- Máis de 700 persoas se deron cita no día de hoxe no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo para asistir á convocatoria feita por Seragro.
- Aspectos como as resistencias antimicrobianas, o balance de minerais, as novidades que incorporará a próxima PAC e o benestar animal centraron a sesión.
A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu hoxe a primeira parte das XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, unha edición que recupera o formato presencial logo da pandemia e que logrou convocar no auditorio máis de 700 persoas. Nesta sesión, tratáronse temas como a resistencia aos antibióticos, a situación actual do balance de minerais en vacas lactantes, as implicacións da PAC 2023 e aspectos básicos de benestar animal en gando vacún.
A xornada deu inicio a primeira hora da mañá co acto de inauguración, no que interviñeron o presidente de Seragro, Víctor Manrique; o deputado da Área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Roberto Fernández; a concelleira da Área de Gobernanza Municipal do Concello de Lugo, Paula Alvarellos, e o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández.
Tras isto, comezaron as exposicións. Abriu a xornada a investigadora do Servizo de Microbioloxía do Hospital Ramón y Cajal Rosa del Campo, quen alertou da resistencia das bacterias aos antibióticos dende os anos 90 e incidiu na importancia da toma de medidas, como as que xa se veñen adoptando no noso país, tales como o Plan Nacional de Resistencias aos Antibióticos (PRAN) ou os programas de optimización para o seu uso (PROA), co obxectivo de atallar o problema. Así mesmo, reflexionou sobre o One Health como concepto básico unificador da saúde humana, animal e do medio ambiente a partir do cal traballar, co fin de deter a denominada “pandemia silenciosa”. Del Campo concluíu a súa intervención lembrando que a solución pasa pola procura de alternativas ao seu uso (entre as que nomeou os fagos, as bacterias depredadoras ou as moléculas do quorum sensing), pero, sobre todo, pola prevención.
Seguírona os veterinarios de Seragro SCG Martín López e Almudena Tato, encargados de enunciar unha charla na que expuxeron os resultados do traballo de investigación levado a cabo para afondar na fisioloxía e a patoxenia que acompañan un caso de mamite, co obxectivo de entender os mecanismos a través dos cales a fertilidade do animal se pode ver afectada. O obxectivo principal desta pescuda foi tratar de relacionar a existencia ou non dun efecto negativo da mastite sobre a fertilidade, considerando o momento da inseminación como punto de partida con base na observación dun total de 95 explotacións, as cales reciben asesoramento por parte de Seragro SCG e están incluídas no Control Leiteiro oficial.
Tras a pausa para o café, o enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade de Kiel (Alemaña) Ignacio Ipharraguerre analizou polo miúdo o vínculo entre o bo funcionamento do metabolismo das vacas leiteiras e a súa capacidade de adaptación a condicións de estrés, tales como o inicio da lactación ou a desteta, polo que considera razoable concibila “coma unha diana” no desenvolvemento de intervencións útiles para mitigar o impacto negativo que estas situacións adoitan ter na produtividade e na saúde animal. O investigador advertiu que os esforzos orientados a desenvolver estratexias para combater a inflexibilidade metabólica nas vacas leiteiras aínda son escasos. Aínda así, pechou con datos alentadores, pois os resultados acadados no uso de certas intervencións con alto risco de padecer endotoxemia metabólica e inflamación suxiren que o exercicio físico, a suplementación con L-carnitina ou a administración de resveratrol poden mellorar a inmunocompetencia, reducir a inflamación e a incidencia de enfermidades e, xa que logo, aumentar a produción de leite.
A última intervención da mañá foi a de Alejandro Castillo, enxeñeiro agrónomo da Universidade de California (EE. UU.). Castillo centrou a súa exposición no cálculo de requirimentos minerais en vacas lactantes de alta produción, en como se estiman as necesidades de minerais dos animais, a achega da dieta e a importancia da auga de bebida, así como en discutir os valores de consumo, os excesos de minerais na dieta, os posibles antagonismos e a excreción no esterco (feces e ouriños). Para isto tivo en conta os novos desafíos que nacen no manexo do esterco ante os diversos sistemas de produción de leite, que abranguen "dende os pastorís intensivos neozelandeses ata os estabulados californianos", os cales experimentaron ao longo dos últimos corenta anos un crecemento "vertical", é dicir, un aumento no número de vacas pero non na superficie.
