NA GRANXA | CASA GRANDE (PONTEVEDRA)

Traspaso xeracional, efectivo e ilusionante

Uxía e Brais comparten xa a xestión da gandería familiar cos seus pais. En Vaca Pinta 39 contámosvos que Casa Grande pode presumir de ter o futuro garantido grazas a dous mozos con inmensas aspiracións por seguir mellorando cada día a xenética das súas frisonas, a súa alimentación, as súas cifras de produción e o seu benestar.

Localización: Lalín (Pontevedra)
N.º total de animais: 268
Vacas en muxidura: 150
Media de produción: 40 litros/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,87 %
Porcentaxe de proteína: 3,35 %
RCS: 160.000 cél./ml
Venda do leite: Río de Galicia

Sendo o traspaso xeracional unha das eivas máis comúns do mundo gandeiro actual, nesta gandería pontevedresa do concello de Lalín tiveron a sorte de poder superar este reto, pois ao día a día de Casa Grande incorporouse hai un ano Uxía Pérez, que con tan só 23 anos é a máis nova da familia. Entre ela, o seu irmán maior, Brais Pérez, e os seus pais, José Antonio Pérez e María Cruz García, coidan dun rabaño de 268 animais, dos cales 150 son vacas en produción. 

A pesar da súa xuventude, Uxía decidiu quedar traballando na granxa, porque soubo “desde moi pequerrecha que os animais eran a súa paixón”, afirma. Optou por estudar o Ciclo Superior de Gandería e Sanidade Animal no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, quedou un ano a traballar na gandería e así se deu conta de que esta sería a súa vida profesional.

“Souben desde pequerrecha que os animais eran a miña paixón”

A granxa ten a súa orixe nos avós de Uxía. Os pais do seu pai tiñan vacas de carne e os pais da súa nai, vacas de leite. “Cando os meus pais casaron déronse conta de que das vacas de carne sería difícil vivir tantos membros da familia e fixeron un cambio. Para a casa da miña nai foron as vacas de carne e para aquí –a localización actual– viñeron as de leite”, apunta a gandeira.

Naquel momento o negocio iniciouse tan só cunhas 20 vacas e o crecemento continuado ata o día de hoxe marcou a súa historia.

RABAÑO E BENESTAR
Os animais repártense principalmente en tres espazos diferenciados. No primeiro deles, encontramos a recría, dous lotes coa amamantadora e varios grupos de frisonas xa destetadas en desenvolvemento. No segundo permanecen as xovencas preñadas e as secas, e no terceiro, correspondente á nave máis grande, están as vacas en produción.

“Os xatiños e as xatiñas, cando nacen, pasan unha semana en boxes individuais para darlles ben o costro, que vaian collendo quilos e inmunizándose cada vez máis”, comenta Uxía. A partir destes primeiros sete días, lévanos xa para o espazo con amamantadora, no que diferencian dous lotes. Nun deles están as xatiñas que criarán para a gandería e no outro están os becerros para a venda.

“Aquí intentamos que vivan uns 70 días, ata a desteta, xa toman o leite que lles suministra a amamantadora, herba seca e penso ad líbitum”, describe. 

Seguidamente, están dous meses comendo herba seca, palla e penso e, tras este tempo, comezan a comer a comida do carro unifeed das secas, ademais de puntearlles un pouco de penso para que vaian collendo quilos. “En torno aos 13 meses están noutro lote no que intentamos inseminalas e, no momento en que son diagnosticadas de preñez, xa as pasamos para o seguinte grupo”, explica. 

Nas naves máis antigas teñen comedeiros altos e nas máis novas, onde están as xovencas preñadas, as secas e as vacas, xa contan con corredores de alimentación, con baldosas ou resina para unha maior conservación da comida. “Os bebedoiros son de volteo, limpámolos todos os días á mañá e á tarde e unha vez á semana facémoslles unha limpeza máis a fondo para que non collan verdor e as vacas poida beber unha auga o máis limpa posible”, apunta Uxía.

