AVOGADO

P. No: “É un esforzo, pero hai que defenderse ante toda unha Administración que se nos vén enriba”

Pablo No, licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña (UDC), abriu en 2018 o seu propio negocio: un despacho na Coruña, Praza Avogados. No XXV Congreso de Anembe puidemos charlar con el sobre as temáticas que abordou no encontro e sobre a súa experiencia no evento; ademais, ofreceulles varias recomendacións aos veterinarios para que poidan facer fronte da mellor forma posible ás normativas relacionadas co seu día a día profesional. Contámolo en Vaca Pinta 40.

Que temáticas trataches durante a túa exposición no congreso?
Anembe, ao igual que outras organizacións do ámbito veterinario, padece con bastante incidencia as consecuencias da proliferación continua de novas normativas. Isto provoca unha sensación de inseguridade, porque nunca chegas a saber con exactitude que é o que se pode facer e o que non. Hai unha selva normativa que require un esforzo de sistematización na que os xuristas intentamos navegar como podemos.
A que se debe isto? Explicábao na miña charla: ademais do que é a abundante normativa, a súa aplicación por parte do poder executivo ou das administracións non é sempre igual. As interpretacións que se poden dar a unha mesma disposición ás veces varían, incluso dentro da mesma Administración. Entón, como comentaba antes, isto crea unha sensación de inseguridade e de impotencia que se intenta solucionar dalgún xeito por parte dos xuristas.
No meu caso, para este evento concreto, a idea era analizar un pouco cal é a situación do veterinario de explotación, é dicir, o veterinario co seu exercicio profesional en xeral, as súas obrigas, os seus dereitos, os seus límites e as súas garantías en relación co exercicio da potestade inspeccionadora por parte dunha Administración, normalmente a autonómica.
Neste senso, analizamos un pouco as bases das leis de sanidade animal, a principal e as coetáneas, tamén enfocada dende o punto de vista da responsabilidade con respecto aos medicamentos veterinarios. Na lei de garantías do medicamento hai unha serie de preceptos que non son tan interesantes por frecuentes senón por saber como está ese tema á hora de explicar que é o que se pode facer ou non, que non é moito. 
O que intentei expoñer hoxe é que a potestade inspeccionadora é un ámbito bastante difuso no que o administrado normalmente pouco pode facer, pero si que é necesario analizar os seus límites e as súas garantías, porque nunha fase posterior, normalmente no exercicio da potestade sancionadora –cando che abren un expediente sancionador– podes así situar cal é a túa posición fronte a esa inspección.


"Hai que saber que temos os nosos dereitos, as nosas garantías, que non todo vale e que están eses límites que non se deben superar"

Cales son eses límites aos que te refires?
O dereito administrativo non está tanto para dicirnos que se pode facer e que non, que tamén, senón para conter o impulso case a veces inconsciente de todo o que pode facer un aparato administrativo. Entón, o que analizamos hoxe é ata onde se poden meter na miña actividade, nos meus dereitos e ata onde me poden limitar. Resumindo: a miña liberdade neste caso ante unha inspección sanitaria ou por parte da Administración.
Estes límites son relativamente poucos, é dicir, a Lei de Sanidade Animal, por cinguirnos á máis importante, habilita o inspector para practicamente todo tipo de accións, dende entrar nos establecementos, tomar mostras, recompilar todo tipo de documentación, interrogar ás persoas responsables, esixir informes etc. Realmente, hai poucos límites.
Cales son os devanditos límites? Serían o respecto das normas de hixiene e de benestar, de sanidade, os dereitos máis fundamentais como poden ser o de defensa, a intimidade, a confidencialidade dos teus datos… Tamén o dereito a facer constar, normalmente no documento oficial no que se plasma unha inspección, que é unha acta, cal é a túa postura, o teu desacordo, o esixir que a persoa que vaia realizar esta acción inspectora estea identificada, que cumpra cunha serie de requisitos, que a propia acta tamén respecte unhas esixencias formais etc.
Non son moitos, pero si algúns e moitas veces esa pode ser a base que permite logo defenderse ante unha posible acción sancionadora.

 

UNHA AMPLA CARREIRA PROFESIONAL
Este avogado iniciou a súa traxectoria na Universidade da Coruña (UDC), onde estudou Dereito. Posteriormente, no ano 1996 comezou a exercer a súa profesión e, dende 1997, é membro do Colexio de Avogados da Coruña.
Dende hai cinco anos ten o seu despacho propio na Coruña, Praza Avogados, con delegacións en Lugo. Este conta con varias ramas e el é o responsable da Área de Dereito Público.
No seu momento foi avogado do Consello Galego de Colexios Veterinarios e sempre estivo na rama do dereito público exercida dende o sector privado, defendendo profesionais veterinarios e empresas do sector alimentario en xeral.


Que claves ou recomendacións lles darías aos veterinarios para que as sigan e as teñan en conta?
Coas súas vantaxes e cos seus inconvenientes, a tendencia normativa actual é apoderar en certa maneira o veterinario de explotación dentro do que é o sistema de hixiene sanitario, porque é certo que moitas veces se atopaba entre varias frontes e os decretos que se están aprobando recentemente van nesa dirección, en axudar ao veterinario a definir ben cales son as súas funcións e os seus dereitos. Porén, isto tamén implica unha maior responsabilidade, que é aí onde se poden producir certas resistencias.
Isto leva consigo unha maior esixencia de información, a nivel xurídico e noutros ámbitos, por tanto, un maior protagonismo dos operadores xurídicos á hora de velar pola correcta aplicación de toda esta nova normativa. Dende logo, debemos ter sempre presente que, por riba de todo isto, como cidadáns e como profesionais, estamos arroupados cunha serie de garantías e dereitos que deben ser manifestados e postos en valor ante calquera exceso dese marco xurídico no que poidamos ser vítimas.
Nese senso é un esforzo, pero hai que defenderse e non deixarse asoballar polo que pode ser toda unha Administración que se nos vén encima. É necesario saber que temos os nosos dereitos, as nosas garantías, que non todo vale e que están eses límites que non se deben superar. Neste caso, o veterinario ten que ser consciente tamén de que hai profesionais, como os que formamos Praza Avogados, que estamos para asesoralos, defendelos e acompañalos ante situacións como pode ser a dunha inspección sanitaria.


Como estás vivindo este Congreso de Anembe? Cal é a túa opinión?
A miña impresión é moi positiva e felicito dende aquí a organización por prestarlle atención a este aspecto do exercicio profesional relacionado coa lexislación, que moitas veces está deixado de lado porque pensamos que nunca nos vai afectar. Entón, que este sexa un dos temas nos que se centraron nesta edición paréceme fundamental para a formación e educación neste ámbito: ao final son os nosos dereitos. Doulle tamén as grazas a Anembe por terme permitido participar e reitero os meus parabéns polo éxito deste congreso.