A gandería Carboeiro, de orixe familiar e coa terceira xeración de gandeiros xa ao mando da sociedade, leva apostando fielmente pola automatización dos procesos e pola variedade de ramas no negocio desde hai máis de vinte anos. Combinan a súa granxa de leite coa cría de porcos e de polos, e están moi satisfeitos coa incorporación de dous robots para o muxido. Máis en Vaca Pinta 47.
Localización: Taboada (Lugo)
Propietarios: Mercedes Rigueira, Manuel Salgado, Lionel Salgado e Adrián Salgado
N.º total de animais: 250
Vacas en muxidura: 120
Media de produción anual: 39 l/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,50 %
Porcentaxe de proteína: 3,30 %
RCS: 180.000 céls./ml
Venda do leite: Reny Picot
Adrián Salgado e o seu irmán Lionel comparten sociedade cos seus pais, Mercedes Rigueira e Manuel Salgado, e suman un rabaño de vacas de 250 cabezas, das que moxen unhas 120. Non obstante, dedicados ao 100 % da explotación están só os seus pais e máis un empregado, Hicham Souiri, xa que os dous mozos teñen traballos alleos á gandería.
Adrián, cun ciclo superior de Análise e Control de Calidade, traballa na fábrica de pensos da cooperativa Aira e o seu irmán, nunha empresa como enxeñeiro en telecomunicacións.
Como a gran parte dos negocios gandeiros de Galicia, esta granxa naceu grazas aos avós de Adrián, que, emigrados a Suíza, decidiron comprar a propiedade actual e volver para comezar a traballar con tan só cinco vacas e un circuíto de muxido.
Pasados uns anos, incorporáronse os seus pais e con eles tamén a primeira sala de muxido, na que podían muxir cinco vacas á vez. Tempo despois, o crecemento seguía sendo a tónica habitual do negocio e construíron un establo onde instalaron unha sala en espiña de peixe 6x2. Finalmente, a última das incorporacións foi a dos netos daqueles primeiros emprendedores, cunha nave nova e dous robots de muxido.
“Hai aproximadamente cinco anos, botabamos bastante tempo muxindo, queriamos buscar un terceiro muxido, pois había vacas moi produtoras, e atopar man de obra facíase complicado”, lembra Adrián.
Ante estas tres necesidades, puxeron enriba da mesa dúas opcións: instalar unha sala máis grande ou decantarse por robotizar o muxido.
Gañar calidade de vida e ter maior flexibilidade horaria foron os dous motivos que pesaron máis á hora de tomar unha decisión e, ao final, apostaron por incorporar dous robots.
CONFIANZA TOTAL NA ROBOTIZACIÓN
Na actualidade están alcanzando medias de 39 litros por vaca e día, cunhas porcentaxes de graxa de 3,50 % e de proteína de 3,30 %.
“Deseñamos cos técnicos da marca comercial o proxecto de instalación dos robots e convenceunos o sistema desde o primeiro día”, recalca o gandeiro.
Colocaron os dous boxes en paralelo, cunha sala de espera e unha porta preselectora, a onde acceden só as vacas que teñan permiso de muxido. Ao outro lado, encóntranse o foso común de acceso ás tetoeiras, a sala de máquinas e a oficina. “Nun establo de case 80 metros de longo, quedounos todo moi centralizado e isto facilítanos moito o traballo”, indica
Do paso do traballo en sala ao funcionamento con robots teñen un bo recordo, “pensamos que a adaptación –di– ía ser moito máis complicada”. Iniciaron o cambio cun só robot e combinando co muxido en sala. Cada día pasaban unhas dez vacas máis para o robot e así varios días ata o remate final: “En 15 días esquecémonos do tema”.
Notan as vacas moito máis tranquilas e lograron aumentar a produción uns 6 litros de media. “Estabamos nunha media de 33 litros por vaca e día e fomos mellorando pouco a pouco ata lograr os 39”, resalta Adrián. A maiores, subliña a cantidade de traballo que lles sacaron os robots e a flexibilidade horaria: “Podemos acabar antes porque non hai problema e para días puntuais esta explotación deféndea unha soa persoa”.
