Unha das novidades máis destacadas do XXV Congreso de Anembe, que aconteceu a finais de maio en León, baseouse na celebración de dúas mesas redondas con gandeiros. Nunha delas, catro produtores do sector leiteiro explicaron que esperan dos seus veterinarios nun futuro próximo. Nós puidemos falar con todos en profundidade sobre as temáticas que abordaron na xornada, así como coñecer as súas opinións sobre o asunto e os casos concretos de cada un deles. Vémolo en Vaca Pinta 41.
María Guadalupe Prado, José María Pont, Víctor Rodríguez e José Vilariño foron os catro participantes dunha das dúas mesas redondas que tivo lugar no XXV Congreso de Anembe, na capital leonesa, do 24 ao 26 de maio. Así, estes produtores do sector leiteiro compartiron diferentes enfoques e pareceres sobre o papel dos técnicos nas ganderías de cara ao futuro.
Esta actividade, totalmente innovadora na historia dos congresos de Anembe, levouse a cabo co obxectivo de dar un xiro á hora de enfrontarse ás problemáticas que xorden nas ganderías por parte dos veterinarios. Desta forma, en lugar de intentar buscar solucións unicamente tendo en conta os criterios dos clínicos, a idea pasaba por recorrer ao punto de vista de gandeiros de distintas zonas de España e darlles voz para, entre todos, poder chegar a conclusións factibles e útiles co fin de dar un cambio que beneficie o sector en xeral.
Durante a celebración do congreso tivemos a oportunidade de conversar con estes catro relatores para coñecer máis en profundidade as súas circunstancias e perspectivas. María Guadalupe Prado, de SAT Arealba, en Vilalba (Lugo), puxo o foco na importancia que teñen as Administracións á hora de conseguir avances e melloras e que, por tanto, deben tomar parte no asunto e implementar algunha modificación que poida ser positiva para o sector. Directamente desde Granja San José, situada en Tamarite de Litera (Huesca), José María Pont resaltou, entre outros aspectos, a importancia dunha forte unión entre todos os traballadores. Víctor Rodríguez forma parte do equipo de SAT Rote (Zamora) e unha das propostas que nos comentou centrábase en que os técnicos poderían xestionar eles mesmos as explotacións que, por falta de remuda xeracional, están a punto de desaparecer, para así asegurar a súa continuidade. Finalmente, José Vilariño, en representación de As Travesas Agropecuaria, en Carral (A Coruña) indicou que, ao remate do encontro, a pesar das variadas posicións e as distintas circunstancias dos catro participantes, as conclusións ás que chegaron foron bastante similares. A continuación, recompilamos as opinións destes produtores coa finalidade de que, entre todos, se asegure o futuro do sector ao aplicar cambios e medidas que resulten positivas.
FALTA DE UNIÓN NAS ADMINISTRACIÓNS
SAT Arealba é a gandería familiar da que Lupe Prado forma parte. Esta naceu en 2006 e, actualmente, posúen un total de 125 vacas en muxidura que producen 38 litros ao día. En canto a calidades, anotan unha media de 3,87 % de graxa e 3,37 % de proteína.
Nesta granxa dispoñen dunha sala de muxido traseira 2x10 que utilizan dúas veces ao día e contan coa axuda de dous empregados para realizar todas as tarefas relacionadas coa gandería. O traballo de campo téñeno externalizado: manexan 69 hectáreas de herba. Actualmente, desde hai dous anos, mercan todo o millo.
Prado contounos que na súa granxa todo o persoal ten cohesión, aspecto que ve necesario para o traballo entre veterinarios e gandeiros: “Traballamos con seis equipos externos de nutrición, reprodución, calidade de leite, xestión económica, clínica e podoloxía. Reunímonos asiduamente” −engadiu−, “para tratar problemas e todos respectamos os nosos criterios para poder así solucionar con eficacia os contratempos. Nese aspecto, eu síntome moi satisfeita”.
A gandeira considera que o problema non reside na parte técnica, senón nas novas lexislacións que parten das Administracións: “Creo que carecen de profesionais que sexan conscientes da realidade que temos agora mesmo no campo. O problema máis grave está hoxe nas Administracións e nos políticos, ademais de nas políticas agrarias que aproban. A maiores, fáltalles esa cohesión que tan importante me parece”, manifestou.
A IMPORTANCIA DE TER UN BO EQUIPO
O veterinario José María Pont é socio de Granja San José, unha gandería familiar da provincia de Huesca que remonta os seus inicios ao ano 1951. Pont pertence á terceira xeración da explotación e dirixe todo o relacionado coa produción láctea.
