Space pecha unha edición máis como feira internacional de referencia

Space pecha unha edición máis como feira internacional de referencia

A feira francesa Space volveu bater récords de asistencia na súa última edición. Con máis de 1.200 expositores e 101.000 visitantes, o evento segue consolidando a súa posición global. As competicións gandeiras, os premios Innov’Space e os novos espazos marcaron este encontro centrado no futuro do sector produtor. Máis en Vaca Pinta 48.

A edición 2024 da feira Space, celebrada do 17 ao 19 de setembro no Parque de Exposicións de Rennes (Francia), reafirmou a súa posición coma un dos eventos gandeiros máis relevantes a nivel mundial. Na súa 38.ª entrega, Space sorprendeu polo seu grande éxito en termos de asistencia e dinamismo, presentándose un ano máis coma o escenario ideal para o intercambio de coñecementos e a exploración das innovacións que marcarán o futuro do sector agropecuario. Neste contexto, a feira ofreceu un espazo idóneo para debater sobre o desenvolvemento e os desafíos da agricultura nos próximos anos.

Un dos aspectos que destacaron os seus portavoces foi a cifra récord de asistencia. “Recibimos 101.757 visitantes, o que supón un 12 % máis que o ano anterior.

Agardamos que estes tres días fosen unha ocasión excepcional e única para todos os sectores da gandería para recoller información, intercambiar ideas, compartir reflexións e debater”, sinalaron, facendo especial fincapé na magnitude do evento.

Ademais, dos máis de 12.000 visitantes internacionais, procedentes de 120 países, moitos chegaron con proxectos concretos en mente, buscando solucións innovadoras e consellos que puidesen aplicar nas súas respectivas explotacións. “Esta afluencia non só reflicte o interese crecente pola feira, senón tamén a profesionalidade e as oportunidades de negocio que ofrece Space”, engadiron desde a organización.

INNOVACIÓN NO CORAZÓN DE SPACE

Como vén sendo habitual, unha das grandes apostas desta edición foi a promoción da innovación, que estivo presente en todas as áreas da feira, desde os postos dos expositores ata as actividades propostas. “A innovación sempre foi un piar fundamental de Space, pero este ano ofrecemos un enfoque aínda maior, ao centrarnos en como as novas tecnoloxías poden mellorar as condicións de traballo dos gandeiros, o benestar animal e a seguridade sanitaria”, remarcaron desde o comité da feira.

Nesta mesma liña, a cerimonia de entrega dos premios Innov’Space volveu ser un dos actos máis destacados desta edición. Este ano, o xurado, composto por 60 profesionais relacionados con distintos ámbitos do sector produtor, recoñeceu un total de 48 propostas, das 117 candidaturas presentadas. Delas, oito foron as innovacións distinguidas co trofeo de honra das 3 estrelas. “Nesta ocasión, puxemos especial fincapé nas solucións que axudan os gandeiros a facer o seu traballo de maneira máis eficiente e segura”, mencionou un portavoz. Entre as innovacións premiadas, sobresaíu unha tecnoloxía deseñada para reducir o estrés nos animais durante o transporte e un sistema automatizado de xestión de alimentación que optimiza os recursos nas explotacións.


No campionato Prim’Holstein, a gran campiona foi 592 Noe Pensylvani, un exemplar propiedade de Gaec Pom Holstein, Quim Serrabassa, Agriber e Triangle Holstein

O interese polas novas xeracións tamén se reflectiu no Tech’Agri Challenge by Innov’Space, unha competición que reuniu estudantes para propoñer solucións creativas e viables para os retos do sector. “Queremos que os mozos se sintan motivados para continuar desenvolvendo as súas carreiras dentro do ámbito da produción primaria. Por iso lles damos un espazo onde poidan compartir as súas ideas e traballar en proxectos reais”, explicaron.

UN ESPAZO DEDICADO Á XENÉTICA ANIMAL

A área de exhibición de animais foi outro dos grandes atractivos de Space 2024, onde se ofrece a oportunidade única de coñecer de preto a excelencia xenética de diferentes razas. “Cada ano esforzámonos por garantir que os concursos e as presentacións de animais estean á altura das expectativas de visitantes e expositores”, remarcaron os organizadores. Deste xeito, e malia as restricións sanitarias impostas polas autoridades, a calidade dos exemplares exhibidos foi excepcional.

