Publicado por Conafe o ranking coas mellores ganderías por cualificación morfolóxica do 2024

Publicado por Conafe o ranking coas mellores ganderías por cualificación morfolóxica do 2024

A Confederación de Asociacións de Frisona Española (Conafe) publicou o listado das 100 ganderías criadoras coa media de cualificación final máis alta, considerando os datos de cualificación de todas as vacas vivas a 31 de decembro de 2024.

Desde Conafe explican que esta clasificación obtívose a partir da media dos puntos das reprodutoras co mesmo prefixo gandeiro cualificadas na explotación de orixe ou na de destino, no caso de que fosen transferidas. Ademais, considéranse as ganderías con 17 reprodutoras ou máis, co 85 % das vacas de 36 meses ou máis cualificadas, cunha porcentaxe inferior ao 5 % de RAA (Rexistro Auxiliar A) sobre o censo de reprodutoras e un mínimo de 10 animais nacidos e cualificados na gandaría. As cualificacións utilizadas son as mellores de cada animal.

Segundo estes criterios, lidera a lista a asturiana Ganadería Diplomada Badiola, con 87,71 puntos de media; seguida moi de preto pola galega Mantoño Holstein, con 87,70 puntos; no terceiro posto posiciónase Baixo Holstein (Galicia), con 87,13 puntos; no cuarto, Casa Flora (Asturias), con 85,96 puntos, e no quinto, Gloria Holstein (Cantabria), con 85,78 puntos.