prioridade a esta cuestión. “Podemos ter unha magnífica materia prima, pero sempre ten que haber alguén que a traballe; podemos ter unha liña de alta tecnoloxía que sexa capaz de reducir as perdas e que sexa moi eficiente á hora de conseguir todo o que queremos, pero sempre precisará ter detrás un grupo de traballadores”. O mesmo aplica para o equipo directivo, que pode “ser estupendo e ter gran capacidade e empatía con todo o que lles rodea, pero ao final seguen sendo persoas”. Isto extrapólase tamén os produtores: dar prioridade ao gandeiro, asegura, é para eles un factor imprescindible.

“Cando negociamos a adquisición, comprouse a actividade industrial, non unicamente as instalacións físicas, polo que se deu a opción a que todas as persoas se integrasen dentro do proxecto”, remarca Larrea.



Na actualidade, a compañía presume de achegarse ao cento de empregados directos, ademais de todos os postos que se xeran de forma indirecta, que supoñen tamén un volume considerable. “Houbo movementos, fóronse integrando novos empregados, pero o que máis me chamou a atención neste catro anos é a similitude na maneira de traballar entre as persoas que están nos Pedroches e aquí, en Meira. Son xente moi traballadora e responsable, están moi vinculados ao proxecto e implicáronse desde o primeiro momento, un aspecto que é esencial para poder seguir crecendo”, comenta. 

Así, baixo a premisa de producir leite galego e apostando sempre polo equipo humano, “fómonos consolidando e actualizáronse as instalacións a nivel industrial e tamén o equipo directivo”, enumera Larrea, que foi sucedido no cargo en 2022 por María Jesús Peteira, de quen destaca a súa boa xestión: “Está a facelo estupendamente, os obxectivos están completados, hai máis dun ano que non estou aquí e o traballo levado a cabo neste tempo é excelente”. 


PRODUCIÓN LÁCTEA POLOS CATRO COSTADOS
O feito de posuír unha fábrica en Galicia foi unha decisión vital para a estratexia da Covap. Esta adquisición levaba xa tempo xestándose, pero non foi ata 2018 cando a cooperativa andaluza logrou facerse con esta planta para entrar no mercado galego. Do mesmo xeito, en 2016 a compañía afrontou a entrada en Cataluña e en Castela e León coa compra de Làctia e Lactiber, respectivamente. 
“Ao final, o que buscamos é estar estratexicamente situados nos catro mercados máis importantes de produción láctea, para o que había un plan perfectamente trazado desde o principio, o cal se foi desenvolvendo en función dos momentos nos que vimos que as condicións eran as correctas”, explica Larrea. “A área galega, cuxo mercado me tocou abrir a min, é a rexión láctea por excelencia; tiñamos que estar aquí”.

LEITE GALEGO PARA TODA A PENÍNSULA
Os datos totais de 2022 indican que Naturleite procesou durante este período preto de 130 millóns de litros de leite. Tres anos antes, nos inicios do proxecto, a cifra estaba en 80 millóns, “polo que a progresión ascendente apunta cara a unha evolución moi positiva para a comcompañía”, valora Larrea.

Están envasando –todo para a marca Hacendado, de Mercadona, que tamén é o principal cliente do grupo Covap– leite enteiro, semidesnatado e desnatado normal e sen lactosa, e leite fresco enteiro e semidesnatado.

A área de influencia, especialmente no que se refire a leite UHT, está directamente vinculada á zona de Galicia, así como a parte de Castela e León e á comunidade de Madrid. “En moito do leite que podes atopar na capital, se lle dás a volta, ves o logo de Naturleite. No relativo a leite fresco, que é un proxecto que iniciamos no 2019, xa estamos en todo o territorio español, mesmo nas Canarias e en Baleares”. 

GANDEIROS CON VISIÓN DE FUTURO
Naturleite pechou o pasado exercicio contando cun número próximo ás 130 granxas, distribuídas a maioría delas pola zona de Meira e A Pastoriza, o que converte a Lugo na provincia con máis peso para a empresa. No entanto, tamén traballan con gandeiros coruñeses das zonas de Santa Comba e Santiago de Compostela. 

“No relativo aos nosos criterios respecto da materia prima, tentamos que a carteira de produción sexa estable, que non haxa moitos cambios”, explica. Así mesmo, en canto aos factores para poder fornecer leite a Naturleite, indica que é necesario que “o gandeiro teña visión de futuro, que comparta a nosa filosofía e que teña moitas ganas de traballar”.



