O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación destinará axudas por valor de 6,55 millóns de euros para o Plan de Renovación do Parque Nacional de Maquinaria Agraria (Plan Renove) no exercicio 2021. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou onte a Orde de 7 de maio reguladora destas axudas, que poderán solicitarse a partir do 15 de xuño.
O obxectivo do Plan Renove é modernizar o parque de maquinaria mediante a axuda á compra de vehículos e equipos que incorporen novas tecnoloxías que permitan unhas técnicas agrícolas máis respectuosas co medio ambiente. Incentívase a adquisición de distintos tipos de maquinaria, buscando reducir as emisións de CO2, de amoníaco e partículas, optimizar a aplicación de insumos e fixar carbono no solo. Trátase de mellorar a adaptación ao entorno, a protección ambiental e a eficacia e seguridade na produción primaria. A convocatoria de 2021 facilitaralles aos agricultores a adopción dos requisitos da nova Política Agraria Común (PAC) e busca a consecución dos compromisos ambientais de España en materia de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e doutros gases contaminantes. Como novidade na convocatoria de 2021 habilítase unha liña específica para incentivar a compra de máquinas para unha aplicación localizada do xurro (accesorios e cisternas), máis respectuosos co medio ambiente.