Space 2024 pecha as súas portas batendo cifras de asistencia

Space 2024 pecha as súas portas batendo cifras de asistencia

Onte pechou as súas portas a trixésimo oitava edición da feira Space, celebrada en Rennes (Francia) do 17 ao 19 de setembro. "Esperamos que estes tres días foran unha ocasión excepcional e única para todos os sectores da gandaría, para recoller información, intercambiar ideas, compartir reflexións e debater", destacaron os voceiros da organización. Reunións de networking, exposición de animais, conferencias, certames de gando... A oferta de actividades volveu ser moi completa.

Entre os pratos fortes desta cita, atopábase a cerimonia de entrega dos premios Innov'Space ás últimas innovacións do sector. Este ano, o xurado, composto por 60 profesionais relacionados con distintos ámbitos do sector produtor, recoñeceu un total de 48 propostas, de entre as 117 candidaturas. Delas, oito foron as innovacións distinguidas co trofeo de honra das 3 estrelas.

Ender Diagnostics AG foi galardoada pola súa tecnoloxía PCR Emma (Ender Multiplex Molecular Approach), Hanskamp convenceu o xurado coa súa FeedStation Mobile e tamén foi distinguida a gaiola xiratoria hidráulica para ovellas PM 400 de Marechalle Pesage. MSD Saúde Animal gañou o premio con Bovilis Cryptium, Provimi Cargill recibiu as 3 estrelas con Reveal™ Layers e foi ademais recoñecido Salmotruck, desenvolvido por Vitalac Biotech. Así mesmo, foi galardoado Circo-Match™, de Zoetis, unha solución de diagnóstico para PCV2, e, por último, o xurado quixo destacar toda unha gama de produtos innovadores premiando a Vencomatic Group France.