O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá acollerá senllos cursos sobre as diferentes técnicas de reprodución no gando vacún. Os talleres impartiranse do 19 ao 22 de setembro e do 26 ao 29 do mesmo mes, ambos en horario de mañá de 8:45 a 14:00 horas.
Durante as sesións trataranse unha serie de nocións sobre a reprodución de touros e vacas, así como técnicas de indución ao celo e inseminación artificial, que serán aplicadas na parte práctica da acción formativa. Ambos os cursos finalizarán cunha visita á sede de Xenética Fontao (Lugo).
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), a través da formación non regrada e do Plan de formación continua 2022, pretende dar a coñecer as partes, funcionamento e fisioloxía do aparello reprodutor do gando vacún. O obxectivo é que o alumnado saiba elixir as futuras reprodutoras e sementais en función do gando.