O maior concurso de manexo de Europa, o Young Breeders School (YBS), deu xa comezo en Battic (Bélxica) e ao longo desta fin de semana serán seis mozos e mozas galegos, todos socios do Club de Xóvenes Gandeiros, os que participen no devandito certame.
O equipo español, organizado polo propio Club e a Federación Frisona Galega, coa colaboración de CLUN, está composto por María e Andrea Otero, da granxa Fontixón (Castro de Rei, Lugo); Lorena Iglesia, da SAT de Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo); Alba López, da Gandería Quintián (O Páramo, Lugo); Simón Blanco, da Gandeiría Queiruguera (Val do Dubra, A Coruña), e Xabier Montes, de Casa do Rei (Rodeiro, Pontevedra).
O grupo comeza hoxe a súa participación na competición co obxectivo de converterse no mellor equipo da Young Breeders School, un evento no que participarán ata 170 mozos e mozas gandeiros organizados en 29 equipos e en representación de 28 países, entre os que figura por primeira vez un equipo de Estados Unidos.
Durante os próximos días deberán superar diferentes probas: dende preparar becerras, pelalas e domalas, ata crear un stand que represente a Galicia baixo a temática do Camiño de Santiago, que incluirá unha representación da catedral de Santiago de Compostela, un vídeo de presentación do equipo e folletos informativos.