Un dos momentos máis agardados da feira foi o campionato Supremo, un evento único que coroa a mellor vaca de todas as razas. Este ano, a gañadora foi un exemplar de Pie Rouge, que impresionou os xuíces pola súa calidade e xenética. “O nivel dos animais é altísimo e isto demostra o compromiso dos gandeiros coa mellora continua dos seus rabaños”, sinalaron.

Ademais do campionato Supremo, a poxa Genómic Élite e a poxa de Excelencia Cárnica volveron ser puntos de referencia internacionais e atraeron a atención de expertos en xenética e de compradores de todo o mundo. Por outra banda, as razas limusina e prim’holstein, protagonistas do Challenge nacional, ofreceron todo un espectáculo de profesionalidade e calidade.

No campionato frisón, a gran campiona foi 592 Noe Pensylvani, un exemplar propiedade de Gaec Pom Holstein, Quim Serrabassa, Agriber e Triangle Holstein. O xuíz canadense Yan Jacobs escolleu esta vaca por riba das outras 200 produtoras que entraron en pista e que foran previamente preseleccionadas para competir polos sindicatos da raza nas seis rexións do Grand-Ouest francés.

OS PREMIADOS COAS TRES ESTRELAS DOS INNOV’SPACE
Ender Diagnostics AG foi galardoada pola súa tecnoloxía PCR Emma (Ender Multiplex Molecular Approach), Hanskamp convenceu o xurado coa súa FeedStation Mobile e tamén foi distinguida a gaiola xiratoria hidráulica para ovellas PM 400 de Marechalle Pesage. MSD Animal Health gañou o premio con Bovilis Cryptium, Provimi Cargill recibiu as 3 estrelas con Reveal™ Layers e, ademais, foi recoñecido Salmotruck, desenvolvido por Vitalac Biotech. Así mesmo, foi galardoado Circo-Match™, de Zoetis, unha solución de diagnóstico para PCV2, e, por último, o xurado quixo poñer en valor toda unha gama de produtos innovadores premiando a Vencomatic Group France.

NOVAS PROPOSTAS E EXPERIENCIAS

Space esforzouse por mellorar a experiencia dos visitantes coa incorporación de novos espazos e servizos que fomentaron a convivencia e o intercambio de ideas. “Pretendemos crear áreas onde a xente poida relaxarse e compartir, ao tempo que desfruta dunha ampla gama de produtos locais e servizos de restauración”, explicaron.

Outro dos momentos máis valorados foi o almorzo de expositores, unha tradición que regresou este ano e que, segundo a organización, “foi moi apreciada por todos os que participaron”.


Fieis ao seu compromiso co futuro do sector produtor, nesta edición Space puxo o foco na eficiencia, a remuda xeracional e o benestar animal

UN FUTURO PROMETEDOR PARA A AGRICULTURA

A feira non só serviu como escaparate de produtos e innovacións, senón que tamén foi un foro para debater sobre os desafíos que enfrontará a agricultura nos próximos anos. O tema deste ano do Espace for the Future, “Xeración Gandería: inventemos o futuro”, deu pé a numerosos debates e mesas redondas que abordaron cuestións cruciais como a remuda xeracional nas explotacións, a organización do traballo e o mantemento da man de obra. “Buscamos axudar os agricultores a trazar a súa propia traxectoria e a atopar solucións para atraer e manter o talento no sector”, aseveraron desde a organización.

As mesas redondas tamén exploraron temas como a reorganización do tempo de traballo, o financiamento e as oportunidades para mellorar a sustentabilidade dos negocios gandeiros. “Sabemos que os retos son grandes, pero estamos convencidos de que coa colaboración entre profesionais e a adopción de novas tecnoloxías podemos construír un futuro próspero para o sector”, asegurou un dos portavoces da feira.

Space 2024 foi, sen dúbida, un reflexo do dinamismo e a modernidade do sector agropecuario. “Demostramos que a agricultura do futuro pode ser eficiente, innovadora e sostible”, celebraron os membros do comité. Os visitantes, pola súa parte, amosáronse moi satisfeitos coas propostas e a calidade do evento, do que destacaron especialmente a riqueza dos debates e as solucións técnicas presentadas. “Recibimos moi bos comentarios dos expositores e dos visitantes, o que nos anima a seguir mellorando nos próximos anos”, afirmaron desde a organización.

Coa súa 38.ª edición, Space continuou consolidándose como un evento imprescindible para os profesionais do sector agropecuario. A próxima cita, prevista do 16 ao 18 de setembro de 2025, promete seguir o mesmo camiño e continuar co legado de innovación e excelencia que caracteriza a esta feira.