Coa robotización do muxido, tamén renovaron os colares de identificación para os animais, pois, aínda que levaban usando esta tecnoloxía desde había un tempo, os mesmos non servían para os robots. “Este sistema –engade– permíteche detectar unha vaca en celo sen estar presente na explotación e saber anticiparnos a posibles problemas, porque cando indica que unha vaca non está comendo ben é que algo pasa”.
Moi satisfeito do paso dado en canto á robotización do muxido, Adrián recoñece que sempre quixeron camiñar da man das novas tecnoloxías; de feito, o primeiro robot que sumaron ás súas instalacións foi a amamantadora. “Hai case vinte anos que traballamos con ela, porque sempre intentamos buscar a comodidade no traballo”, apunta.
Neste senso, ademais dos robots e da amamantadora, contan tamén cun arrimador de comida. Desde que as vacas se empezaron a muxir cos robots, comezaron a ver que circulaban moito máis de noite que de día e que ao chegar cada mañá había moita comida nos corredores: “Optamos por adquirir un arrimador e inmediatamente vimos como aumentou o movemento de animais, o número de entradas ao robot e, en consecuencia, a produción”. Téñeno programado para arrimar a ración cada dúas horas e pasa tanto para as vacas en produción como para as secas.
INSTALACIÓNS E ORGANIZACIÓN DO RABAÑO
Nas instalacións antigas da gandería teñen toda a recría, desde que nacen en boxes individuais ata que paren e se incorporan ao lote de produción, e na nave máis nova, na que instalaron os robots, manteñen as vacas de leite e as secas, e mais dous lotes pequenos de recría por falta de espazo.
Nesta última dispoñen de 120 cubículos con camas de carbonato e serraduras na gran maioría. “Vénnos un camión con este material e non chega para todos, entón nos 25 restantes botamos area. Así as vacas poden escoller a cama que queiran –matiza– e para nós o carbonato con serraduras dá moito menos traballo á hora de xestionar o xurro”. A recría máis nova descansa en palla e a partir dos cinco meses pasa a lotes nos que o chan está emparrillado.
Os machos véndenos tan pronto poden e as femias aos 10 días de vida pasan para a amamantadora.
Na zona de parrilla realizan a limpeza manualmente con tractor e cisterna de auga, mentres que nas instalacións novas contan xa con arrobadeiras de cable que pasan tres veces ao día. Acumulan todo o xurro en tres fosas: unha, para produción e secas, con capacidade para un millón de litros, e outras dúas, para a recría, nas que colle outro medio millón de litros. Ningunha delas é aberta, pois a primeira está cuberta e estas dúas están xusto debaixo das parrillas.
Co xurro almacenado fertilizan as súas terras e vano sacando en función das necesidades de cada campaña.
Os comedeiros das produtoras e das secas están recubertos con resina, “máis que nada por limpeza e comodidade” –detalla– e os bebedoiros son de aceiro inoxidable e volteo, “para darlles a volta todos os días á mañá e á noite e colocarlles auga fresca e limpa”.
Na parte máis nova detectaron que a calor no verán afectaba na produción e no benestar dos seus animais, por iso decidiron colocar ventiladores. “Na zona dos robots tivemos que instalar un grande de aspas porque notabamos que non se acercaban igual ao robot”, afirma.
A última das incorporacións foron as placas solares. “Cando robotizamos o muxido –comenta–, tomamos tamén a decisión de apostar pola colocación de placas solares e puxemos 60 paneis. A verdade é que hai unha diferencia bastante grande cun aforro importante, sobre todo no verán”. Adrián engade que se aproveitan da electricidade mentres producen e que o resto é vertido para a rede.
A BASE TERRITORIAL, TODO UN RETO
A gandería Carboeiro é socia da cooperativa Aira desde os seus inicios, pois viñan de ser socios de Icos na súa fundación, e para os labores de alimentación dos animais reciben o seu carro todos os días. O unifeed prepáralles cada día dúas racións: a das produtoras a diario e alterna entre a da recría e a das secas.
