O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, informou hoxe a integrantes da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo (Africor) sobre o funcionamento de Conta Láctea, a nova aplicación informática para o cálculo de custos de produción nas granxas de vacún de leite. Na xuntanza explicou o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática creada xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.
Así, o director xeral resaltou que a principal finalidade de Conta Láctea é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros ante as industrias. Para acadar estes obxectivos, a ferramenta permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos datos obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para que o empreguen os gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.
A presentación de hoxe forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.