En sesión vespertina, o profesor de economía aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Edelmiro López dedicou a súa quenda a afondar nas directrices da nova PAC, cuxa posta en marcha comezará o vindeiro ano. Ao longo da súa disertación, deu a coñecer os diferentes compoñentes que a integran e a súa relevancia para o agro galego e, así mesmo, incidiu nos condicionantes adicionais, como son o Pacto Verde Europeo e as novas estratexias “Da granxa á mesa” ou a de “Biodiversidade 2030”. A seguir, analizou os distintos tipos de axudas, a redución de medidas do novo regulamento e os tipos de intervencións e ofreceu varias reflexións sobre os cambios nas explotacións galegas, como o feito de que as medidas da PAC 2023-2027 poden impulsar cambios moi necesarios nas granxas de leite da nosa comunidade. Pechou a súa conferencia citando algunhas incógnitas e dúas indubidables certezas: a dinámica dos mercados vai ser determinante e o Pacto Verde Europeo marcará un camiño sen volta atrás.
Seguiuno no estrado Fernando Estellés, investigador do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Animal da Universidade Politécnica de Valencia, quen, tras introducir no seu relatorio o concepto de ‘cambio climático’ e as súas consecuencias incontestables para o noso planeta, levou esta realidade ao contexto agrogandeiro e describiu as principais emisións de efecto invernadoiro (GEI) emitidas dentro do sector, ao tempo que insistiu en que, malia non ser unha “fonte de contaminación desprezable”, é importante lembrar que é un dos sectores que máis sofre o cambio. Seguidamente, explicou que significa a pegada do carbono no leite, salientou a importancia do seu cálculo nas diferentes explotacións, “como unha ferramenta para reducir o seu impacto”, e ofreceu varias pautas para poder reducir a súa pegada, o que mellorará tanto a eficiencia produtiva coma o benestar animal.
María Pardo, veterinaria de Seragro SCG, completou o cadro de expertos do primeiro día cunha conferencia que se centrou na valoración do benestar animal nas ganderías de vacún leiteiro. Pardo enfocouse en debullar o que significa na práctica “benestar animal” e, sobre todo, en dilucidar sobre el coma un concepto multidisciplinar e complexo, ao que se deben engadir “as emocións e o comportamento” dos animais.
Tras salientar os protocolos de valoración actuais, apuntou o Welfare Quality como o máis importante de todos e amosou os datos recompilados do estudo feito a un total de 93 explotacións galegas con base en diversos puntos dos principios do devandito Protocolo (aloxamento, boa saúde, boa alimentación e bo comportamento).
A súa charla deu fin coas principais conclusións extraídas desta investigación, como a importancia da inclusión das emocións e o comportamento na valoración do benestar animal, a identificación temperá dos animais afectados con mamite e coxeiras para previr a súa aparición ou a análise das causas de mortalidade ou sacrificios na granxa para tomar conciencia da súa incidencia.
MAÑÁ, NOVO DÍA DE EXPOSICIÓNS
As XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro continúan mañá cunha segunda parte na que intervirán o veterinario de Servet Ledesma Miguel Ángel García; o podólogo de Seragro SCG Manuel Vidal; o veterinario de Recría Castro Rogelio Grille; o enxeñeiro zootecnista Sebastián Demyda; a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé; o alcalde de Curtis (A Coruña), Javier Caínzos, e o investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria-Galicia Sur Carlos Spuch.
O manexo e a alimentación da recría, o control e a prevención da dermatite, as propiedades do leite na saúde humana e o uso de biotecnoloxías xenómico-reprodutivas en vacún leiteiro serán algúns dos temas que se tratarán nesta sesión. Ademais, a última hora da tarde, como vén sendo habitual, terá lugar a clausura das xornadas co tradicional brinde do leite.