Celébrase por primeira vez unha poxa de 56 animais criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo os vindeiros 23 e 24 de xullo

Celébrase por primeira vez unha poxa de 56 animais criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo os vindeiros 23 e 24 de xullo

A Consellería de Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), por primeira vez, a convocatoria dunha poxa pública de 56 animais vacúns de raza Rubia Galega criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que terá lugar o 24 de xullo. A poxa é posible debido ao gran número de animais cos que conta este centro e que queren poñelos a disposición dos gandeiros interesados.

Os exemplares polos que se poderá poxar destinaranse para reprodución e hai dous tipos de lotes: xovencas nacidas entre 2021 e 2022 sen cría ou con cría. A licitación e a información dos lotes poden consultarse na web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e as ofertas presentaranse ao longo dos días 23 e 24 de xullo a través da sede electrónica da Xunta.

Os licitadores interesados terán a oportunidade de visitar o CIAM para ver de maneira presencial os animais. Isto desenvolverase nas xornadas do 22 e 23 de xullo no propio centro dependente da Consellería de Medio Rural.