O Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo acolleu esta mañá a presentación da 38.ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que se celebrará os vindeiros días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila da localidade.
No acto estiveron presentes, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación lucense, Pilar García, e representantes da comisión organizadora, que asume a Asociación de Comerciantes Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta. En concreto, asistiron o presidente da Moexmu, José Darriba; o coordinador da mostra, José Manuel Rus, e o presidente de Africor Lugo e Fefriga, Manuel Sandamil.
O programa para esta edición inclúe concurso, exposición e poxa de gando frisón e rubio galego. Nesta ocasión, a Moexmu acollerá o Concurso Autonómico de Raza Frisona de Galicia, Fefriga 2022, no que está previsto que participen máis de 200 animais dunhas 30 explotacións das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.