A ración das produtoras componse de 28 kg de silo de millo, 7 kg de silo de herba, 2 kg de alfalfa e 8,5 kg de concentrado. As secas comen 7 kg de silo de millo, 3 kg de silo de herba, 3 kg de herba seca, 3 kg de palla e 4 kg de concentrado para secas. As xovencas aliméntanse con 6 kg de silo de millo, 5,5 kg de silo de herba, 4,5 kg de herba seca e 3 kg de concentrado.
Todas as forraxes destas racións son cultivadas por eles mesmos nun total de 80 hectáreas, das que 50 son propias e 30, arrendadas.
Fan rotación de millo e herba nunhas 50 hectáreas e o resto destínano a herba permanente.
Botan unha mestura de raigrás e trevos e, de millo, un ciclo 400 ou 450, pois “gústanos sementalo cedo, aínda que algún ano se o temos que atrasar por algún motivo rebaixamos a un ciclo 200 ou 250”, puntualiza Adrián. Intenta que a sementeira sexa na última semana de abril ou, como moi tarde, polo 10 de maio, e recólleno polo 20 de setembro, dependendo do ano.
En canto a rendementos, o gandeiro aclara que non todas as campañas son iguais, pero que para o millo pode falar duns 50.000 kg/ha. Para as colleitas de herba non se centran tanto na cantidade senón na calidade e buscan “ensilar cedo e abaratar custos”.
Un dos seus maiores problemas é a falta de base territorial, segundo asegura: “Estamos intentando conseguir máis terreo porque imos moi xustos de comida, pero é moi complicado nesta zona facerse con máis terras. Non é nada fácil”. Así, todo o que precisan a maiores cómprano fóra ou á súa cooperativa.
Da gran parte dos traballos que requiren estes cultivos encárganse eles mesmos e só contratan a recollida do millo e da herba, tanto aos servizos das cooperativas como a particulares, dependendo da súa dispoñibilidade.
A través de Aira reciben as visitas veterinarias e os servizos de reprodución, con Roi Capón, e de nutrición, con José María Viana.
En que consiste o seu traballo en Carboeiro?
Levarei traballando aquí dous anos e medio ou tres aproximadamente. Estamos facendo unha visita cada 14 días para realizar exploración posparto das vacas a partir dunha semana máis ou menos. Revisamos toda a información en canto a enfermidades e volvemos a ecografar aos 60 días para ver que todo está en orde. Deixamos unha ventá de 20 días, entre os 65 e 95 días, para que se inseminen. A partir dos 90 días, as vacas que non fosen inseminadas, empezamos a traballalas cun protocolo de inseminación a tempo fixo. Facemos un diagnóstico de xestación a 28 días e unha sexaxe, e, logo, volvemos a revisalas antes de secar.
En canto á recría, inseminan eles entre os 12 e os 13 meses aquelas que teñan o tamaño axeitado e, as que non estean inseminadas, sincronizámolas tamén a tempo fixo.
A que aspectos están dando máis importancia?
Dámoslle moito valor a que as vacas pairan sen enfermidades, que teñan uns pospartos moi bos, e a conseguir que as xovencas cheguen cun bo tamaño á hora do parto e que pairan entre os 22 e os 24 meses, coa finalidade de optimizar as producións vitalicias destes animais.
A taxa de detección de celos nesta gandería é moi boa, aproxímase ao 70 % e as inseminacións por preñez andan polas 2,5 para vacas e por 1,3 para xovencas.
Están centrados en mellorar algún aspecto en concreto de cara ao futuro?
Creo que sería interesante empezar a traballar coa xenómica para seleccionar mellor os animais, pero hai que ir paso a paso.
Desde cando traballa nesta gandería e por que comezou a traballar aquí?
Empezamos a traballar en Carboeiro tras a posta en marcha dos robots. Vendo os resultados que tiñamos noutras granxas, Adrián deunos a oportunidade e aquí seguimos.
Que racións están administrando e por que motivos se fan así?
No primeiro e segundo ano de traballo con robots hai que ser moito máis coidadosos, pero, cando as vacas xa están afeitas, podemos facer máis variacións.
Desde que comezamos ata o día de hoxe o censo de vacas aumentou un 25 % e iso supón que nos teñamos que adaptar moito ás existencias de forraxes.
