Xa podedes consultar na hemeroteca desta web o último número de Vaca Pinta, que chega cargado de novidades do sector e, como non, está dedicado á sementeira do millo forraxeiro. Nuns días recibiredes a edición física da revista nas vosas casas e/ou puntos habituais de distribución pero, mentres tanto, lembrade que tedes dispoñibles tanto a edición en castelán como a edición en galego en vacapinta.com.
ESPECIAL: SEMENTEIRA DO MILLO FORRAXEIRO
Como é habitual, entre os artigos técnicos figuran os resultados das avaliacións de variedades comerciais de millo forraxeiro en Asturias, Galicia e Navarra, realizadas por investigadores do Serida, do CIAM e do INTIA, respectivamente.
Varios investigadores da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo e da Misión Biolóxica de Galicia analizan noutro artigo incluído no dossier como inflúe a parede celular no aproveitamento do millo, mentres que os seus homónimos do Departamento de Pastos e Cultivos do CIAM-Agacal mostran os resultados dun experimento no que estudaron rotacións de millo con varios cultivos de inverno para saber cal delas é a máis favorable para conseguir a máxima produción reducindo achegas de fertilizantes nitroxenados, é dicir, co propósito de mellorar a sustentabilidade das explotacións de vacún de leite.
O seguinte artigo do especial asínano Juan Valladares, Valentín Souto e Gonzalo Flores, tamén do CIAM, e Marcos Veiga e Sonia Pereira, do Ligal. Nel presentan os resultados preliminares de dous ensaios realizados no interior de Galicia sobre a influencia da rega no millo forraxeiro.
A continuación, o enxeñeiro agrónomo Gustavo García (Limagrain Ibérica) pon o foco na produción de forraxes propias como remedio para paliar a suba das materias primas e, como punto e final ao dossier, os asesores agronómicos de Dekalb Pablo Amado, José María Viveiro, Marcos García e Manuel Barreiro fan un repaso dos criterios que se deben ter en conta para lograr un funcionamento óptimo dos herbicidas no cultivo do millo.
NA GRANXA
Nesta ocasión visitamos a gandería coruñesa Finca Raposo SC, dirixida polo empresario José Manuel Raposo, quen ten claro que rodearse dun bo equipo técnico que o asesore para tomar sempre a mellor decisión é clave para que o negocio funcione correctamente. Ese día, ata a granxa tamén se desprazaron os técnicos de Seragro Paco Sesto (Calidade de Leite), Javier López (Alimentación) e Gonzalo Gómez (Xestión Técnico-Económica), o tres provedores de servizos en Finca Raposo, os cales nos falaron dos obxectivos do seu traballo na explotación.
MANEXO
Nesta sección inclúese a segunda parte do estudo da veterinaria Carlota Antelo del Río sobre o fallo da transferencia da inmunidade pasiva, centrada no manexo do encalostramento. Ademais, Israel Flamenbaum (Cow Cooling Solutions) resume os resultados dun traballo do que formou parte sobre o efecto do estrés por calor e do arrefriado das vacas no verán na súa eficiencia alimenticia.
SAÚDE ANIMAL
Por unha banda, o veterinario Antonio Jiménez (Ceva) pon o foco no diagnóstico e o control da febre Q no gando vacún co fin de aumentar os beneficios da granxa e de protexer os seres humanos; por outro, o seu homónimo Aitor Fernández-Novo (doutorando na Facultade de Veterinaria da UCM) trata de responder á pregunta de se podemos durmir tranquilos só vacinando fronte a BVDV en granxas de nodrizas.
OUTROS CONTIDOS
Na sección de ‘Actualidade’ recollemos senllas reportaxes sobre a Xornada Técnica anual de Africor Lugo e Vaca Pinta e sobre a Xornada Delagro de Forraxes e Pastos, ambas as dúas celebradas en formato dixital. E tamén é neste formato no que se quere especializar Anembe en canto formación dos seus socios, polo que continúa no seu empeño de liderar os webinarios de calidade, mantendo o listón moi alto e abordando novos temas.
No noso habitual apartado de ‘Saúde Podal’ damos a coñecer o novo equipo da Asociación Profesional de Podoloxía Bovina (APPB), mentres que ‘En Vaca TV’ atoparedes reseñas dunha xornada on-line organizada por esta esta asociación en colaboración con Vaca TV e do acto de entrega do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, outorgado á cooperativa A Carqueixa.
Concluímos o resumo de contidos de Vaca Pinta 23 coa sección de ‘Opinión’, na que o noso colaborador Xoán Ramón Alvite trata de responder a este interrogante: por que non sobe o prezo do leite?