Nova xornada do CIAM e a Agacal centrada na vixilancia sanitaria nas ADSG de Galicia

Nova xornada do CIAM e a Agacal centrada na vixilancia sanitaria nas ADSG de Galicia

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) poñen en marcha unha segunda edición da xornada "Vixilancia sanitaria nas ADSG de Galicia. Doenzas e aplicacións informáticas". Nesta ocasión, será o vindeiro mércores 20 de novembro, en horario de tarde, no Pazo do Xeneral Paredes de Portomarín (Lugo).

Co desenvolvemento desta formación, búscase informar ás persoas implicadas no sector da produción gandeira con animais da especie bovina sobre os traballos que se están a realizar na liña de investigación C7 da Agacal, relacionados coa produción de alimentos seguros e saudables, a través da vixilancia na produción primaria e na sanidade animal.

Os relatores serán Verónica Gómez, do CIAM-Agacal; Sofía Vázquez, da ADSG Terra de Ulloa-Pallares; Antonio Montenegro, da Subdirección Xeral de Gandería; Ignacio Arnáiz, do Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo; Santiago Martínez, da Subdirección Xeral de Gandería, e Carmen Calvo, do CIAM-Agacal.

Os temas que se tratarán serán a resistencia aos antimicrobianos e o concepto One Health, os xermes detectados nas granxas de vacún en relación coa saúde humana, Presvet, control de enfermidades como a BVD, a IBR e a EHE nas ADSG e a Oficina Agraria Virtual. A xornada rematará cunha mesa redonda na que se falará sobre os temas expostos nas charlas.

No evento colaboran a Subdirección Xeral de Gandería, a ADSG Terra de Ulloa-Pallares e a ADSG Paradela.