NA GRANXA | QUINTA DO SINAL (PORTUGAL)

Predicar co exemplo

Darlle continuidade á granxa do seu pai foi o destino que elixiu Carlos Neves en 1996 e, tras 27 anos dedicado á gandería e á agricultura, incorporou outra faceta á súa vida que cre moi necesaria: a de comunicador. Nesta reportaxe quixemos coñecer as claves de todo o que conta no seu libro Desconfinar a agricultura e nas súas redes sociais.

Localización: Vila do Conde (Portugal)
N.º total de animais: 130
Vacas en muxidura: 60
Media de produción: 38-40 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,70 %
Porcentaxe de proteína: 3,20 %
Venda do leite: Lactogal

Lograr a máxima produción cos seus 60 animais, garantir calidade de vida familiar e manter os seus animais co maior benestar posible e con alimento suficiente son os tres retos que se marca cada día Carlos Neves para sacar adiante a súa granxa, Quinta do Sinal, xunto á súa muller, Carina Ribeiro.
O seu bisavó era carpinteiro naval e o seu pai foi o primeiro que decidiu dedicar a súa vida á agricultura e á gandería. “En 1960 tiña 12 vacas e, como no lugar onde iniciou a actividade non tiña espazo para crecer, trasladouse en 1974 para a actual localización”, lembra Neves.
Por aquel ano, comprou a sala de muxido, o tanque novo e, en 1980, construíu un establo para 28 vacas. Os anos pasaron e Carlos incorporouse á explotación familiar en 1996. “Tiñamos 40 vacas e traballabamos 12 hectáreas”, di. 
Desde entón, foron crecendo en número de animais e en terras de cultivo, e hai 10 anos, en 2013, levantaron un novo establo, para albergar máis animais, e colocaron o robot de muxido. 
Na actualidade, moxen cada día 60 produtoras, teñen unhas 10 secas e coidan dunhas 60 xatas e xovencas.
A súa produción diaria alcanza os 38-40 kg por vaca e día. “Chegamos a 13.000 litros por vaca e ano e sumamos unha produción anual duns 800.000 litros en total”, resume o portugués.

ESTABLO CON MUXIDO ROBOTIZADO     
Na nave máis antiga, Carlos mantén cinco lotes de xatas e xovencas e na parte máis recente descansan os acabados de nacer, en boxes individuais, dous lotes de xovencas próximas ao parto, as secas e as vacas leiteiras.
As camas son de goma e bótanlles por encima unha pequena capa de serraduras. “As vacas teñen tamén un colchón de 3 ou 4 cm”, engade.
O estrés por calor ameazaba nos veráns a produción e a fertilidade dos seus animais e animáronse a loitar contra este problema instalando dous ventiladores de helicóptero xusto encima do lote de produción. “A maiores, temos illamento no tellado e cortinas para abrir e pechar. Nos días de máis calor, tamén lles proporciono un suplemento alimentario”, explica Carlos.

“O muxido robotizado achega calidade de vida e control do rabaño”

Os corredores dos establos están compostos por parrillas, que limpan cun tractor unha vez ao día. Todo o xurro é enviado a unha fosa inferior, que ten capacidade para un mes e “seguidamente destínase a unha fosa maior de 850.000 litros”, indica.
Unha das próximas incorporacións que chegará pronto á granxa será un robot de limpeza. “Grazas a el limparanse máis veces as zonas de tránsito e incomodaremos menos os animais. Tamén nos reducirá –engade– o noso traballo diario”.
Non será a primeira vez que automatizan algunha das tarefas da gandería, xa que levan 10 anos co muxido robotizado. “En 2004 organicei cos novos agricultores unha viaxe a España para coñecer os primeiros robots que se estaban instalando no país veciño e volvín crendo no sistema, pero non quixen ser o primeiro que o fixese en Portugal”, recoñece.
Conseguen unha media de 2,8 ou 3 muxidos por día e entre as vantaxes enumera “a calidade de vida que achega, a boa asistencia da zona e a mellora no control do rabaño grazas aos colares, que alertan de enfermidades e detectan os celos tanto das vacas como das xovencas”.

