Presentadas las XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

Presentadas las XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
  • A presentación tivo lugar esta mañá no Pazo de San Marcos, sede da Deputación Provincial de Lugo.
  • Os encontros celebraranse os días 18 de setembro, 18 e 19 de outubro e 18 e 19 de novembro

O salón de actos do Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a presentación das XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, na que participaron o deputado da Área de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico; o presidente de Seragro SCG, Víctor Manrique Arroyo, e o veterinario José Antonio Montoiro González.

O encargado de abrir a sesión foi o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, quen destacou a relevancia deste foro “que pon en contacto o traballo dos gandeiros e gandeiras cos novos avances da investigación aplicada, son un exemplo dese camiño a seguir para facer máis sostibles e máis competitivas as explotacións gandeiras”. Así mesmo, incidiu en que "o sector primario é fundamental para o presente e para o futuro da provincia de Lugo, pois a actividade agrogandeira e forestal xera riqueza e emprego, ademais de favorecer a tan necesaria ordenación do territorio”, explicou. Citas como estas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, subliñou, “repercuten na mellora da calidade de vida dos propios profesionais, no benestar animal, na rendibilidade das explotacións e nunha mellor calidade e valor do produto, e polo tanto, no dinamismo social e económico da provincia”.

Durante a súa intervención lembrou que unha mostra palpable da implicación co sector leiteiro da institución provincial é a Granxa Gayoso Castro, onde se atopa a Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público experimental de Galicia que xunta formación e investigación sobre o sector lácteo. “Este é un exemplo, pero temos outra iniciativas en colaboración coa Universidade e co propio tecido produtivo. O apoio económico, de 12.000€, que damos para a organización destas xornadas é, de feito, froito dese estreito contacto e da ampla colaboración que temos coas agrupacións vinculadas ó sector”.

Pola súa parte, Manrique lembrou que Seragro empezou hai 18 anos coas xornadas de formación, nas que conviven gandeiros “intercambiando información e experiencias útiles no desenvolvemento diario das súas ganderías”. Convivencia, intercambio, formación e información son as bases nas que se asentan estas xornadas.

A pandemia do Covid-19 provocou que as xornadas número 18 se tiveran que aprazar polas circunstancias. O presidente afirma que desde hai uns seis meses “pensamos que facer para este ano e decidimos que si había información interesante que compartir co sector produtor”. Aínda que a situación actual é mellor que o ano pasado, “non hai garantías de que a maioría de idade das xornadas se poidan celebrar como nos gustaría”. Por iso, serán en formato dixital e transmitiranse “para poder chegar ás vosas casas”.

O presidente recalcou a importancia do sector, “que é esencial para a sociedade e así quedou demostrado nos meses máis duros da pandemia, nos que traballaron sen descanso, en condición difíciles e, nalgúns casos, ata sufrindo as consecuencias da enfermidade. Todo para levar alimentos a unha poboación confinada”, afirma o presidente. Tamén di que é un traballo “non ben recoñecido en varios aspectos, especialmente no prezo do leite para o produtor, un tema reiterativo que é máis acusado en Galicia, onde os prezos son máis baixos que no resto de España”. Engadiu que este problema vese incrementado desde finais do 2020, cando se produciu un incremento considerable dos costes de produción (materias primas, luz, man de obra...) que recaeu no produtor sen que, ata o momento, “se vise afectada o resto da cadea alimentaria e ocasionando un importante quebranto na economía das explotacións”.

Desde Seragro consideran que a formación e a transferencia de información é un piar básico para poder conseguir os obxectivos e, con este fin, animan a participar na 18ª edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite. A mellora das instalación e a súa repercusión no benestar animal, o compromiso continuado do sector produtor de leite coa loita fronte á resistencia de antibióticos, a saúde animal desde o primeiro día ou a mellora na eficiencia alimentaria son algúns dos temas que serán obxecto de debate nestas Xornadas.

Os interesados en participar (gandeiros, técnicos, estudantes…) poderán facelo de modo telemático os días 18 de setembro, 18 e 19 de outubro e 18 e 19 de novembro; todas as xornadas serán a partir das 15:30 horas. Nas vindeiras semanas, desde Seragro informarán sobre como acceder ás distintas citas.