Esta segunda campaña de seme 2023 de Xenética Fontao está aberta ata finais de xuño. Xenética Fontao está presente un ano máis no ranking GICO, nesta ocasión con 9 dos 10 mellores touros nacionais, algúns dos cales revalidan posicións e son xa ben coñecidos polo sector, como GABRIELLE, FLADDERAK ou GUIRI, mentres que outros son novas incorporacións ao exclusivo club da elite nacional nestas últimas probas, como CAMPEON ou MAGNOMAN. Contámolo en Vaca Pinta 38.
Salientan, ademais, os novos touros “supertipo” JAIPUR P, TORRES e TONY P, con perfís xenómicos de grande equilibrio tanto no sistema americano coma no español e figurando na elite mundial para tipo, todo un fito para a xenética nacional, como é o caso de JAIPUR P, un touro procedente do programa embrionario desenvolvido por XF que figura como Nº 2 por tipo no sistema americano (GPTAT:+4,08) e que achega xenes tan interesantes como o polled (acorne), ademais do xenotipo A2A2 para as caseínas. Gran parte destes novos touros ofértanse para esa segunda campaña en seme sexado.
CAMPEON (Camus x Gywer x Styx Red) é descendente da prestixiosa vaca Radieuse EX-91 que tantos individuos destacados en xenómica a nivel europeo produciu. Con 5.384 GICO, incorpórase coa súa primeira proba xenómica oficial no número 2 do ranking; este touro achega un tremendo potencial leiteiro en cantidade e calidades cunha morfoloxía correcta e funcional e excelentes trazos de saúde, ademais do factor vermello (RC); polo seu bo dato de facilidade de parto, pódese usar en xovencas.
GABRIELLE (Ginger Red x Garido), este membro da familia “Cosmopolitan” é irmán materno de ALLURE, ambos foron foi Nº 1 do ranking nacional en pasadas avaliacións, e GABRIELLE aínda permanece no TOP 3, achegando co seu pedigree o tremendo poder de transmisión da súa nai, a xa soada vaca BWH Channel CMP ET MB-85.
GABRIELLE mostra un perfil xenómico cun grande equilibrio e excelencia nos distintos trazos de produción, morfoloxía e saúde, e é tamén portador do factor vermello (RC) e de fácil parto, apto o seu uso para xovencas.

STARMAX ET (Star P x Gywer), xovenco procedente dunha profunda familia de vacas alemá, que xa foi líder do ranking xenómico español e permanece agora no Nº 4 deste. STARMAX mostra un tremendo potencial leiteiro, superando o 2.000 kg de leite cun tipo moi equilibrado e excelentes cifras, en concreto para patas e pés, ángulo de grupa e lonxitude e colocación de tetos (muxidura en robot). Ademais, os seus extraordinarios trazos de saúde, e en concreto a súa gran facilidade de parto, permiten recomendar o seu uso en xovencas. Este touro é tamén portador do factor vermello (RC).

TANXU P RED ET (Soul P Red x Gywer) é un descendente da prestixiosa vaca de cría americana Ricecrest Terry Tory ET EX-93-2E-USA DOM GMD 1* a través da rama española creada pola vaca Bos Bolton Trudy MB-85 7*, que se sitúa no posto Nº 5 do ranking oficial. Boas producións de leite, excelentes trazos de saúde e tipo moi correcto con excelentes cifras para patas (vista posterior e mobilida de), ademais de ubres apropiados para a muxidura en robot, son os seus principais sinais de identidade.
TANXU P RED é un touro de capa vermella e portador do xene acorne, polo que polo menos o 50 % da súa descendencia nacerá sen cornos.

GLYCINE (Gladius x Starello) no número 6. É un membro da familia “Petrelle”, descendente da rama alemá dunha das vacas (e familias) con máis estrelas por mérito á súa descendencia do Canadá: a presentación Daurel EX-64*. Altas producións de leite con positivas porcentaxes de graxa e proteína, trazos de saúde extraordinarios e boa morfoloxía xeral, con destacadas patas e ubres, constitúen o seu patrón de transmisión. GLYCINE é tamén portador do factor vermello (RC).

FLADDERAK (Freestyle Red x Altadateline) sitúase no Nº 7 do ranking. Este descendente da familia de vacas canadense “Aeroflower” mostra un dos perfís máis completos e atractivos, non soamente pola súa xenómica sen defectos para os capítulos de produción (extraordinaria en cantidade e calidades, é o touro Nº 1 en kg de graxa a nivel nacional) e morfoloxía (dos poucos touros con cifras en torno 2 en tipo, ubres e patas), senón tamén por achegar de novo o factor vermello (RC) e o xenotipo A2A2 para as betacaseínas.

