Seragro SCG pecha o programa das XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite que se emitirán de forma on-line. As citas serán o 18 de setembro, 18 e 19 de outubro e 18 e 19 de novembro. Todas as xornadas serán en horario de tarde de 15:30 a 18:00 horas. Para velas, é necesario anotarse a través da páxina web do evento www.xornadasseragro.com.
O primeiro módulo (18 de setembro) titúlase ‘Instalacións e benestar. Influencia na produción’. Abrirá o veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro Juan Luis Mosquera Gómez; seguirá o veterinario especialista en recría do Servizo Técnico de MSD AH Carlos Carbonell Baeza, e pechará o responsable do Programa de Eficiencia Produtiva MID€S de Calidade Pascual, Carlos Romero Sala.
O segundo módulo (18 de outubro) tratará o uso responsable de antibióticos, que supón unha necesidade e trae un beneficio’. Nesta ocasión intervirán a coordinadora nacional do PRAN, Cristina Muñoz Madero; o veterinario e profesor de Sanidade e Benestar do Gando (Universidade Estatal de Michigan, EE.UU) Ángel Abuelo Sebio, e a veterinaria do Servizo de Calidade do Leite de Seragro Margarita Penelas López.
O terceiro módulo (19 de outubro) céntrase na economía e a nutrición. Nesta sesión falarán o enxeñeiro agrónomo do Servizo de Xestión Técnico-Económica de Seragro Alejandro Aneiros Martínez; o enxeñeiro agrónomo, especialista en nutrición e asesor independente (Holanda) Albart Coster, e o veterinario especialista en ensilado de forraxes Alexandre Udina.
No cuarto módulo (18 de novembro) será o turno de falar sobre a saúde desde o primeiro día. Nesta quenda, repite o veterinario Ángel Abuelo Sebio e tamén falará o encargado do Servizo de Podoloxía de Seragro, Juan José Sánchez López.
No último módulo (19 de novembro) falarase sobre o medio ambiente e sostibilidade da produción láctea. Será o turno do profesor de Ciencia Animal e Tecnoloxía (UPV), Fernando Estellés Barber; o investigador científico do CSIC David Yáñez Ruíz, e o investigador do Serida Fernando Vicente Mainar. Para concluír, o catedrático de Biotecnoloxía da UPV e divulgador científico, J. M. Mulet, dará unha charla baixo o título ‘Mitos sobre saúde e sostibilidade asociados ao consumo de leite’. As sesións finalizarán cun brinde do leite.