Para o descanso do rabaño traballan con dous tipos de cama: colchonetas recubertas con carbonato cálcico e serraduras, para as xovencas e secas, e camas de area, para as vacas. “Intentamos revisar as camas todas as mañás e as tardes, para limparlles a sucidade ou as partes húmidas e que as vacas estean limpas e secas”, indica. 

A limpeza das instalacións realízana con arrobadeiras en todas as naves, menos nos lotes de recría máis nova, que aínda hai parrillas e teñen que realizar a limpeza manual unha ou dúas veces ao día. Todo o esterco se acumula nun total de tres fosas con capacidade para 2.600.000 litros.

Valoran a futura colocación de ventiladores, porque a calor na zona faise cada vez máis importante


Destinados a mellorar o benestar das vacas, colocaron cepillos rascadores por todas as naves. “Temos tres para as vacas adultas, un para as primíparas, outro para secas e un último para as xovencas preñadas”, enumera.

Neste mesmo senso, tamén valoran a colocación futura de ventiladores porque a calor na zona se fai cada vez máis importante. Xa os teñen nas naves da recría e das secas, pois “son instalacións máis baixas con teitos de uralita nas que vai moita calor”, recoñece. Nas das vacas en muxidura, de recente creación, máis abertas e máis ventiladas, nótase menos a temperatura, pero, aínda así, é algo que xa se están empezando a pensar. 

ROBOTS, CALIDADE DE VIDA PARA TODOS
Un dos cambios máis radicais e máis valorados durante toda a traxectoria de Casa Grande foi o paso ao muxido robotizado.

Uxía recorda como “segundo a gandería foi crecendo en número de vacas, a sala comezaba a quedarse pequena”. Estaban muxindo nunha­ sala de espiña de peixe de 2x8, botaban moitas horas e o muxido, para eles, era un momento dos máis importantes, polo tanto, “non podía depender de xente externa. Sempre tiña que estar un de nós e eran moitas horas alí no foso”, engade.

Cada vez necesitaban máis xente para traballar, conseguir man de obra non lles era tarefa fácil e consideraban que para as vacas sería moi bo o terceiro muxido. Por estes tres motivos comezaron a barallar a idea de investir en robots. Uxía estaba estudando e vendo como funcionaba este sistema e comezaron a visitar moitas granxas robotizadas para coñecer in situ o seu manexo, os seus pros e os seus contras.“Non sabiamos que marca escoller e grazas ao noso asesor Ángel Ávila puidemos coñecer moitas ganderías robotizadas cos diferentes robots”, afirma. 

Non sen dúbidas, tomaron a decisión de robotizar o muxido con tres máquinas e arrincaron con dúas delas polo mes de setembro de 2022. A terceira comezou a traballar neste mes de marzo. “Estabamos moi preocupados, porque todo o mundo nos contaba a experiencia coma se fose unha guerra”, comenta entre risas, “e finalmente non era para tanto. A xente da marca axudounos os tres primeiros días e fomos metendo nelas pouco a pouco, faciamos como unha manga manual e case non houbo ­nin que empuxalas”, lembra.

O que máis notaron os primeiros días foi que a comida case quedaba toda no comedeiro, “co cambio case non miraban para ela –di–, pero desde que se habituaron xa foron cambiando a súa rutina”. 

“O promedio de leite diario aumentou de 34 litros por vaca a 40, as vacas están moito máis tranquilas e nós temos máis tempo libre”


Maior produción, tranquilidade nos animais e mellor calidade de vida para eles son as tres melloras que destacan de ter dado este paso. “As vacas pasaron de muxirse dúas veces ao día a aproximarse aos tres muxidos, con 2,7 de media, a media de leite diaria aumentou de 34 litros por vaca a 40, as vacas están moito máis tranquilas e relaxadas e nós temos máis tempo para nós, para pasalo en familia e gozar do tempo libre”, subliña Uxía.