MARCEL P RED (Money P Red x Spark Red) mantense no posto Nº 8, é un touro vermello con altísimas producións de leite e patas excelentes, que tamén achega o xene acorne e o xenotipo A2A2. Gran facilidade de parto, moi indicado para xovencas.

MAGNOMAN (Foreman x Riveting x Superhero), xunto con CAMPEON, outra das interesantes e novas incorporacións ao TOP 10 GICO, neste caso no posto número 9. Pedigree de plena actualidade con perfil xenómico elite en ambos os sistemas (GTPI e GICO). Boas producións de leite con excelentes calidades de graxa e proteína, patas funcionais e ubres moi apropiados para o muxido en robot, todo iso acompañado de inmellorables trazos de saúde. MAGNOMAN é o número 1 para fertilidade de fillas e lonxevidade do ranking español.

GUIRI (Guitar x Soundcloud) pecha o TOP 10 GICO. É un dos touros máis equilibrados do panorama nacional e dos máis solicitados na campaña de seme desenvolvida por XF-Africores, todo resulta atractivo no xenotipo deste touro e así o apreciou o sector: excelente familia materna (Rudy Missy), excelentes producións de leite con sólidos, morfoloxía “top” e A2A2 nas caseínas.

Máis aló dos 9 touros do TOP 10, e aínda na elite da raza, atopamos 24 touros máis de XF no TOP 50 GICO (33 touros en total, propiedade de XF, no TOP 50 xenómico español). Entre eles, algúns como FREIRE RED (Freestyle Red x Solitair P Red), un dos touros vermellos máis completos do panorama nacional, ou MALDINI (Altazazzle x Pursuit), membro da familia “Marbella” con excelentes porcentaxes de graxa (+0,52) e proteína (+0,10) e xenotipo A2A2 e BB en caseínas, que, xunto con CARAMELO (Copyright x Alcove) e XEN (Genius x Hotjob), formará parte da oferta de dose de “Alta Concentración” (AC) na segunda campaña de seme a piques de comezar. Estas doses levan 40 millóns de espermatozoides e van envasadas en pallas maxi. MALDINI e CARAMELO teñen tamén atractivos perfís xenómicos en base americana (GTPI).
GIGANTIC (Gladius x Durable) é outro dos touros máis prezados e solicitados polo sector, con pedigree moi actual, gran potencial leiteiro con calidades excelentes, morfoloxía sen debilidades, xenotipo A2A2 e excelente proba en GTPI, que tamén repite oferta nesta segunda campaña, tanto en seme convencional coma en sexado.
Outros touros que se incorporan ao TOP 50 e que tamén irán incluídos na oferta da segunda campaña de seme son os seguintes:
CLAYTON (Clapton x Soundcloud): un pedigree orixinal na familia Rudy Missy, (é irmán materno de GUIRI) que debuta nestas probas cunha impecable proba de produción, tipo e trazos de saúde.
SABOR (Sanchez P x Lavonte): pedigree diferente da familia “Neblina” cun perfil xenómico sen feblezas e que é, ademais, portador do factor vermello (RC) e do xenotipo A2A2 e BB para as caseínas.
LOTTO (Lover x Guay): outro orixinal pedigree na rama española (Divinity) da prestixiosa familia Rudolph Zip con bos datos para produción e excelentes números para tipo xeral, patas e, sobre todo, ubres, como vén sendo habitual nesta familia.
XENES ESPECIAIS NOS TOUROS ELITE
A tendencia dos últimos tempos de introducir xenes especiais nos individuos elite da raza, tanto por motivos meramente estéticos coma de rendibilidade das explotacións ou de benestar animal, dá os seus froitos, e así tamén sucede na selección levada a cabo por XF: entre os seus 9 touros do TOP 10, dous teñen capa vermella (MARCEL P RED e TANXU P RED), ademais de ser acornes (portadores do xene polled), cinco son RC: CAMPEON, GABRIELLE, STARMAX, GLYCINE e FLADDERAK e dous, MARCEL P RED e GUIRI, son A2A2 nas betacaseínas.
O TRÍO DE ASES DO SUPERTIPO
