Primeira edición das xornadas formativas "Un rural con futuro" en Agolada

Primeira edición das xornadas formativas "Un rural con futuro" en Agolada

A asociación Queremos Parcelarias en Agolada organiza as primeiras xornadas formativas "Un rural con futuro" o sábado 12 de novembro, no auditorio municipal de Agolada (Pontevedra). O obxectivo é debater sobre temas vinculados ao mundo rural e sobre o futuro do mesmo.

A cita empezará ás 11:00 horas coa benvida por parte do presidente da asociación, J. Carlos Sánchez e, a continuación, empezarán as charlas. O primeiro en intervir será Juan Carlos Ínsua, enxeñeiro agrónomo do CIAM, quen mostrará as oportunidades que ofrecen os abonos orgánicos ante a crise enerxética. Logo será a quenda de Kiko Ónega, enxeñeiro agrónomo no Laboratorio do Territorio da USC, que exporá diferentes opcións para mellorar as bases territoriais das explotacións. Sobre a pluriactividade no medio rural falará Marcos Vázquez, enxeñeiro, técnico agrícola e xerente do Muvicla. Para finalizar a mañá haberá unha mesa redonda, moderada por Eloi Villada, membro da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e na que estarán o tres relatores, representantes do sector cooperativista e representantes da asociación.

Pola tarde, tras a comida, haberá unha última charla a cargo de Manuel López, secretario da IXP Castaña de Galicia, quen se enfocará na castaña como unha alternativa rendible en Galicia. O alcalde de Agolada, Luis Calvo, será o encargado de pechar estas primeiras xornadas.