Dámoslles unha única ración ás produtoras, que consta basicamente de silo de millo e silo de herba, un par de quilos de alfalfa e uns oito quilos e medio de concentrado. O penso no robot está axustado a cada vaca en función dos días en leite e da súa produción.
Para as secas preparamos unha ración con base forraxeira moi fibrosa, con boa dixestibilidade nos ensilados, adoitamos utilizar as mesmas frontes dos silos de vacas de produción e intentamos buscar silos bos de avea ou unha boa palla; por último, seleccionamos un penso adecuado para esta fase de prelactación. Consideramos que estes 15 días preparto son parte esencial para o éxito dos 15 posteriores ao parto, por iso lle estamos dando moita importancia, para que a vaca entre con boa fluidez no robot, empece a muxirse ben e arranque con producións altas, como requiren os sistemas robotizados.
Finalmente, para o lote de xovencas elaboramos unha ración con 6 kg de silo de millo, 5,5 kg de silo de herba, 4,5 kg de herba seca e 3 kg de concentrado.
Como é de importante a calidade das forraxes?
Necesitamos manter un compromiso entre a cantidade e a calidade das forraxes e dependemos moito da climatoloxía.
A prioridade é conseguir máis forraxe, pero iso depende da base territorial e cónstame que os gandeiros están facendo grandes esforzos por conseguila, aínda que non é fácil.
DELEGACIÓN DA XESTIÓN XENÉTICA
En Carboeiro non lle dan prioridade ao tipo das súas vacas e á hora da selección xenética deixanse asesorar polo técnico que lles vende as doses. Adrián admite que delegan moito este labor, aínda que as súas esixencias pasar por buscar boas producións, boas patas e bos ubres.
Usan seme sexado para todas as xovencas, menos cando xa levan dous ou tres intentos, que pasan a carne, e nas vacas adultas decántanse polo convencional.
O cruzamento con carne realízano con seme de azul belga ou limousin. “Levamos un par de anos traballando así e non temos problemas nin á hora de quedar preñadas nin á hora dos partos”, concreta.
DIVERSIFICACIÓN: PRESENTE, PASADO E FUTURO
Véndenlle o leite a Reny Picot desde hai uns corenta anos, cando comezou a funcionar a gandería, e, sobre o prezo base (que varía en función das producións e anda arredor dos 40 cts./l), engádenlles primas segundo as calidades de graxa e de proteína.
Con todo, aos ingresos do negocio lácteo súmanse tamén os beneficios da súa granxa de polos e do seu criadeiro de porcos.
A diversificación chegou a Carboeiro pouco despois de comprar a finca onde están instalados, xa que cinco anos máis tarde tomaron a decisión de construír unha nave para porcos, que leva funcionando desde aquela: “O grupo ao que pertencemos tráenos os cochiños pequenos e nós criámolos ata os 4 meses”.
A maiores, hai uns vinte anos a empresa que lles vendía o penso para as vacas propúxolles introducirse no mundo dos patos. “Levantamos outra instalación e traballamos nese sector quince anos máis ou menos ata que as vendas comezaron a baixar e a mesma empresa decidiu apostar polas galiñas poñedoras en ecolóxico. Coa chegada da COVID-19 e un descenso nas vendas de ovos, asumimos o seguinte cambio proposto cara á cría de polos en ecolóxico e, desde aquela, continuamos con eles”, relata.
Tanto os porcos coma os polos son para Carboeiro un complemento ao negocio do leite para non crecer en número de vacas polos problemas que se atopan de base territorial. “Cando un dos sectores vai un pouco máis baixo, outro mantense ou vai mellor e así imos aguantando con máis forza esas caídas”, valora o gandeiro.
Nas dúas naves de polos chegan a criar uns 8.000 cada tres meses e na de porcos, 500 en cada remesa.
De cara ao futuro, Adrián, o seu irmán e os seus pais non contan con grandes cambios e consideran que o sector preséntase bastante complexo, polas “esixencias, tanto burocráticas como de infraestruturas, que cada vez son maiores e dificultan moito o traballo”, asinte. Aínda así, os seus ollos transmiten certa positividade e recoñece que o próximo investimento é a construción dun almacén para a maquinaria e para as forraxes, que xa está en marcha.