O Concello de Lalín vén de anunciar o programa de Lalín Conecta, unha serie de xornadas sobre o sector agroalimentario, a remuda xeracional e a transición tecnolóxica no sector agrícola e gandeiro. Terán lugar os días 6, 9, 13 e 16 de febreiro, de 10:30 a 13:00 horas, no auditorio da biblioteca municipal e están dirixidas a centros educativos da cadea agroalimentaria, a emprendedores, a colectivos con dificultades de acceso ao emprendemento e a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
As xornadas tratarán de identificar e de dar a coñecer exemplos inspiradores e fórmulas de promoción do talento no sector agrícola e gandeiro e casos de relevo xeracional e de salto á transición tecnolóxica. Intervirán un total de 18 conferenciantes e referentes a nivel local, autonómico e nacional no sector.
O formato, explican os organizadores, busca unir a experiencia sénior e o ímpeto dos máis novos para crear contacto entre iniciativas innovadoras dentro do sector agroalimentario con longa historia e tamén propostas de nova creación. Establecer vínculos con potenciais socios, investidores ou clientes, amosar exemplos do funcionamento da economía circular e analizar a aplicación das novas tecnoloxías no sector son algúns dos obxectivos das conferencias.