“Eu creo que realmente as miñas aptitudes son máis empresariais que de veterinario, que é realmente do que exerzo neste momento”, confesou. O seu avó empezou este negocio cun socio e a familia foi apostando pouco a pouco polo mundo da vaca leiteira; esta foi a maneira de ir crecendo e profesionalizándose ata o día de hoxe.
A media de produción en Granja San José está en 47 quilos/vaca/día, cun 3,75 % de graxa e un 3,32 % de proteína. O reconto celular é de 130.000 cél./ml. “Neste momento estamos muxindo 3.700 vacas nunha sala rotativa de 80 prazas e traballamos case 90 persoas”, explicou. En canto á xestión do campo, dispoñen de 1.300 hectáreas: 400 propias e o resto, arrendadas.
Neste caso, os técnicos cos que traballan forman parte do persoal; neste momento, un total de 7 veterinarios. “Tamén temos asesores externos en varias ramas da produción”, aclarou.
Desde a gandería non dubidan que “ter os mellores integrantes é o que vai marcar as diferenzas. En cada unha das parcelas debemos atopar os mellores profesionais pero que tamén sexan boas persoas”.
Granja San José é un exemplo de como xestionar unha grande empresa dentro do sector e, aínda que é certo que isto pode supoñer moitas vantaxes, implica saber dirixir un negocio así para que todo funcione correctamente: “Temos moitos plans de formación para o persoal, ademais, contamos cunha persoa de recursos humanos para a contratación e os problemas que nos xorden día a día. Non podes xestionar máis de 80 persoas como xestionabas 4”, indicou Pont.
Outro dos aspectos que tocou na nosa conversación foron os movementos reivindicativos animalistas, que abundan na zona na que se sitúa a súa explotación. “A nós non nos está supoñendo ningún contratempo, pero creo que, como sector, non lle estamos transmitindo ben á sociedade o noso labor”, confesou. Neste senso, contou que moitos dos que visitan a súa gandería quedan sorprendidos en positivo de todo o traballo que se fai no sector leiteiro: “O problema é o descoñecemento”.
APOIO MUTUO PARA MELLORAR E AVANZAR
En canto á súa participación na mesa redonda, José María Pont expresou que a súa opinión e a súa realidade non ten por que trasladarse a todo o sector. É consciente de que cada circunstancia é distinta e que hai moitas variables a ter en conta, como a localización da granxa, o seu tamaño, o tipo de manexo que se empregue etc.: “Cada veterinario ten que implementar solucións que melloren a vida dos seus gandeiros para que o negocio siga adiante”.
En Granja San José teñen claro que é o que precisan dun veterinario para poder traballar con eles: implicación, formación e vocación. “Esta profesión tenche que gustar, tes que desenvolvela con ganas, con paixón, con intensidade”, sostivo. Outro dos puntos clave que destacou foi que o clínico teña ganas de mellorar cada día e de dar solucións aos problemas que poden ir xurdindo.
Precisamente, tamén expuxo que eles sempre tratan de buscar un progreso continuo, fixándose noutras explotacións referentes e en diversas publicacións técnicas: “Analizamos os datos, vemos onde están os nosos puntos débiles e intentamos implementar melloras”. A maiores, comunicou que, en canto detectan algún contratempo, non teñen ningún tipo de inconveniente en contratar un asesor especializado que lles poida axudar e achegar ideas. Tamén remarcou que non hai que conformarse con medias de produción baixas, senón que se deben optimizar os niveis produtivos.
No referente ás novas tecnoloxías como posibles substitutas de man de obra, non dubidou na súa resposta: “Que non se asusten os clínicos: hai moito traballo no campo e moitas oportunidades. Ademais, detrás da tecnoloxía terá que estar un veterinario. O traballo tradicional seguirase exercendo durante moito tempo e as últimas novidades tecnolóxicas implementaranse conforme se vaia demostrando que son rendibles para as granxas”.
EMPREGADOS SATISFEITOS CO SEU TRABALLO
Víctor Rodríguez é o encargado de SAT Rote, en Zamora. Trátase dunha gandería familiar e forma parte da segunda xeración: “Levo 15 anos traballando alí, pero antes viaxei, formeime, estiven noutras explotacións e, ao final, rematei na casa, intentando mellorar o que fixeron os meus pais e o meu tío”.
A día de hoxe teñen 1.100 cabezas, das cales 650 están en muxidura. Realizan tres muxidos diarios e intentan que as quendas sexan continuas, para que os traballadores encargados desta tarefa non teñan que facer ningunha outra función e facilitar así os seus horarios: “Polo tanto, non temos unha sala excesivamente grande, porque está condicionada a esas horas”, argumentou.
“Como xa non crecemos, intentamos ter altas producións”, comentounos. Certamente, producen 44 kg por vaca e día. En canto ao reconto celular, este sitúase en 180.000 cél./ml. e sofren moi poucos casos de mamites.
