OPINIÓN | Rosa Ortega, doutora en Farmacia e catedrática de Nutrición

"Os lácteos deben formar parte da dieta de todas as persoas dados os seus grandes beneficios para a saúde"

"Os lácteos deben formar parte da dieta de todas as persoas dados os seus grandes beneficios para a saúde"

A Interprofesional Láctea (Inlac), en concordancia coa súa campaña "Conta cos produtos lácteos europeos", fixo público este artigo de opinión da doutora en Farmacia e catedrática de Nutrición, Rosa María Ortega, no que valora que os lácteos son alimentos valiosos que non deben ser excluídos da dieta, dado que "o consumo de leite, queixo e iogur no marco da dieta mediterránea e un estilo de vida activo asócianse con grandes beneficios na saúde" e advirte dos bulos e fakenews que proliferan na actualidade, xa que "a inmensa maioría das mensaxes que circulan sobre os perigos asociados ao consumo de lácteos son erróneos".

Rosa María Ortega, doutora en Farmacia, catedrática de Nutrición, membro do Comité de Sustentabilidade Láctea e de diversas asociacións nacionais e internacionais, é unha das grandes referentes en España no campo da nutrición saudable e repasa nesta tribuna de opinión algúns beneficios do leite, do queixo ou do iogur.

"Aínda que ningún alimento é perfecto ou completo, polo que debemos seguir unha dieta variada, os lácteos son o grupo de alimentos que máis se aproxima a ese ideal teórico, pois achegan unha gran variedade e cantidade de nutrientes nunha cantidade moderada de enerxía. Isto fai que o seu consumo contribúa a mellorar a calidade das dietas e axuda a conseguir a cantidade recomendada de diversos nutrientes (calcio, vitamina B2...) cuxa achegua é insuficiente é unha elevada porcentaxe da poboación.

Os lácteos son fonte importante de proteínas, minerais, vitaminas, acedos grasos, compoñentes antioxidantes, antiinflamatorios, péptidos bioactivos e estudos recentes indican que modula favorablemente a composición da microbiota intestinal.

A pesar da súa importancia nunha dieta correcta, para conseguir unha situación nutricional óptima e manter e mellorar a saúde, nos últimos anos circularon numerosos mitos asociando, equivocadamente, o consumo de lácteos con diversos perigos sanitarios. Relacionáronse coa maior produción de mocos, asma, formación de cálculos renais, incremento de peso... sen razóns que o xustifiquen, o que mesmo levou a publicar estudos científicos que demostraron que estas afirmacións estaban equivocadas.

Destácase, con frecuencia, que o ser humano é o único mamífero que consome leite na etapa adulta, pero nós podemos facer moitas cousas que non fan outros mamíferos, se iso é útil e beneficioso para nós. De feito, na evolución do home, aqueles que mantiveron a tolerancia á lactosa e puideron tomar leite para alimentarse tiveron unha supervivencia maior, o que se pode considerar como unha vantaxe evolutiva.

Só as persoas con alerxia aos lácteos deben suprimir estes alimentos da súa dieta e preocuparse por conseguir unha achegua dos nutrientes que lles van a faltar cunha alimentación ben controlada e utilizando suplementos de diversos nutrientes.

As persoas con intolerancia á lactosa poden tomar lácteos, elixindo as versións con menor contido ou libres de lactosa, polo que non hai razón para suprimir o consumo de lácteos por este problema, que moitas veces non foi ben diagnosticado, senón asumido polo individuo considerando os seus coñecementos e percepción, que se demostrou equivocada en moitos casos. Un diagnóstico médico do problema (para coñecelo ou descartalo) sería desexable para tomar medidas adecuadas con maior seguridade.

 

Tres lácteos ao día, a ración media diaria recomendable

O consumo aconsellado de lácteos é de 2-4 racións/día (o consumo máis elevado recoméndase nas etapas nas que as necesidades de calcio son máis elevadas: adolescencia, embarazo, lactación, idade avanzada, deporte...). A posibilidade de alternar o consumo de diversos alimentos: leite, iogur, queixo (e as súas numerosas variedades) facilita alcanzar o consumo aconsellado.

Sobre o consumo adecuado tamén existe un gran descoñecemento, porque moitas persoas consideran o seu consumo de lácteos suficiente ou excesivo, cando non chegan ao consumo aconsellado.

 

As bebidas vexetais non son sustitutivas dos lácteos

É importante comentar que as bebidas vexetais (soia, améndoas, avea...) non substitúen o leite, nin os seus derivados a outros lácteos. Son alimentos aceptables, que poden ser consumidos dentro dunha alimentación correcta, pero son vexetais, non lácteos, nin poden substituílos. Algúns destes produtos vexetais están enriquecidos con calcio e outros nutrientes para aproximalos na súa composición ao leite, pero nunca é igual o produto, nin a matriz láctea que se asociou con diversos beneficios sanitarios.

Ante a situación actual e os erros detectados ao redor dos lácteos é importante destacar que se trata de alimentos valiosos que non deben ser excluídos da dieta, dado que o consumo de leite, queixo e iogur no marco da dieta mediterránea e un estilo de vida activo asócianse con grandes beneficios na saúde e que a inmensa maioría das mensaxes que circulan sobre os perigos asociados ao consumo de lácteos son erróneos".