A maiores, a monitorización dos datos que facilita o robot axúdalles a manter un control maior sobre a saúde dos animais. “Se a ruminación empeora, podemos actuar para evitarlles calquera enfermidade, unha mamite, un desprazamento de abomaso… Así tamén logramos reducir o uso de antibióticos”, explica.

Precisamente, para conseguir unha maior redución de uso de antibióticos están aplicando o secado selectivo. “Evitámolos o máximo, utilizámolos tan só para aquelas vacas que manteñen as células moi altas no momento do secado”, afirma. 

DIXERIBILIDADE, CLAVE DA SÚA NUTRICIÓN
Actualmente, están preparando catro carros unifeed ao día: vacas adultas, primíparas, xovencas preñadas e secas, e xovencas máis novas. Realizan e distribúen as racións todas as mañás agás no verán, que adoitan facer os carros dúas veces ao día, mañá e tarde.

A ración das vacas adultas está formada por 31 kg de silo de millo, 21 kg de silo de herba, 8,5 kg de penso e 0,5 kg de palla, mentres que o unifeed das primíparas contén 27 kg de silo de millo, 10 kg de silo de herba, 8,5 kg de penso e 0,5 kg de palla. Ademais, subminístranlles a todas unha media de 6,5 kg de penso nos robots.

As xovencas preñadas e secas comen outra ración composta por 8 kg de silo de millo, 6 kg de silo de herba, 5 kg de palla e 3,5 kg de penso, e as xovencas máis novas desde os cinco meses ata que preñan toman esa mesma mestura con 1,5 kg de penso a maiores.

Cultivan raigrás con trevo co obxectivo de lograr unha mellor dixeribilidade e un punto de proteína máis alto


As forraxes de todas estas racións proveñen de cultivos propios que conseguen nunhas 70 hectáreas. “Facemos rotación de millo e herba nunhas 55 ha e o resto está con herba todo o ano”, asegura Uxía. 

“Intentamos sementar o millo o antes posible, dependendo do ano, polo mes de abril ou maio, e buscamos plantas con amidón e dixeribles, que se manteñan verdes o maior tempo e que a espiga madure”, especifica.

Dispoñen de seis silos, dous deles de 8 m de ancho, outro de 9 e outros tres que andan entre os 10 e os 12 m de ancho. Todos son de 4 m de alto. “Adoitamos utilizar os máis estreitos para a herba e os máis anchos para o millo”, indica.

Para os traballos de campo pertencen a unha Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola en Común (CUMA) grazas á cal poden contar co persoal e coa maquinaria necesaria.

Os cambios que poidan afectar á alimentación dos animais ou as decisións relacionadas cos cultivos son revisados sempre polo seu asesor Ángel Ávila. “Temos un trato con el de confianza e amizade máis que de traballo –valora Uxía–. Son moitos os anos traballando xuntos e á mínima chamámonos ou pasa a facernos unha visita se anda pola zona. Tamén nos controla os datos e nos avisa se temos cousiñas que mellorar”. 

CAPACIDADE DE PRODUCIÓN E DURABILIDADE
“Canto mellor é a xenética das nosas vacas, vemos que teñen máis capacidade e máis durabilidade na granxa”, detalla Uxía.

Tanto é así que á hora da selección dos seus sementais lles dan prioridade a un bo tipo xeral, a unhas boas patas e a un bo ubre. “Ao fin e ao cabo, a conxunción de todos estes parámetros debe ser a correcta, para que cada animal sexa o máis idóneo posible e que tamén conformemos un rabaño igualitario”, resume.

Apostan en todos os casos pola raza holstein e decántanse máis por touros probados ca xenómicos, aínda que utilizan de ambos os tipos. “Outros aspectos nos que tamén nos fixamos, agora cos robots, –engade– son a colocación e a lonxitude dos tetos”. 