E é que nesta compañía apostan por manter unha visión de mellora continua e de compromiso coa máxima calidade demandada polo consumidor. Por iso, ao referirse aos valores tanxibles do produto, Larrea afirma que non é algo no que sexan tallantes desde o primeiro momento, senón que buscan “elaborar unha estratexia conxunta co gandeiro que nos permita establecer un obxectivo a alcanzar”, puntualiza. “Esiximos, por exemplo, un reconto por baixo das 250.000 células somáticas –algo que o 98 % dos nosos produtores cumpren desde o principio–, pero isto non significa que sexa algo determinante e, se a alguén lle interesa o proxecto e ve unha realidade dentro de Naturleite, pódese montar un plan para que se logren eses resultados”.

Como exemplo deste compromiso co traballo en equipo, xusto antes da pandemia Naturleite puxo en marcha un proxecto integrador que buscaba axudar ao gandeiro a ser máis eficiente e que consistía en analizar os factores de mellora dentro das granxas. A iniciativa tivo que poñerse en pausa debido á situación sociosanitaria, pero Larrea espera que ao longo deste ano se poida retomar, xa que “tivera boa recepción por parte dos gandeiros cando o puxemos en marcha, posto que viron o impacto positivo que podía chegar a ter para as súas explotacións”. 


“Estou absolutamente convencido de que o leite vai seguir tendo un papel importantísimo na nosa dieta nos vindeiros anos”

A POSICIÓN DE NATURLEITE ANTE OS SUBSTITUTIVOS LÁCTEOS 
Máis de medio século de traxectoria avala a experiencia da Covap no sector lácteo nacional. Neste tempo, a produción láctea evolucionou de maneira notable: desde os métodos de traballo ata o manexo dos animais, pasando polas demandas do consumidor. Moitas foron as cousas que cambiaron de xeito drástico. 

Tamén é evidente que a aparición de bebidas vexetais e produtos de índole similar, na súa aspiración de exercer como substitutivos dos lácteos, provocou nos últimos tempos certo desprestixio do sector e, aínda peor, está a ameazar con modificar os hábitos alimentarios de parte da poboación.

Para os portavoces de Naturleite e Covap, esta situación vén derivada dunha mala xestión previa. “Se estamos a traballar cunha materia prima que ten un valor nutricional fundamental e de calidade, como é o leite, e agora resulta que nola están conseguindo desprestixiar, é porque hai algo que non estamos a facer ben". Falla a comunicación, falla a promoción e falla a defensa do produto. 



En canto á aparición das bebidas vexetais, Larrea acepta que, “evidentemente ten que haber cabida para todo, e non digo que sexa bo nin malo, pero iso non é leite”, afirma. “O noso é un alimento dunha calidade contrastada, que durante séculos foi a base da nosa alimentación, e que o vai a seguir sendo”. Neste sentido, o responsable de vendas da Covap apunta cara á necesidade de revisar a maneira en que se está comunicando ao consumidor final, “que é o que terá que ditar sentenza”, lembra. Sexa como for, Larrea está “absolutamente convencido de que o leite vai seguir tendo un papel importantísimo na nosa dieta nos vindeiros anos”. 

CARA A ONDE SE DIRIXE NATURLEITE?
“É unha pregunta que tería unha longa explicación, pero, sintetizándoo, Naturleite dirixirase cara ao que demande o consumidor”, responde o portavoz desta industria.

Para iso, destaca, o primeiro terá que ser dispoñer dunha materia prima garantida e de calidade. “O 2022 foi un ano no que atravesamos certas dificultades, xa que houbo unha redución no volume de produto dispoñible no mercado para transformar. No entanto, e seguindo a liña que hai sesenta anos iniciamos coa Covap, continuamos crecendo en transformación, polo que no futuro necesitaremos máis materia prima para poder levar a cabo novas accións”. En relación con isto, apunta o exdirector que a planta ten en  desenvolvemento distintos proxectos “que estou seguro de que chegarán a bo porto co equipo actual que integra a fábrica e que, como dixen, está a facelo perfecto”.  



En canto ao seu labor de dirección, conta Larrea que sempre estivo encamiñado a manter un perfil integrador do sector primario dentro da industria. Isto é, que non sexan dous elos distintos, senón un só en perfecta conexión. “No seu momento escoitei o ministro Planas falar de “ponte alimentaria” en lugar de cadea, e gustoume o concepto: unha ponte está suxeita por alicerces, que no noso caso son o sector primario, a industria e a distribución. Se un falla, a ponte cae".

Por todo iso, avoga por harmonizar a relación dos diferentes elos poñendo as “luces longas” e pensando nun proxecto que sexa inclusivo con todos os actores. “Creo que o futuro pasa por traballar de maneira integradora, xa sexa nun formato híbrido ou de forma directa, como o estamos a facer nós”.