P. Demyda: "Neste momento non podes pedir un proxecto para investigar en edición xénica en animais grandes en Europa. Isto é negarse ao progreso"

Sebastián Demyda, enxeñeiro zootecnista da Universidade de La Plata (Argentina), foi un dos investigadores encargados de participar nas XIX Jornadas Técnicas de Vacuno de Leche de Seragro, plasmadas no número 35 da revista Vaca Pinta, e que tiveron lugar o pasado mes de novembro na Facultade de Veterinaria de Lugo.

 

En que punto estamos no que se refire a biotecnoloxías xenómico-reprodutivas?

O gando vacún leiteiro é o que máis adiantado está, salvo especies moi intensivas como poderían ser os pitos ou os porcos. Neste momento hai dúas revolucións: a da xenómica, que produciu un salto cualitativo e cuantitativo nos animais, e a dos animais xeneticamente modificados, a cal, na miña opinión, tamén vai xerar grandes cambios. O principal problema que hai cos animais xeneticamente modificados é Europa, que ten unha política totalmente restritiva respecto diso e, desde o meu humilde punto de vista, se seguen por aí van quedar atrás. Aquí está instalada a idea de que estamos a xogar a ser Deus, pero en realidade o que tratamos é de facer as cousas máis rápido e mellor.

Como se pode facer un mellor uso destas tecnoloxías en granxa?

En canto a reprodución, está todo inventado. Pola contra, en xenómica as cousas están a mudar, cada vez podemos ser máis eficientes. Pouco a pouco, os gandeiros están a comezar a utilizalo.  O problema disto é que os desenvolvementos xenómicos son a escala global. É complicado que un gandeiro per se poida desenvolver algo. Respecto disto os Estados Unidos é o país que máis adiantado está. Alí as tecnoloxías xenómicas son parte do custo de produción. Aquí está comezando a andar iso e hai outro punto moi importante, que é que baixaron moitísimo o prezo, hoxe son moi accesibles. O meu prognóstico é que en pouco tempo isto vai ser unha rutina máis nas ganderías, como vacinar ou mandar a analizar xeneticamente.

Neste sentido, como se está traballando en Europa con respecto a América?

A nivel reprodutivo trabállase igual en todos os sitios. As inseminacións fanse aquí e na Arxentina, en Europa e nos Estados Unidos. O problema está na parte xenómica. O programa de mellora mundial de frisón holstein está desenvolvido nos Estados Unidos, que é o produtor de tecnoloxía, digamos, e o resto do planeta é como medio tomador desa tecnoloxía. Desde o punto de vista ético é un pouco complicado, pero os resultados son unha marabilla. As cousas funcionan e, aínda que está concentrado en poucas empresas, que son as que teñen o know how, esas empresas permitíronlles os produtores empoderarse e tomar decisións respecto dos seus animais. En Europa a maioría dos países nórdicos están moi avanzados, e aquí, en España, levei unha sorpresa porque está moito máis avanzado do que eu pensaba.

As biotecnoloxías son unha realidade, pero algunhas teñen aplicación limitada por certas cuestións. É necesario achegar máis recursos desde as institucións?

Na parte xenómica estase a traballar moito. En España hai moitos grupos de investigación de xenómica moi fortes. Eu teño o pracer de colaborar en Andalucía, nun grupo que se centra no vacún de carne, e son xente que sabe o que fai. Hai laboratorios moi bos.  En canto á parte de investigación en novas biotecnoloxías, o problema é que non se pode nin falar do tema. Neste momento non podes pedir un proxecto para investigar en edición xénica en animais grandes en Europa. Isto é negarse ao progreso. A realidade é que esas biotecnoloxías funcionan e, desde o meu punto de vista, son seguras. Non hai moito que facer se os políticos non se poñen de acordo e empezan a escoitar máis aos científicos.