Á hora de practicarlles a primeira inseminación ás xovencas, que intentan que sexa ao redor dos 13 meses, asegúranse de que teñan unha boa conformación e un peso axeitado para poder criar un becerro. “Utilizamos normalmente para este primeiro intento seme sexado, porque adoita facilitar o parto e, no caso de ter que repetir o proceso xa imos a convencional”, comenta Uxía. O mesmo fan coas vacas de primeiro parto e coas mellores en xenética. A media do número de partos do rabaño está en 2,88.

A detección de celos da gran maioría dos animais xa a están realizando grazas aos colares de identificación, pero “como non llelos temos colocados a todos, sobre todo ás xovencas, si que aínda as identificamos a ollo”.

No apartado de reprodución traballan man a man con outro asesor, Carlos Suárez. “Tamén leva toda a vida con nós, tanto como Ángel Ávila. Adoita vir unha vez ao mes, revisa as preñadas, sincroniza aquelas que abortaron ou que tardan en xestar e deixanos apuntados os deberes”, confesa rindo Uxía.

MOZOS CON GANAS
A pesar de estar en plena adaptación aos robots e cunha media de días en leite moi elevada, están producindo uns 40 litros de media por vaca cunhas­ porcentaxes de graxa e proteína de 3,87 % e 3,35 %. 

Venden a Río de Galicia e no momento da nosa visita á gandería estaban cobrando por cada litro uns 52 céntimos.

“Non buscamos máis número de animais, pero si sacar o mellor deles”


A súa meta de cara ao ano que vén é chegar aos 45 litros por vaca e día, mellorar a xestión da recría e ir facendo o cambio xeracional o máis levadío posible. “Somos dúas persoas que non nos queremos estancar; ao contrario, pretendemos evolucionar e mellorar aos poucos para chegar a producións máis altas. Non buscamos máis número de animais, pero si sacar o mellor deles”, resume Uxía.

Visualiza un sector nun momento complicado, “debido ao elevado prezo das materias primas, á situación que provoca a seca, cada vez máis recorrente, e á desaparición de moitas granxas, por falta de traspaso ou pola escasa rendibilidade”. Aínda así, cre que “existe escaseza de leite e as granxas imos ter que seguir aumentando a produción”.

“Se algo bo podemos extraer destes últimos tempos e da pandemia concretamente, é a visión que a sociedade comeza a ter do rural. Creo que a xente puido recoñecer o noso traballo nese momento e quero pensar que, grazas a iso, nos valora doutro xeito”, remata ilusionada esta moza gandeira. 

ÁNGEL ÁVILA
Asesor de nutrición e xestión económica en Casa Grande

 

"O meu obxectivo é que o vindeiro ano cheguemos aos 45 litros por vaca e día"

 

Desde cando traballa nesta gandería e por que comezou? 
Empecei a traballar en Casa Grande no ano 1995, hai uns 28 anos máis ou menos. José Antonio e Cruz acababan de casar e os fillos aínda non vivían. A historia xurdiu porque, daquela, traballaba nunha fábrica de pensos e demandaron o meu servizo de nutrición.

En que consiste o seu asesoramento? 
Esta é unha granxa familiar, son practicamente amigos e, sempre que me demandan calquera tipo de servizo, eu dóullelo, aínda que me centro na nutrición e na xestión económica da granxa. 
Cando empecei, tamén revisaba a calidade do leite, pois tiñan un problema de Staphilococcus aureus e sacámolo para adiante. 
Non levo a cabo ningunha visita rutineira, porque sempre que ando pola zona achégome a saudalos e coméntanme as súas inquietudes. 
Actualmente, arrancaron con tres robots e tamén traballamos nese sentido. 