SAÚDE PARA OS ANIMAIS E FACILIDADE DE PARTO
Inseminan as xovencas a partir dos 14 ou 15 meses, “sempre que pesen 150 kg e superen 1,40 m de altura”, especifica Carlos.
Utilizan seme sexado en todas as inseminacións das xovencas e seme convencional de holstein nun grupo reducido de vacas, que son boas por xenética ou produción. A gran maioría das vacas son inseminadas con seme de angus, “por ser unha raza con partos fáciles”, aclara. 
Na súa selección busca touros con correcta posición de tetos, pensando nos robots de muxido, e que sexan positivos en leite e en calidades. Tamén lles dá moita importancia aos trazos de saúde e á facilidade de parto. Segundo asegura, “o 70 % das vacas paren soas, sen problema ningún. Hoxe teño moita máis facilidade de partos que cando comecei”. 

O intervalo entre partos adoita aproximarse aos 400 días e está a lograr unha media de partos no rabaño de entre 2 e 2,5.

 

APOSTA POLA AGRICULTURA
Dedica o total das súas terras á rotación de cultivos de millo e herba. En 30 ha, parte delas alugadas a veciños que deixaron a produción de leite, cultiva entre o outono e o inverno as mesturas de gramíneas e leguminosas e entre a primavera e o verán, millo forraxeiro e millo gran.
“Co cambio climático –explica–, estou intentando anticipar a sementeira de ambos os cultivos”. Asegura que das tres sementeiras que fixo de millo nesta campaña, unha a finais de marzo, outra polo 15 de abril e outra a finais de abril, “as que mellor resultaron foron as dúas primeiras, porque nesta zona os millos sementados en maio tiveron moitos ataques de rosquilla”.

“Co cambio climático, estou intentando anticipar a sementeira da herba e do millo”

Desta maneira, despois das experiencias dos últimos anos, quere sementar antes a herba, poder recollela antes e sementar o millo para poder ensilar máis ben a finais de agosto e “así poder irnos de vacacións co traballo feito”, indica entre risas.
Con estes cultivos é practicamente autosuficiente para alimentar os seus animais. As vacas de produción están a comer unha ración composta por 38 kg de silo de millo, 3 kg de silo de herba, 0,5 kg de palla e 6 kg de concentrado.
As xovencas aliméntanse de silo de herba e un pouco da ración, e os acabados de nacer toman os primeiros catro ou cinco días o costro das nais, pasan seguidamente a leite de substitución e herba seca; finalmente, cando se lles retira o leite, comezan a comer a súa ración específica de xatas ou xovencas.
Ademais do millo que cultiva para a alimentación dos seus animais, traballa 6 ha con millo gran, que lle vende á Cooperativa de Vila do Conde para a elaboración de racións.

COMPROMETIDO CO SECTOR
Véndenlle o leite á Cooperativa de Vila do Conde, que á súa vez está unida a outras cooperativas en Agros. Todo o leite recollido é vendido e entregado á industria leiteira Lactogal, cuxa fábrica está a 6 km de distancia de Quinta do Sinal.
Está a cobrar por cada litro 49 céntimos, que poden chegar, grazas aos niveis das calidades, aos 51 céntimos.
En canto aos prezos, Carlos Neves destaca que Portugal pasou 13 anos co peor prezo do leite de toda Europa. “É certo que no último ano o prezo se dobrou. Fomos os últimos en notar a subida e agora xa está a baixar de novo, a pesar de que os custos de produción seguen sendo moi elevados”, concreta.
O sector portugués tivo tamén ameazas dos partidos animalistas e as vacas están a ser responsabilizadas do quecemento global, da pegada de carbono... As preocupacións do lácteo e de Carlos Neves en particular son similares ás que se viven en España; pero, segundo apunta, “a sociedade comeza a abrir os ollos ante estas informacións nesgadas e é por iso que a min me gusta comunicarlle á sociedade a realidade do noso traballo e as bondades de consumir leite no marco dunha dieta completa e equilibrada”.
Entre os plans de futuro que valora para o seu negocio subliña a mellora do manexo da recría, o aumento de produción por vaca sen comprometer a súa saúde e o incremento das súas terras de cultivo para producir máis millo para a venda. “Todo se resume en poder vivir das vacas tendo tempo libre para gozar da miña familia, continuar comprometido coas asociacións e seguir transmitíndolle o noso mundo á sociedade coa axuda das redes sociais”.