Novas axudas directas para compensar a agricultores e gandeiros pola subida do prezo de carburantes e fertilizantes

Novas axudas directas para compensar a agricultores e gandeiros pola subida do prezo de carburantes e fertilizantes

O Goberno destinará axudas directas por 660 millóns de euros para que agricultores, gandeiros e pescadores poidan facer fronte ao incremento dos prezos enerxéticos, como consecuencia da guerra de Rusia en Ucraína, que ocasionaron maiores custos de produción debido ao encarecemento dos fertilizantes e do gasóleo agrícola e pesqueiro.

Estas medidas recóllense no marco do real decreto-lei de medidas para atallar as consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína e de apoio á reconstrución da illa da Palma e outras situacións de vulnerabilidade, no que tamén se fai referencia a unha baixada temporal do IVE de determinados alimentos.

FERTILIZANTES

No caso dos fertilizantes, uns 300.000 agricultores beneficiaranse da axuda directa, cun orzamento de 300 millóns de euros. Esta subvención concederase por hectárea, ata un máximo de 300, e será de 22 euros por hectárea no caso de superficie de secaño e de 55 euros para o regadío.

Os fertilizantes supoñen un 8 % dos consumos intermedios do sector agrario e o seu prezo medio aumentou o 80 % entre setembro de 2021 e setembro de 2022. Por iso, o Goberno considera necesario habilitar axudas para facer fronte a este incremento de custos e que inciden na rendibilidade das empresas agrarias.

CARBURANTES AGRARIOS
Agricultores, gandeiros e pescadores seguirán contando coa axuda de 20 céntimos de euro por litro de gasóleo. O elevado prezo deste combustible afectou á rendibilidade das explotacións agrarias e a axuda concederase a aqueles agricultores que exerzan o dereito á devolución das cotas do Imposto Especial sobre Hidrocarburos (IEH) satisfeitas ou soportadas con ocasión das adquisicións de gasóleo agrario.

A subvención será de 20 céntimos por litro de gasóleo consumido e tomarase como referencia o consumo destinado en exclusiva ao uso agrario realizado en 2022, por ser o último exercicio con datos pechados.

O importe da subvención abonarase pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, polo mesmo procedemento mediante o que se realiza a devolución parcial das cotas do Imposto Especial de Hidrocarburos. Considerarase solicitada a axuda coa presentación da solicitude de devolución do Imposto sobre Hidrocarburos polo gasóleo empregado na agricultura e na gandería, conforme ao establecido na Orde EHA/993/2010, de 21 de abril a partir do 1 de abril de 2023.