Que racións está recomendando?
Facemos dous tipos de racións para as vacas de leite, porque temos un lote de vacas adultas con dous robots e un de primíparas con outra máquina de muxido. As de primeiro parto necesitan unha alimentación distinta ás vacas adultas.
Por unha banda, as vacas de leite de dous partos ou máis están con 31 kg de silo de millo, 21 kg de silo de herba, 8,5 kg de penso e medio quilo de palla. O silo de herba é bastante húmido e botámoslle a palla para facelo máis esponxoso. As primíparas, pola contra, están tomando 27 kg de silo millo e 10 kg de silo de herba, o mesmo de penso e de palla.
A maiores, asignámoslles as táboas de alimentación de penso en robot tanto por días en leite como por produción.
Por outra banda, facemos outra ración para secas e preñadas –8 kg de silo de millo, 6 kg de silo de herba, 5 kg de palla e 3,5 kg de penso– e outra para xovencas máis pequenas –12 kg da mestura para secas con 1,5 kg máis de penso–.
É curiosa a situación actual porque as xovencas están alcanzando unha media de 40 litros ao día, case o mesmo que as vacas. Isto sucede porque as xovencas teñen unha media menor en días en leite que as vacas adultas.
Cando os días en leite sexan máis normais, non tan avanzados, e as vacas volvan parir no robot, creo que poderemos chegar a picos de 45 litros.

Como foi a adaptación ao robot?
Recordo que José Antonio tiña moito medo e a adaptación foi espectacular e moi rápida. Hoxe falei con eles e dixéronme: “Ás 9 da noite estamos todos ceando na casa, todos xuntos, e iso antes era moi complicado”.
En canto á alimentación, ao principio, baixamos un pouquiño o concentrado no carro, tan só uns 2 kg, porque as vacas realmente non comen todos os quilos de penso que lles suministra o robot. Poden chegar a comer unha media de 2 kg. Despois, unha vez que levan 15 días nos robots, é cando metemos as táboas, porque xa temos as producións reais das vacas. 
Eu son un namorado dos robots. Levo unhas 65 granxas robotizadas e o benestar é enorme, porque a vaca vai comer cando quere, vai muxirse cando quere, descansa cando quere e bebe cando quere. Cando entras nunha granxa con robots, as vacas están supertranquilas.
 

Dálles asesoramento en canto á calidade das forraxes e aos cultivos?
En todas as granxas nas que ofrezo o servizo de nutrición intentamos buscar altísimas dixeribilidades.
Neste caso, cultivamos raigrás con trevo co obxectivo de lograr unha mellor dixeribilidade e un punto de proteína máis alto. Ademais, desde hai uns anos estamos inoculando todo, tanto o millo como a herba, para conseguir un ácido láctico alto. Estamos tendo un láctico dun 10 %, un acético dun 2 % e un butírico de 0. Desta maneira, non só conseguimos que as forraxes sexan dixeribles, senón que tamén sexan máis palatables, é dicir, máis apetecibles para as vacas. 

Que rendementos están obtendo nos cultivos?
Sería interesante en todas as granxas ter unha pesa para coñecer todo o que entra e todo o que sae, pero en case ningunha existe isto. Polos niveis de altura dos cultivos, calculo que andaremos por uns 35.000-40.000 kg de millo por hectárea e por uns 20.000-22.000 kg de herba por ha. 


Están intentando mellorar algún aspecto?    
Neste momento estamos centrados na incorporación dos robots, pero de cara ao futuro un aspecto no que podemos lograr melloras é na recría das xatas, sobre todo nos primeiros días. 
Despois, o foco debe estar en conseguir cada día mellores forraxes; é fundamental. Se tes unhas boas forraxes, o traballo posterior é moi fácil e conseguiranse producións cada vez máis altas. O meu obxectivo é que o próximo ano cheguemos aos 45 litros de media por animal e día.
Agora mesmo estamos en plena adaptación a robots cunha media de 40 litros ao día, con 3,87 % de graxa, 3,35 % de proteína e unhas 160.000 células somáticas por mililitro.
Contan con boa xenética e con moi bo benestar animal, polo que podemos conseguir a miña meta.