Outro dato a recalcar é que esta granxa pertence a Leite Gaza: “Somos socios fundadores. O meu avó constituíu aquela empresa con outros compañeiros”, aclarou. O negocio céntrase en toda Castela e León e parte de Madrid, o que contribúe a promover o comercio local e a coidar o medio ambiente: “Intentamos non ter que traer materias primas de lonxe e que todo proveña de Castela e León. Ademais, o leite que se reparte non sae de España”.
En SAT Rote hai 15 traballadores, entre eles, un veterinario no persoal, que se encarga de temas de xestión e de reprodución xunto ao propio Víctor. Para as cuestións de nutrición, calidade de leite, podoloxía e cow confort requiren de servizos técnicos externos.
En canto ao que esperan dos seus asesores, foi claro na charla que mantivemos con el. A nivel profesional, buscan que estean ao día do que é unha gandería e que non se centren unicamente na súa especialidade senón que teñan unha visión máis global.
Outro dos aspectos que teñen moi en conta, ao igual que en Granja San José, é o factor humano: queren que tanto os asesores externos coma os empregados estean cómodos e a gusto no seu traballo, para así ter un bo ambiente xeral e non transmitir incomodidade e apatía duns a outros. “Queremos mellorar día a día e que cada xornada sexa mellor que a anterior. O ideal é que, cando todos os empregados cheguemos á granxa, o gocemos e que non o sintamos coma unha penitencia”, expresou.
PROPOSTA: ASEGURAR A CONTINUIDADE DAS GRANXAS QUE PERIGAN
O encargado de SAT Rote explicou que leva asistindo a Anembe desde o ano 2007 e que lle fai moita ilusión ver a evolución que viviron tanto outros compañeiros coma el mesmo.
De feito, comentounos que un dos puntos que sacou a relucir durante a celebración da mesa redonda céntrase na falta do remuda xeracional que sofren moitas ganderías. Así, achegou a idea de que os técnicos poidan facerse cargo destas granxas: “Estaría ben que tivesen o valor de xestionar explotacións para evitar o seu peche, porque, ao final, o leite vaise demandar sempre”.
DIFERENTES PUNTOS DE VISTA, CONCLUSIÓNS SIMILARES
José Vilariño formaba parte naquel momento do equipo directivo de As Travesas Agropecuaria en Carral (A Coruña), onde estivo 10 anos, aínda que actualmente traballa en ABS. Nesta granxa dispoñen de 630 animais, 340 en muxidura. En canto a calidades, están nun 3,50 % de graxa e nun 3,40 % de proteína, cun reconto celular de 200.000 cél./ml. Hai tres anos comezaron a xenotipar co obxectivo de mellorar a súa xenética.
A súa media de muxidos sitúase en 3, cunha sala de muxido 12x2 de saída rápida e obteñen 42 litros/vaca/día. Para a alimentación dos animais posúen 120 hectáreas de terreo que destinan a millo, a unha mestura de leguminosas con raigrás híbrido e a outra mestura que achega materia orgánica verde ao chan.
En As Travesas Agropecuaria traballan cun total de sete veterinarios externos: “Esixímoslles moita implicación no traballo que desenvolven e unha formación constante e de actualidade para que non queden atrás coas novas tecnoloxías, que é algo que vexo moi interesante a día de hoxe”, afirmou.
Este xestor explicou que para progresar un debe centrarse nas instalacións que ten, no seu persoal e en marcarse obxectivos realistas: “No canto de pensar ata onde tes que chegar con respecto a outras granxas, creo que é mellor meditar como aplicar certas ideas á túa propia gandería”.
José Vilariño narrounos que era a primeira vez que asistía a un Congreso Anembe e falounos da súa experiencia na actividade da que formou parte: “No encontro expuxemos as deficiencias e as virtudes dos veterinarios nas granxas, e tratamos de facer achegas ao respecto entre todos ao expresar diversos enfoques”. Tamén manifestou que, a pesar das distintas opinións existentes, as conclusións ás que chegaron foron bastante similares. Un dos temas máis destacados foi o feito de empezar a ver as ganderías como unha empresa e non tan só como un negocio familiar que vai indo de xeración en xeración: “Por exemplo, na miña situación, o propietario é de Madrid e eu estou xestionando a granxa en Galicia”, declarou con respecto ao seu contexto daquel momento.
Sobre esta iniciativa na que os catro participaron, a opinión de Vilariño foi clara: “Paréceme moi interesante porque se pode obter unha visión diferente ao outorgarlles a oportunidade ás ganderías de dar directamente a súa opinión aos técnicos”, concluíu.