JAIPUR P (Jagger x Mirand PP) é a gran revelación das últimas probas como supertipo, e non soamente no sistema español, senón tamén no sistema americano, onde rompe a barreira da mítica cifra de +4 , cun +4,08 a GPTAT e sitúase como número 2 do ranking USA en abril. JAIPUR P descende dunha das mellores liñas para tipo a nivel internacional (familia Our-Favorite Unlimited EX-96 2E USA), cun pedigree diferente e moi orixinal, único en Europa, onde o seme do seu pai, Jagger, non puido ser utilizado. Soamente os seus xenes chegaron aquí vía embrionaria, como é o caso de JAIPUR P, e das súas dúas irmás completas, os tres nados en explotacións galegas froito dunha importación de embrións do Canadá dentro do programa embrionario de XF. Estratosféricas cifras para tipo xeral: +4,08 e ubres en particular: +3,19; en concreto ten +3,72 no ubre anterior e +4,58 e +4,94 en altura e anchura de ubre posterior, respectivamente. É un touro que seguramente transmitirá o ansiado tipo de concurso, con +1,72 para patas, unha angulosidade de +3,61, con anchura de grupa +2,96 e unha fondura corporal de +2,30. Sen dúbida, veremos fillas de JAIPUR P entre as pistas dos concursos nun futuro.
Por se todo iso fose pouco, JAIPUR P é positivo nos trazos de produción, portador do xene polled (acorne) co que, polo menos, o 50 % da súa descendencia nacerá sen cornos; é, ademais, A2A2 nas caseínas.
A proba española de JAIPUR P presenta unha gran sintonía coa americana con datos positivos en produción e unhas cifras de +2,89 para tipo, +2,56 para patas e +2,31 en ubres, cunha angulosidade de +2,49!!!
O trío de ases de XF para o tipo complétase con outros dous touros: TORRES (Davinci x Haniko) e TONY P (Wolfgang P x King Doc). Ambos proceden da familia “Menthe”, que tan extraordinarios individuos está a producir, con cifras para tipo espectaculares, como é o caso da nai de TORRES, JB Toullec Raniko ET MB-85 SM-86, que completa 11 xeracións MB ou EX, vaca N.º 10 por tipo de Europa con +3,90 PTAT e cuxa bisavoa foi a filla francesa do mítico XACOBEO, JBTOULLEC CHERRY GIRL MB-88 SM-89, que orixinou a coñecida rama “Cherry” nesta prestixiosa e profunda familia que xa producira celebres vacas como Amarante EX-90, dúas veces “vaca francesa do ano”, ou Calf Emerade Ex-91, excelente vaca de show e de cría.
TORRES cun GPTAT de +3,63, sitúase no posto 21 do TOP TYPE USA (abril 2023) e co seu +3,06 en IGT situábase como o mellor touro para tipo español (decembro 2022). Ubres, patas e angulosidade, ademais do xenotipo A2A2 son os seus sinais de identidade, tanto no sistema americano coma o español.
TONY P Wolfgang P x King Doc), o outro membro das “Cherry” é un completísimo touro novo que mostra unha espectacular morfoloxía en ambos os sistemas con GPTAT +3,19 en USA e +3,08 en IGT en España, con ubres, grupas e patas perfectas, ademais do xene polled (acorne) do que é portador, e altas cifras para produción, o que non é habitual nos touros denominados “supertipo”.
Entre os mellores touros a tipo con seme dispoñible tamén figuran MONIN, con IGT+3,10, e CAMPGRAN, con +2,97, ambos moi destacados tamén para este trazo (e para o de ubres) no sistema americano.
SEGUNDA CAMPAÑA DE SEME 2023 XENÉTICA FONTAO-AFRICORES
NOVOS TOUROS CON PROBA GTPI E SEME SEXADO
En referencia concreta aos touros incluídos nesta segunda campaña que reciben actualización da súa proba GTPI mencionamos a GIGANTIC, CARAMELO ou MALDINI, e debutan no sistema americano MAGNOMAN e FLADDERAK, ademais do tres supertipo xa comentados anteriormente: JAIPUR P, TORRES e TONY P.
O seme de 16 touros elite de XF constitúe a oferta da segunda campaña de seme 2023, dos cales 5 deles se ofertan soamente en seme convencional: CAMPEON, CLAYTON, SABOR, LOTTO e MAGNOMAN; outros seis fano con seme tanto en convencional coma en sexado: GABRIELLE, GIGANTIC, FLADDERAK, GUIRI, JAIPUR P e TORRES, e un deles con seme sexado exclusivamente: TONY P.
Por último, catro touros ofértanse en doses de Alta Concentración (AC) de seme convencional, con 40 millóns de espermatozoides e envasadas en pallas maxi: FREIRE RED, XEN, CARAMELO e MALDINI.
Trátase de incrementar en cantidade e calidade a oferta de seme sexado en resposta ás demandas do sector neste produto, gran ferramenta da mellora xenética e eficiencia das explotacións, en combinación coa xenómica.