Presentada a Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sitúa Galicia como rexión produtora de referencia no sector cárnico cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade. O titular do Goberno galego remarcou as posibilidades deste eido no acto de presentación da nova Estratexia de dinamización do sector cárnico que tivo lugar hoxe no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia no Pazo de Fontefiz, no concello ourensán de Coles.

Esta nova estratexia configúrase como unha folla de ruta que marca seis eixos para desenvolver ata o ano 2030, con 64 medidas e 174 accións. Tal e como indicou o presidente da Xunta, preténdese dispor dun sector organizado e profesionalizado para fomentar unha industria competitiva, líder en calidade, ademais de mellorar o posicionamento nos mercados nacional e internacional e promover unha cadea de valor máis transparente e equilibrada. A iniciativa pretende tamén fomentar unha sociedade concienciada coa importancia da produción cárnica galega e o seu valor nutricional, así como camiñar cara un sector máis sustentable que coide o medio ambiente e garanta o benestar animal.

Alfonso Rueda, que acudiu acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, indicou que para a elaboración da Estratexia de dinamización do sector cárnico levouse a cabo un exhaustivo traballo previo de análise, diagnose e diálogo co obxectivo de reforzar as posibilidades dun sector que “afronta unha situación moi complexa” e que ten unha gran relevancia para Galicia, como demostra o feito de que achegue máis do 34 % do valor da produción final agraria, que sume máis de 43.000 explotacións e 192 industrias de transformación e que empregue uns 5.800 traballadores. “Estamos traballando xuntos e estamos acertando xuntos”, asegurou o presidente, quen puxo en valor tamén as posibilidades do sector primario en Galicia.