Radio Lugo Cadena SER desenvolverá o 15 de outubro, da man da Deputación de Lugo, o encontro titulado 'Con Voz de Muller', enfocado na figura da muller rural. Con motivo do Día Internacional da Muller Rural, a emisora de radio propón novamente este foro para debater e compartir diferentes historias sobre emprendemento, arte e conquista de espazos tradicionalmente ocupados por homes.
O evento terá lugar no salón de actos da Deputación de Lugo a partir das 19:00 h e contará con nove mulleres vinculadas á provincia. Realizarase unha primeira mesa redonda coa participación de Verónica Marcos, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais; Rosa Romero, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, e Josefa de León, directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb.
Tamén se falará de emprendemento no rural con María Bouzas, responsable de Galletas Tataraboas, e Chusa Expósito, socia da cooperativa Milhulloa. Combinarase o rural e as disciplinas artísticas coa cesteira Idoia Cuesta, a actriz Melania Cruz, a fotógrafa Esther López e a cantante Sara Nebra, que poñerá o toque musical á cita.
A asistencia é de balde, pero é necesario descargar previamente a invitación.