Space 2023 dá comezo hoxe en Rennes

Space 2023 dá comezo hoxe en Rennes

A trixésimo sétima edición do Salón Internacional de Gandaría (Space) inicia hoxe a primeira das súas tres xornadas de feira na que se sucederán conferencias, exposicións, entregas de premios, presentacións de produtos, poxas de gando e concursos morfolóxicos. Unha ampla oferta de actividades que converte, do 12 ao 14 de setembro, o Parque de Exposicións de Rennes (Francia) no epicentro internacional das producións gandeiras.

Nesta primeira xornada, como vén sendo habitual, o evento central será a cerimonia de entrega dos premios Innov'Space. Nesta convocatoria serán premiadas 37 candidaturas, logo dun rigoroso exame por parte dun xurado de expertos multidisciplinares. As grandes temáticas que se desprenden do palmarés 2023 son a agricultura de precisión e a redución do impacto ambiental coa maquinaria agrícola (13 galardoados), así como a enerxía con solucións para optimizar o seu uso e mellorar o ambiente nos edificios, a seguridade sanitaria e a saúde dos animais. 

Tamén terá lugar a presentación de proxectos presentados ao Tech'Agri by Innove'Space, un concurso que pretende que mozos en formación reflexionen sobre problemáticas agrícolas concretas e deseñen xuntos solucións técnicas para abordalas. A explicación farase ante un xurado técnico que dará hoxe a coñecer o nome da proposta premiada. 

Por outra banda, o "Espace for the Future" tratará o tema da enerxía para dar as claves aos visitantes no referente á súa explotación gandeira do futuro. 

No que se refire á exhibición de animais, entre o martes e o xoves sucederanse unha ducia de campionatos de vacún: participarán 500 bovinos de 13 razas. Como vén sendo habitual, a xornada do xoves estará dedicada aos exemplares da raza frisona: 166 animais competirán no Prim'Holstein Atlantique, que será xulgado polo normando Luc Sassel. 

Volverá celebrarse tamén, na tarde do mércores, a poxa Génomic Elite, na que será posible poxar de forma dixital e física. Hai inscritos exemplares de 7 razas diferentes: 31 xovencas (10 delas presentes na feira) e 7 lotes de embrións de seme sexado. Tanto os exemplares como os lotes de embrións que sairán a poxa poden consultarse nesta web e na páxina do evento. 

A organización sinala que, nesta edición, inscribíronse un total de 1207 expositores (cen máis que en 2022) e que, deles, 247 fano por primeira vez. "Temos 365 expositores que son empresas internacionais (22 delas son españolas), chegados de 39 países, e esperamos recibir a uns 100 000 visitantes durante este tres días", destacan os portavoces, quen tamén apuntan que en concretro os sectores da nutrición e da alimentación animal, o da enerxía e o do material ao aire libre experimentan un notable aumento con respecto ao ano pasado.